culturagalega
consello da cultura galega

Os Favoritos de Kimuru

Publicado o 13 Xan 2006

Kimuru é o alter ego musical de Quique Fernández Muruais, un músico lucense que agora está de xira presentando as cancións do seu primeiro disco “Todas las naves espaciales son de plástico” (Falcatruada, 2006) que aínda tardará uns días en estar a disposición do público.

No momento de escribir estas liñas Kimuru está preparándose xa para un concerto na Coruña no que compartirá o escenario da Sala Mardi Gras cos tamén lucenses Islabikini. Tras formar parte de varios grupos en Lugo, como Los Osos Montañosos, Los Fantomas ou Los Comestibles, agora Quique Fernández busca o seu sitio en solitario con este disco editado por Falcatruada, “Todas las naves espaciales son de plástico”, un digipack do que asegura sentirse “moi ledo, pois é algo así, como unha viaxe cara o espazo exterior que parte dende dentro dun mesmo con efectos expansivos.” O disco conta coa colaboración de Arturo Vaquero, (arranxos e produción), César López (baixista de Los Comestibles) e Martín Alonso (guitarra de Holywater). O disco foi gravado e producido nos estudios Abrigueiro (Friol, Lugo).

A orixinalidade musical deste compositor achéganos unha escolma de pop electrónico con referencias constantes a grandes clásicos. Cancións sinxelas e frescas que ás veces rozan o minimalismo musical nos seus arranxos. Quique fala así do seu disco: “Trátase de procurar telo moi claro. Facer o que che gusta tendo as ventás abertas á túa propia memoria musical. Esquecerse de as túas cancións encaixan ou non nos tempos que corren.” A inspiración para as cancións que presenta, así como para aquelas que segue a crear cada día, sae de moi diversas fontes, “No amor e os seus múltiples reversos. O tempo e a viaxe. Na vida e a morte. E nunha serie de chorradas de vital importancia para min.”

Kimuru, que dispón dunha páxina web propia -www.kimuru.com- na que podedes escoitar unha mostra da súa música, busca na rede páxinas que lle falen “da música, do cine, da pintura que me interesa, e de personaxes dos que teño a curiosidade por empaparme de información”.

Nesa liña recoméndanos visitar as seguintes:

www.neworderonline.com

www.caetanoveloso.com.br

www.officialtomwaits.com/main.htm

www.davidbowie.com

www.falcatruada.com
Eles son quen levan Kimuru