culturagalega
consello da cultura galega

Os favoritos de… Diego Ameixeiras

Publicado o 27 Xan 2006

No 2004 Diego Ameixeiras (Lausanne, 1976) entrou pola porta grande da literatura galega levado da man dun detective saído do seu maxín, Horacio Dopico, protagonista de “Baixo mínimos”(Eds. Xerais). As aventuras deste investigador nun ambiente ourensán do máis “negro” terán agora continuidade co segundo libro de Diego.
Nuns días estará nas librerías “O cidadán do mes”, unha nova entrega das aventuras do detective Horacio Dopico escritas por Diego Ameixeiras. Será este o seu segundo libro despois de “Baixo mínimos”, novela negra adobiada cos ingredientes básicos do xénero: cadáveres a esgalla, mulleres inquietantes, polis corruptos, mafias e sobre todo moitas, moitas drogas e máis alcol aínda. Daquela a publicación do seu libro foi moi ben recibida por lectores e crítica, que recoñeceu nel un refresco sen pretensións na literatura galega. “O cidadán do mes” ten unha certa expectación asegurada despois daquilo. Diego é, ademais de escritor, xornalista e guionista. e neste momento está a traballar nos guións da serie “Terra de Miranda” e preparándose para o lanzamento oficial do seu libro. Mentres agardamos a ter o seu relato diante podemos deambular pola Internet nas páxinas que Diego nos propón visitar.

Estes son algúns sitios da rede que Ameixeiras prefire:

A Aranheira
A día de hoxe, é o blog galego que máis sigo e, para min, é un dos mellores polo seu sentido do humor e pola orixinalidade dos seus posts.

Negra y Criminal
Web da famosa librería barcelonesa especializada en novela negra. Se a un lle gusta o xénero, debe visitala de xeonllos.

http://powerpopaction.blogspot.com
Blog de Rafa Beatman adicado ao power pop e outro tipo de herbas. Para xente que necesita aprender, coma min.

Galiza Indymedia

Noticias variadas cun toque moi persoal.

Sindominio
Pero aparentemente con criterio.

Rititi. O blogue Rosa Cueca
Blog dunha escritora portuguesa con síntomas de non tomarse demasiado en serio a si mesma. A partir de aí entrei en moitos blogs portugueses.

Flickr de Vedia
Fotos nostálxicas de baloncesto. Para poñerse sentimental lembrando os tempos nos que a liña de tres chegou a Europa.

Via Anti-Colonial Activa
Unhas risas.

Aduaneiros sem fronteiras
Creatividade ao máximo.

www.ipunkrock.net
Punto de partida para saber que discos teño que pedirlle aos amigos.