culturagalega
consello da cultura galega

Os favoritos de Óscar Losada

Publicado o 20 Xan 2006

O xornalista Óscar Losada está solidamente engarzado no sistema musical polo seu traballo como crítico musical, organizador dos Premios La Opinión de Música Galega, editor da revista Cartafolk e escritor de numerosos traballos sobre música. Compaxina esta especialización coa do xornalismo deportivo no que tamén leva moito traballado en diversos medios de comunicación.

Nestes días Óscar Losada abre unha nova etapa nos micrófonos da Radio Galega cun programa de cine chamado A Lanterna Máxica, que se emite os sábados de 17 a 18 horas. O audiovisual é o terceiro pé sobre o que se asentan as súas inquedanzas, ademais da música e o deporte. Traballo como correspondente da revista Cinemanía e dirixiu e presentou programas de cine e música en Radiocadena e Radio Nacional. Ademais ven de sacar recentemente o terceiro número da revista Cartafolk dedicado ao grupo La Bottine Souriante, principais representantes da música de Quebec, e o libro “Deportivo Obrero. 75 anos de historia” (Ed. Trifolium) no que fala da historia do club de fútbol de Oleiros e que presentará oficialmente nesa localidade no vindeiro día tres de febreiro.

Entre os seus proxectos para o futuro, ademais de ir sacando adiante ese magnífico programa de radio, está a preparación de dous novos números do Cartafolk, “o catro estará dedicado ás finesas Vartinna e o quinto terá como protagonista aos Berrogüetto” e está pendente de saír á luz “Nina”, unha historia de xénero negro en banda deseñada que fixo co debuxante Santy Gutiérrez e da que é autor do guión.

Óscar adoita usar os seguintes recursos web:

www.rebelion.org
Magnífica páxina para comprender mellor o mundo, desde o punto de vista social e político.

www.folque.com
Unha páxina ben interesante feita desde o Conservatorio Folque de Lalín porque ofrece bastantes informacións sobre o que acontece no eido do folk galego.

www.acb. com
www.ligafemenina.com

Para os amantes do básquet, dous enderezos para estar ao día do que sucede nas ligas masculina e feminina.

www.porlared.com
Excelente información sobre o mundo do audiovisual. Mágoa que agora sexa de pago.

www.vieiros.com
Coidada e meritoria páxina que trata sobre temas galegos. Moitas veces sentes que a súa información non chegue a máis xente porque é moito mellor que a que
ofrecen os xornais.

www.bbcmundo.com
Ás veces atopas cousa curiosas e de interese nesta web. Existe versión en castelán e portugués.

www.terra.com.br
As informacións sobre música e cine que ofrece o portal brasileiro pagan a pena.