culturagalega
consello da cultura galega

Os favoritos de… Claudia Castro

Publicado o 10 Feb 2006

Preséntase agora como poeta editada pero xa leva anos traballando e lendo publicamente a súa poesía. Claudia Castro (Compostela, 1972) inicia con “Adagio para unha viaxe silente” (Follas Novas Edicións) un camiño cara aos lectores que aínda non a coñecían.
Nos sitios da rede onde a poesía galega de autores non publicados ten cálida acollida o nome de Claudia Castro é de sobras coñecido polos habituais. Compaxinando o seu traballo xornalístico coa actividade literaria, os versos de Claudia obtiveron bos recoñecementos tanto en andar21, revista en rede da que é colaboradora, como na Biblioteca Virtual galega. Ante o público puidemos vela en diversos recitais colectivos como a IIª edición de Poetas na Rúa que se celebrou en Combarro. Agora entra no mundo do papel impreso xa que ven de presentar o libro de poemas “Adagio para unha viaxe silente”, da man da editorial Follas Novas na súa colección Libros da Frouma.

Claudia, que estudou en Santiago Xornalismo e Filoloxía Inglesa, non deixa xa de preparar máis achegas poéticas, “Agora mesmo ando a traballar nun novo poemario, que xa se titula Xénese dunha boca máis.” Nos vindeiros meses de seguro que oiremos falar máis dela.

Da rede ela elixe recomendar estes sitios para parar:

www.finisterrae.com

Aínda que son compostelá de nacemento, teño o corazón dividido entre Santiago e Corme, na Costa da Morte. Esta páxina informa sobre os recantos deste paraíso natural e enlaza coa páxina do Batallón Literario da Costa da Morte (“nin tan grandes nin tan feros coma os lobos de Vimianzo”).

http://spanish.imdb.com
Páxina moi completa para consultas de cine, con bastante cine clásico.

andar21.fiestras.com
Páxina de literatura, especialmente poesía, con colaboracións de creadores galegos e estranxeiros de calidade.

incomunidade.com.sapo.pt
Páxina en lingua portuguesa con imaxes, poesía, teatro e outros textos orixinais.

enconstrucion.blogspot.com
Interesante proposta do poeta Eduardo Estévez, que narra o día a día do proceso creativo.

www.periferica.org
Tamén en lingua portuguesa, esta é unha revista alternativa e innovadora, un foco de resistencia cultural.

www.rtve.es/rne/r3

A páxina da miña emisora de radio favorita, onde os nomes dos programas parecen títulos libros.