culturagalega
consello da cultura galega

Os favoritos de…Calros Silvar

Publicado o 21 Abr 2006

Polas mans de Calros Silvar (Ferrol, 1954) está a pasar toda a natureza do país. A través del podemos coñecer as especies animais, vexetais e aos fungos de Galicia con total exactitude. Este ilustrador e autor de banda deseñada, deseñador de Cerámicas do Castro-Sargadelos, recoméndanos aquí algúns dos seus sitios web preferidos e fálanos dos seus proxectos.
Calros Silvar é hoxe en día un dos máximos expoñentes en ilustración científica do país. A través da paciencia do seu ollar e do seu bo facer co lapis e os pinceis podemos contemplar con toda fidelidade exemplares de fermosos habitantes do noso ecosistema xa sexan das tanto das especies animais ou vexetais coma fungos. Carlos deulle unha volta ás letras centrais do seu nome para acadar o seu alcume artístico distintivo e aínda que agora o coñezamos máis por esta faceta de ilustrador científico tamén obtivo recoñecemento pola súa actividade na banda deseñada aló nos anos oitenta a través da revista Coordenadas e acadando diversos premios como O Facho en 1985 e o segundo premio da Casa da Xuventude de Ourense, no mesmo ano.

Co seu cartafol e a súa cámara Calros percorreu os bosques e ríos da comunidade para conseguir atrapar nas súas mans as mellores imaxes para ilustrar as precisas guías que dun tempo a esta parte se están a editar. Unha boa mostra disto son os dous milleiros de ilustracións que fixo para o libro “Guía das aves de Galicia” (Baía Edicións, 2004) nas que podemos ver a máis de catrocentas especies de paxaros con toda sorte de detalles, ou o traballo que fixo máis recentemente no libro “Cogumelos de Galicia” (A Nosa Terra, 2006) así como na “Guía micolóxica dos ecosistemas galegos” (Baía Edicións, 2005) grazas ao cal podemos identificar doadamente máis cincocentas especies de fungos.

Pronto poderemos ver máis mostras do seu traballo na “Guía de anfibios e réptiles de Galicia” que sacará Baía Edicións, así como unha “Guía de mamíferos de Galicia” na que actualmente está a traballar. Ademais Carlos Silvar está traballando tamén nunha unidade didáctica sobre os incendios, para a AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica) e unha enciclopedia temática de publicacións OCTO, para La Voz de Galicia. Por outra parte o vindeiro 23 de maio, e ata o 3 de xuño, Calros impartirá por quinto ano consecutivo un curso en Oleiros de iniciación á ilustración da natureza que inclúe prácticas de campo. Quen estea interesado pode contactar co Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental, CEIDA, no teléfono 981 630 618.

Calros recoméndanos botar o ollo a estas páxinas:

www.bigchin.com
Malcolm Willet é un amigo ilustrador british eue “visito” de cando en vez por ver en que anda.

www.agpilustracion.org
É a páxina da asociación de ilustradores galegos cunha interesante galería.

www.sghn.org
Son membro da sociedade galega de historia natural dende a sua fundación…e aí sigo.

www.adega.info
tamén son “ecoloxista” e en adega son ecoloxistas cos pes na (nosa) terra.

www.folioart.co.uk
páxina british de ilustradores que curioseo de cando en vez.

www.lanting.com
Unha de fotografía da natureza (outra das miñas afeizóns), e dos mellores fotografos actuais.

www.comics.imakinarium.net
Páxina adicada á BD onde se poden ollar moitos autores, antre eles o meu idolatrado Giraud (un xa é algo carroza).

www.birdlife.org.za/normanarlott
Gosto da ornitoloxía e dos bos ilustradores de natureza, como mostra este…

www.fotonatura.org/
unha revista dixital e foro de moitos fotonaturalistas que gosto ollar de vagar.

www.bdbanda.com
comiqueiros galegos. Un xa non está para eses trotes, mais gosta ver que “a cousa segue”.