culturagalega
consello da cultura galega

Os Favoritos de… Eduardo Estévez

Publicado o 03 Mar 2006

Eduardo Estévez, é un poeta de historial viaxeiro que naceu en Bos Aires e agora vive en Compostela e coordina dous obradoiros literarios en Fene. É autor de varios libros e moitos deles foron recoñecidos en importantes certames de poesía. A súa actividade en Internet fan del un dos máis avanzados poetas galegos neste eido.
Hoxe no obradoiro literario de Fene Eduardo está preparando a visita dun escritor e artista plástico, Baldo ramos, que manterá unha conversa cos participantes nesta actividade presentándolles o seu libro “Escura e transparente” (TresCtres Editores, 2005). É unha das moitas actividades que Eduardo programa nestes obradoiros que ven coordinando desde fai cinco anos en Fene e desde fai un ano tamén nas Pontes e cos que consegue achegar a dinámica da escrita a moita xente curiosa ou interesada en perder o medo a escribir e a expresarse literariamente. Dentro do seu traballo para-literario tamén estivo a súa participación en proxectos editoriais como Letras de Cal e Retagarda Edicións.

A presenza de Eduardo nas letras actuais está consolidada a través dos seus moitos libros publicados, merecedores algúns deles de premios e recoñecementos. Agora ven de presentarse recentemente “Itinerarios”, publicado dentro da colección “Poeta en Compostela” que co-editan o Concello de Santiago, o xornal El Correo Gallego e a Asociación de Escritores en Lingua Galega. O libro é unha antoloxía de textos seus xa publicados “feita en colaboración con varios compañeiros e amigos. unha aventura divertida e cun resultado que a min me resultou moi satisfactorio”, comenta Eduardo.

Outra das súas aventuras actuais está a ter lugar na rede, onde mantén o sitio sobre poesía galega luagris.net, xa que desde xaneiro comezou a escribir un novo libro que vai construíndo en público “cando fago unha corrección nalgún texto, en vez de substituílo, poño a versión nova e manteño a anterior e, se quero quitar un texto, no canto de quitalo, márcoo como quitado.”. Este proceso no que permite acceder a proceso de creación do libro recólleo a través dun weblog – enconstrucion.blogspot.com- onde vai deixando ver todos os seus movementos a modo de “making off” literario; “é ilusionante porque había moito tempo que non escribía e o retorno está a resultarme bastante satisfactorio. A maiores – di Eduardo- penso que o proxecto permite que a xente participe opinando e suxerindo e iso é moi divertido. e todo vai quedar alí para os curiosos que queiran.”

Eduardo Estévez fainos unha boas recomendacións de navegación pola rede:

oollodavaca.blogspot.com
son moi fan dos blogs. xestiono este (que ultimamente actualizo menos do que me gustaría) e visito decote
moitos outros. vou poñer aquí só dous, pero hai moitos máis e son doados de atopar seguindo as listaxes de ligazóns que todo blog ten.

Fíos invisibles
Un blog en galego feito dende arxentina. unha visión interesantísima sobre as vivencias da lingua e da cultura de Galiza dende a óptica intelixente dunha filla da emigración.

O Cartafol de silencios
Semella que estará inactivo durante unha tempada pero para os que non o coñezan creo que paga moito a pena como escribe esta moza que asina “sara jess”.

Val do Neira
Das múltiples páxinas que existen no país sobre sitios, vilas e recunchos de caste diversa, esta paréceme chea de información interesante, completa, complexa e moi curiosa sobre unha zona da provincia de Lugo á que lle teño especial afecto.

www.ryanair.com
www.viajar.com
Son un vicioso das viaxes, xa que logo, visito con frecuencia webs onde mercar billetes de avión, aínda que só sexa para soñar con mercar un billete. As que máis uso.

www.fnac.es
www.pccoste.es
Tamén gasto pelas en discos, libros e outras trangalladas electrónicas. pero aí depende moito do que queira mercar. Uso estas e moitas máis

www.bivir.com
Ultimamente ando coa febre pda, xa que logo, a páxina de Biblioteca Virtual da Asociación de Traductores Galegos é unha fonte inesgotábel.

www.google.com
www.gmail.com
A páxina que máis visito é, porén, a de Google claro, e mais a de Gmail que me parece un xestor de correo realmente bo.