Os Favoritos de… Daniel Salgado
As diferentes facetas de Daniel Salgado (Monterroso, 1981) fan del un enlace de conexión entre as artes e a comunicación. Poeta, xornalista, tradutor e cinéfilo activo, neste artigo achegámonos a el e seguímolo nun paseo pola rede adiante de elección persoal e intransferible.
Daniel ten na actualidade dous libros de poemas por saír do prelo e que seguirán a engrosar a súa lista de traballos poéticos, recoñecidos en numerosos certames. Acumula no seu andel mencións nos premios O Facho, Francisco Añón ou Fiz Vergara Vilariño, do cal foi finalista en 2004, mesmo ano no que acadou o Premio Esquío, un dos máis relevantes en lingua galega, co libro “Días no imperio”. Este importante galardón veu precedido polo que recollera co libro “Sucede” (Espiral Maior, 2004) co que antes gañou o II Premio Uxío Novoneyra.
A fecunda creatividade de Daniel Salgado compleméntase tamén coa súa actividade como tradutor de poetas ingleses ao galego e tamén co súa participación en diferentes revistas como Xistral, Dorna, A Caramuxa… Ademais a súa paixón cinéfila levouno a participar na creación do Cineclube Compostela na cidade na que reside actualmente e na que se licenciou en xornalismo. Desde esta plataforma participa na creación e edición da revista Ariel. Boletín de cinema en galego. Entre os seus proxectos actuais está “a escolma e tradución de textos do grupo arxentino de cinema Cine Liberación -aquel que, nos anos sesenta, tiña de cabezas visíbeis a Pino Solanas e a Octavio Getino-, coeditado polo Cineclube de Compostela”.
A súa elección de sitios queda así:
www.rebelion.org
Unha visión dende a esquerda realmente existente da política internacional. Atende con profundidade os acontecementos en Latinoamérica, agora xa a vangarda das mudanzas progresistas.
A pluralidade de perspectivas sempre dentro dos movementos transformadores, o arquivo amplísimo de materiais e un directorio de ligazóns ben fornecido atráenme a esta páxina.
aregueifa.blogspot.com
O traballo deste blog céntrase -tamén, que non só- na recuperación da historia oculta da música pop -pop en sentido ancho, non como sinónimo da radio fórmula- galega. Descobre alfaias musicais impresionantemente descoñecidas e xa non é que restruture o canon, é que o crea.
martinwu.blogsome.com
“A caixa negra de Martin Wu”: As crónicas vitais -modelo blog en estado puro- de Martin Wu resultan agudas e áxiles. Canta nunha banda de rocanrol -The Homens, Santiago D.C.: un dos proxectos máis interesantes do pop-rock nacional- e mira as cousas todas entre o escepticismo e a paixón, permanentemente enfrontado á SGAE.
www.allmusic.com
A “enciclopedia soviética” da música. Ben documentada e ben ordenada, sobria, como ten que ser. Resiste e resposta con garantías case calquera consulta.
www.divxclasico.com
O centro do mundo en canto á difusión libre de cultura cinematográfica se refire. Páxina en continuo movemento, o rostro, para min, máis positivo da rede de redes


RSS