Os favoritos de… Belén Regueira
Belén Regueira (A Coruña, 1977) é unha das comunicadoras de máis valía da actualidade. Desde o programa Extrarradio na radio galega emite todas as fins de semana máis de seis horas de contidos variados nos que dá presenza a todas as expresións artísticas, á actividade social e aos máis variados contidos conseguindo configurar un programa de culto.
Leva unha importante traxectoria como comunicadora á fronte de diferentes programas tanto de radio como de televisión, e para un monte de xente sempre será a presentadora do interesante programa Chambo, que hai case oito anos refrescou os televisores galegos coa súa proposta sobre a cultura alternativa. Aquel foi o seu primeiro contrato temporal como presentadora e guionista . Despois diso pasou por outros moitos programas de moi diferentes formatos, desde “Tardes con Ana” ao Telexornal Mediodía que conduciu durante un tempo.
Moi boa coñecedora da rede e dos seus recunchos, foi precursora en darlle entrada na radio aos contidos e creadores que operaban exclusivamente na rede. Xa co programa Antípodas, que compartía con Tomás Lijó nunha cadea de radios locais, foi establecendo as pautas coas que despois crearía Extrarradio, que comparte tamén con Eduardo Herrero e que emite os sábados de once a dúas do mediodía e domingos de dez a unha e media. Desde esta revista que, como di o seu nome “vai máis alá da radio” Belén propón cada semana un mellor coñecemento das moi diversas propostas musicais de aquí e de todos os sitios, un contacto coa opinión de moi diversos creadores, dar voz a galegos e galegas afastados da súa terra, contrastar experiencias, explorar o que pasa en todo o mundo sen perder a perspectiva propia e moitos outros e moi atractivos contidos que ela conduce con frescura e profesionalidade indiscutíbeis. De aquí en adiante Belén está a preparar o sitio web de Extrarradio e un concurso para o verán “cuxo contido revelaremos axiña, aínda que o meu gran proxecto vital para o 2006 – di Belén- segue sendo aprender a andar en bicicleta”.
Así que entre pedaladas e caídas Belén recomenda visitar:
aregueifa.blogspot.com
Pasado, presente e futuro da música galega (e non só). Neste blog atoparedes tamén os machucos que poñemos en Extrarradio. Dous exemplos gloriosos: o “Xirarei” de Xil Ríos vs. “Hang up” de Madonna, ou “Quen puidera namorala”, de Luís Emilio Batallán vs. “Blitzkrieg bop” dos Ramones
www.aregueifa.net
Para descargar dous discos imprescindibles de 2006: Baixo os eucaliptos, de Projecto Mourente e Lusco e Fusco, de Fanny & Alexander
www.desconcierto.com
Webzine musical. Entrevistas a grupos, reseñas de discos, axenda de concertos…
www.falcatruada.com
Editan discos, venden discos, dan información sobre actualidade musical e cultural galega, asesoran a quen queira autoeditar e un monte de cousas máis
www.e-music.proxecto-ds.com
E-music, un programa de música electrónica que emite a radio universitaria CuacFM.
www.audienciazero.org/eixo
AVE Vigo-Porto non teremos, pero a xente de Audiência Zero xunta grupos galegos e portugueses ADSL mediante
www.ypistola.com
O labirinto web de Niño y Pistola
gzaeurovision.todonada.com
Un blog colectivo que acaba de nacer e de lectura obrigada esta fin de semana. A frivolidade é unha cousa moi seria e moi saudable.
reboreda.blogspot.com
A páxina web da CRTVG está, esperemos que por pouco tempo, en hibernación, pero xa hai programas con presenza na rede. O meu favorito é o blog de Carlos Reboreda, o animador de Galicia en Goles


RSS