Os Favoritos de… Camilo Franco
Sostén Camilo Franco (Ourense 1963) que a melancolía pode matar, e con ese aviso por diante pódese agardar calquera cousa deste xornalista, escritor e crítico teatral. Mentres agardamos por novas mostras do seu facer e escoitamos o seu nome rebotar polos recunchos da arte dramática, traémolo a recomendar algunhas pequenas viaxes por Internet.

Da súa man leváronse adiante interesantes iniciativas literarias usando a rede como soporte e medio a través do portal Vieiros; “Necesariamente X” e “Por conto alleo” foron dúas experiencias nas que o escritor ourensán puxo a súa imaxinación ao servizo das sutís suxestións dos navegantes para escribir relatos curtos. A editorial Galaxia levou ao papel o resultado dunha destas experiencias, “Por conto alleo” (2003) facendo del o primeiro libro galego saído da rede. Camilo Franco defende os formatos literarios curtos, e mesmo narrativamente distintos, en contraposición á extensión novelística e as súas valiosas e agudas opinións sobre a literatura adoitan ilustrar presentacións de libros e mesas redondas. Ao mesmo tempo desde as páxinas de La Voz de Galicia podemos seguir o seu traballo xornalístico especializado na cultura e como crítico teatral.
Á hora de falar sobre proxectos recentes recoñece que “acabar non se me dá tan ben como comezar. As cousas nunca rematan de todo, non desaparecen só se transforman”. E sobre o que podemos agardar del para o futuro cóntanos que ten pendente rematar un libro, montar unha exposición e volver traballar a literatura en rede “con dous proxectos que, supoño, hanse coñecer máis pronto que tarde.” E asegura que “ningún destes proxectos é abrir un blog, por suposto” por se existía algunha dúbida.
Chegado o momento de recomendar sitios da rede que visitar Camilo recoñece que é unha mágoa non poder recomendar páxinas pornográficas, xa que segundo el “apréndense posturas que para os salesianos non existían”. Así que a navegación politicamente correcta que recomenda é:
Vieiros
Sobre esta non hai dúbidas. Os seus dez anos son os dez anos da rede en Galicia. Eu son parcial, claro. Pero é o sitio imprescindible.
bretemas.blogspot.com
Nos últimos tempos ando algo canso dos blogs, que quizais están atrapados pola súa propia natureza. Digamos que perdín frecuencia. Non me interesan tanto as particularidades de cada un como os argumentados. Bretemas ofrece moitos argumentos sobre a comunicación, sobre a literatura galega e sobre algunhas circunstancias da mesma.
cabaretvoltaire.canalblog.com
Case o mesmo que no caso anterior. É máis especulativo, se deixa ir máis na polémica así que resulta divertido que neste país no que as cousas importantes non se falan en voz alta se xogue á contra da corrente principal. Outra cousa é que haxa que recurrir aos blogs.
www.compostelacultura.org
É un exempro de axenda cultural de todo o que pasa nunha cidade. Moi práctica, moi organizada. Na rede pasa moito que teorizamos e esquecemos o lado útil.
www.thebeatles.com
Cando era neno non había rede pero os Beatles xa se separaran. Non é que a visite moito, pero de cando en vez hai algunhas sorpresas.
www.johncoltrane.com
Cando era neno non sabía que existía John Coltrane. Tampouco vou todos os días pero cando abres a páxina comeza a soar “A love supreme” e xa é un merito.


RSS