culturagalega
consello da cultura galega

Os favoritos de… Xan Leira

Publicado o 03 Feb 2006

O director de cine Xan Leira (Bos Aires, 1955) ven de estrear no pasado decembro a longametraxe documental “EXILIOS, Lorenzo Varela” e non deixa descansar o seu cartafol de proxectos porque xa prepara novas producións. Creador de amplo espectro que comezou a súa andaina en Arxentina é agora digno representante no audiovisual daqueles que comparten as dúas ribeiras do Atlántico como fogar.

Na súa polifacética andaina no audiovisual, que comezou na Arxentina nos anos oitenta, ten exercido de director, produtor, guionista, ademais de profesor, escritor e editor. Ten feito numerosos traballos documentais entre os que destaca a triloxía sobre a historia de Galicia iniciada na longametraxe “Castelao e os irmáns da liberdade”. Da súa man naceron a produtora Iberoamericana Films S.A no 1989 e a empresa de produción de contidos Acuarela Comunicacións no 2000. Agora mesmo collemos a Leira nunha recente mudanza de local desta última empresa e, polo tanto, algo enleado. Aínda así concédenos un tempiño para falar dos seus novos proxectos.

Ven de facer a estrea, o 13 de decembro, da longametraxe “EXILIOS, Lorenzo Varela” na que concreta a dura experiencia do exilio na figura de Lorenzo Varela que, ao igual que moitos galegos e galegas tiveron, que sufrir o exilio tras a derrota na guerra civil. Actualmente Xan Leira está inmerso nun proxecto sobre o histórico Congreso Da Emigración Galega que se celebrou en Bos Aires no ano 1956, “que esperamos saia a luz en maio deste presente ano”. Non contento con ese traballo Leira ten tamén entre mans o proxecto “ATILA EN GALICIA”, co que afondará “na brutal represión que sufriu Galicia tras o levantamento fascista do ano 36, a través de testemuñas directas do acontecido.” Dúas achegas importantes desde o audiovisual a este ano de recuperación da memoria. Ademais tamén está a dar o primeiros pasos na preparación doutra produción sobre a figura do artista surrealista coruñés Eugenio Fernández Granell.

Estes son algúns dos sitios web que Xan Leira adoita visitar na rede e que recomenda por diferentes motivos:

www.clarin.com
A páxina do xornal arxentino que me interesa sobor de todo polas súas producións multimedia.

www.redmagazine.net
Por incluir contidos refentes a cultura que non se reflexan en outros portais de cultura máis xenéricos.

www.documentalistas.org.ar
Por ter unha referencia interesante do que se está facendo en Arxentina no ámbito do documental.

www.portaldelexilio.org
É unha boa orientación para o traballo de documentación que nos requiren varios dos nosos traballos.

www.imagendv.com
www.videopopular.es

Son portais específicos de imaxe e audiovisual que teño como referente para estar actualizado en canto a estes temas.