culturagalega
consello da cultura galega

Os favoritos de Fran Bueno

Publicado o 12 Mai 2006

Desde Compostela e para o mundo Fran Bueno (1967), ilustrador e debuxante de banda deseñada, é unha das figuras máis importantes da arte secuencial e un exemplo para outros moitos que aspiran conseguir a proxección internacional dos seus traballos.
Fran licenciouse en Belas Artes pola Universidade Complutense en 1991 pero xa tres anos antes diso gañaba o primeiro premio no Concurso Nacional de Cómics de Getafe ao que seguiron outros moitos nos seguintes anos dentro desa area artística e que deixaron claro que a súa traxectoria tiña unha liña ascendente e continuada. Agora mesmo Fran Bueno é un dos poucos profesionais da banda deseñada en Galicia e practicamente o único que mantivo unha presenza non anecdótica no mercado das publicacións estadounidenses, o máis importante do mundo. A clave desta importante presenza do autor está na serie sobre unha familia de super-heroes, “Noble Causes” do selo Image, para a que Bueno facía todo o traballo gráfico. Esta serie, que só se distribúe actualmente en inglés, mantivo absorbido ao artista durante un ano ata que no pasado febreiro tomou a decisión de deixala. No momento actual Fran aínda ten pendentes seis páxinas para un especial desa serie e ten previsto comezar unha nova serie limitada “da que son co-creador” para a mesma editorial americana, afianzando así a súa presenza neste importante mercado.

Pero o autor compostelán non só ten a vista posta alén do Atlántico senón que tamén está a traballar para os seus seguidores no país. Da súa continuada relación creadora coa escritora Marilar Aleixandre como guionista saíu a serie “Os Escachapedras” que publicaron por entregas na desaparecida revista Golfiño e da que están a acabar agora un álbum para a súa próxima publicación. Froito da relación creadora con Aleixandre tamén foron varios albumes de caracter divulgativo editados polo Consello da Cultura Galega e nos que se abordaban temas de educación medioambiental e agora está a debuxar un novo sobre a alimentación que aparecerá proximamente. Estes traballos súmanse a unha xa longa lista de publicacións, traballos de animación e exposicións no impresionante currículo de Fran Bueno.

Na selección de sitios que Bueno recomenda “a maioría son páxinas de debuxantes. A razón principal - di Fran- é morrer de envexa e aspirar a debuxar como toda esta xente. Aí van”:

www.comicartcommunity.com
Moitas e moi boas imaxes de comiqueros yankis, sobre todo Cris Bachalo e Adam Hughes.

Yacin the Faun
Os que a coñecen non necesitan explicación, e os que non a coñecen verán qué significa eso de “unha imaxe vale máis que mil palabras”. Ademáis os links son de primeira.

Tadairo Huesugi
Idem.

www.shaneglines.net
Máis Idem.

baobabestudio.blogspot.com
Todos amigos. Estudio coruñés con incribles debuxantes e fastuosos links.

www.agpilustracion.org
Web da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración. Non estamos todos os que somos pero somos todos os que estamos.