Os Favoritos de Xabier P. Docampo
Xabier Ponte Docampo (Rábade, 1946) é un mestre en moitos sentidos da palabra. Éo por ser esa a súa profesión e tamén pola súa categoría humana e do seu traballo nas diversas facetas nas que tivo actividade. O veterano escritor e pedagogo está ben situado no universo virtual, onde ven de abrir recentemente sucursal a través dun sitio propio e un blog, e así o demostra coas súas recomendacións.

Xabier P. Docampo, como é amplamente coñecido, pode presumir – aínda que non o fai- dun impresionante palmarés de recoñecementos ao seu traballo como o Premio “Emilia Pardo Bazán” do Ministerio de Educación, o Premio Rañolas, o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil ou o Premio Lecturas da Asociación do Libro Infantil e Xuvenil de Galicia (GALIX) da que é socio fundador e na que exerceu dous anos como presidente. As súas obras foron seleccionadas en dúas ocasións na prestixiosa lista White Ravens de libros infantís e xuvenís. Recentemente participou nas Tertulias da Sección de Literatura e industria de Edición do Consello da Cultura Galega falando do xénero da literatura infantil e xuvenil que tanto domina.
Ao falar do seu traballo como educador Xabier di que “o está deixando” en referencia ao vindeiro setembro “data na que pasarei á desexada e feliz situación de xubilado (reformado din os portugueses), pertencerei ás clases pasivas, esas ás que don Ramón Otero Pedraio chamaba “a estadea dos vivos”. Pero resulta difícil imaxinar a Xabier en estado pasivo coa capacidade que ten demostrado e que segue a demostrar. De feito o recoñecido autor dalgunhas das mellores obras infantís e xuvenís da literatura galega ten moitos proxectos iniciados e outros a piques de rematar. Tal é o caso dunha novela xa entregada nunha editora vasca que agarda polas correccións e porque Xabier e máis o ilustrador Xosé Cobas rematen o caderno de ilustracións que a acompaña. “O texto trata das peripecias do tal caderno e dunha serie de persoas relacionadas con el, pola cidade de Bilbao adiante, a novela sairá en só éuscaro e castelán de momento”. Ademais de esta obra Xabier Ponte Docampo pensa terminar este verán unha novela curta titulada “A illa de todas as illas” e ten principiadas outras dúas novelas e o libreto dunha comedia musical, cousa nada estraña xa que ten bagaxe como actor e director de teatro así como gran reputación como contacontos.
Xabier visita con moita frecuencia:
bvg.udc.es
É un recurso fundamental da literatura galega.
ww.filix.org
E estoutra éo da literatura infantil e xuvenil galega.
www.elcultural.es
Con frecuencia leo as revistas de literatura que se publican na rede (o Babelia é de pago).
www.revistababar.com
imaginaria.com.ar
Recomendo tamén as revistas en rede dedicadas á LIX, das que destaco dúas.
www.galiciaencantada.com
É un lugar fascinante para coñecer o noso imaxinario, o xeito que temos de estar no mundo.
www.vieiros.com
Interésame estar ben informado e leo moitos xornais en rede en todas as linguas nas que son quen de entender algo. Pero todos os días lle boto unha ollada a Vieiros(é a miña páxina de inicio).
www.culturagalega.org
tanto para coñecer a información cultural do país como para procurar os moitos recursos de que dispón, e non se tome como adulación o é unha realidade da que quero dar os meus parabéns aos seus responsábeis.
http://moebio.com/santiago/
Propoño que se mire esta, unha páxina chea de sorpresas que non é preciso que eu desvele, só con picar…


RSS