culturagalega
consello da cultura galega

Os Favoritos de… Marcos S. Calveiro

Publicado o 10 Mar 2006

El é unha nova adquisición da república das letras galegas, aínda que no universo virtual xa ven publicando desde xaneiro do 2005 a través do “blog” que mantén-alfaias.blogspot.com- e no que asina como “Folerpa”. Marcos Sánchez Calveiro, arousán de nacemento e vigués de adopción, presenta nestes días o libro “Sari, soñador de mares” (Tambre, 2006) co que se estrea como escritor no papel impreso.

Fai agora exactamente un ano Marcos Sánchez Calveiro escribía no seu blog que o seu maior mérito literario fora convivir nunha pensión de Santiago cos membros do colectivo poético Ronseltz. Daquela confesaba que aínda agardaba “polo editor ou xurado que me descubra”. Semella que neste ano ocorreron as dúas cousas xa que primeiro foi o xurado do VIII Premio de Poesía Concello de Carral, en novembro, que premiou o seu poemario “Cartas do terceiro día”, que está pendente de publicación en Espiral Maior e despois foi o director literario de Tambre, Ignacio Chao, que lle propuxo a publicación deste “Sari, soñador de mares”, de reminiscencias cunqueiranas, que estes días presentou publicamente e que agora comeza a súa singradura nos estantes da librarías.

Marcos é, ademais de escritor e “blogueiro” recoñecido, de profesión avogado. Este home de lai atopa na escrita a súa paixón. Proba diso é a súa prolífica actividade xa que entre os seus proxectos está rematar unha novela histórica, “só me queda corrixila, fotocopiala e enviala polo mundo adiante para ver se hai fortuna”, poñerlle o punto fina a outra novela “coa que levo atrancado case dous anos” e principiar outra novela xuvenil “para que xa teño protagonista e fiada a historia”. Moita actividade que de seguro poderemos seguir de cerca atendendo ao seu “blog”

Como bo “blogueiro” Marcos S. Calveiro recoméndanos facer estas visitas:

cabaretvoltaire.canalblog.com
Pola capacidade do dono do bar de poñer o dedo na chaga, polemizar e sinalar as eivas do noso sistema cultural para xerar o foro máis vivo na rede, non exento ademais moitas veces da necesaria autocrítica.

baquicocortexo.blogspot.com
Por descubrirnos magníficos poetas case descoñecidos e polas sáus marabillosas traducións ao galego dalgún clásicos.

reidecopas.blogspot.com
Os 49 capítulos da saga dos de Silvaoscura son o meu particular macondo de bitios.

rioleteo.bitacoras.com
Outro axitador no noso mundo cultural con atinadas reflexións sobre o oficio de escribir.

pawley.blogalia.com
O mellor crítico de cine e LIX deste país, así sen máis.

www.vieiros.com
O mellor e máis libre medio de información deste país, sexa en papel ou na rede.

www.cervantesvirtual.com
Os seus fondos bibliográficos dixitalizados son unha alfaia para un letraferido coma min.

Lg3
Pola laboura constante no apoio da nosa literatura.