Os Favoritos de… Alberto Conde
Aínda que naceu en Caracas é unha das figuras máis emerxentes do jazz en Galicia; Alberto Conde formouse como músico en Ourense e é presidente da Asociación Galega de músicos de Jazz. Agora ven de entrar co seu trío no estudio de gravación de novo e tamén formará parte do proxecto saído do Festival Imaxina Sons.

Se aventuramos que o jazz está acadando un lugar destacado no sistema musical galego, iso débese á calidade e o esforzo de músicos como Alberto Conde, Abe Rábade, Roberto Somoza ou Baldo Martínez, entre outros. Alberto está implicado en algunhas das accións máis importantes neste sentido como a Asociación Galega de músicos de Jazz, xurdida o ano pasado e da que ostenta a presidencia. este colectivo ten como obxectivos o promover actividades musicais deste estilo, facer de ponte entre os músicos e a administración e representar as necesidades dos artistas. Tamén pode verse a súa man de pianista na Imaxina Sons Orquestra, a formación recentemente presentada e que xurde do festival vigués do mesmo nome. Esta formación que dirixirá o coordinará xunto cos músicos antes citados reunirá á elite da interpretación musical galega, en total dezaoito artistas que demostrarán nos escenarios do resto do Estado e no estranxeiro a forte musculatura actual do jazz galego.
O pianista tamén está estes días a punto de terminar de gravar nos Estudios Infinity de Madrid o novo disco coa formación Alberto Conde Trío que comparte con Baldo Martínez e o percusionista Nirankar Khalsa. Neste mes os músicos estiveron a probar o directo deste disco en locais madrileños simultaneamente á súa gravación que comezou o 10 de marzo. Tanto nos traballos co seu trío como en solitario o pianista busca sempre conxugar as composicións tradicionais da cultura galega co estilo no que se move con soltura. Así nos seu discos podemos atopar composicións baseadas en clásicos como a Rianxeira, Negra Sombra, etc. Conde ten tamén no seu haber a composición dunha obra sinfónica para guitarra e orquestra, “Sonidos de Bitácora” estreada no 2002 polo guitarrista Tomás Camacho e a Xove Orquestra sinfónica de Viana do Castelo baixo a dirección do mestre Miguel del Castillo. O seu último traballo publicado foi “Entremares”, en 2004 co Alberto Conde Trío, o seguinte verémolo axiña.
Alberto cambia brevemente as teclas do piano polas do computador para navegar por estes sitios:
www.panartist.com
Discográfica e distribuidora dixital de música.
www.albertoconde.com
A miña propia, na que podes conectar con ITunes, tenda música por Internet adicada ás descargas legais e coñecer os meus últimos traballos.
www.escolaatempo.com
Escola de música de Pontevedra.
www.baldo martinez.com
Baixista e compositor galego con obra propia e membro integrante do Alberto Conde Trío.


RSS