Os Favoritos de…Daniel Ameixeiro
A Daniel Ameixeiro (O Grove, 1962) non lle gustan as definicións, porque
sempre dan unha idea moi limitada do que somos. Pero, se tivese que salientar algunha característica súa, sería a de “viaxeiro”. Un viaxeiro no espazo pois vive fisicamente en Madrid e emocionalmente en Galicia e tamén un viaxeiro no tempo, porque escribir para nenos é, en certo sentido, unha maneira de viaxar aos terreos da nenez.
Colleu o seu nome artístico dun alcume que lle deron ao seu avó “que era mariñeiro e cando viña do mar, púñase a apañar ameixas cunha cuncha e un cacharriño”. Daniel Ameixeiro, nacido Álvarez, é enxeñeiro de Telecomunicacións, e dende 1982 reside en Madrid, cidade onde desenvolve a súa actividade profesional. Daniel ten publicado ata agora cinco libros dirixidos ao segmento infantil e xuvenil; cun deles “Xan e Pericán” (Xerais, 2004) resultou finalista do Premio Merlín 2003. Os seus últimos dous traballos publicounos a finais do ano pasado, un para o público infantil ”O capitán da baía”(Rodeira, 2005) e outro para os xoves “Vila Cerdeira”(Everest Galicia, 2005), aínda que Daniel considera que este último pode perfectamente definirse coma unha novela, unha novela na que o poder evocador das palabras ten moita importancia. Este ano colaborou cuns poemiñas titulados: “Tres piratas, unha bruxa, e algo máis” no libro colectivo “Lagarto pintado”, editado pola Consellaría de Cultura para celebrar o día do libro infantil e xuvenil.
Malia que vive dende hai moito tempo en Madrid, a súa relación coa lingua e a cultura galegas é moi intensa, de maneira que el afirma que “emocionalmente” é en Galicia onde vive. Aínda que estudou Telecomunicacións, a literatura e a lingüística ” é algo que lle apaixona, “mergullarme no léxico, nas expresións, na enorme riqueza que ten a nosa lingua”. Entre os seus proxectos a curto prazo está un estudo lingüístico e dúas historias infantís, e tamén, isto xa a medio prazo, quere ir dándolle forma a unha novela.
Da man de Daniel Ameixeiro visitamos os seguintes sitios da rede:
www.andelvirtual.com
www.librariacouceiro.com
Para min, que vivo en Madrid, son dúas webs moi importantes. É coma se tivese dúas moi boas librerías do libro galego á volta da esquina.
bretemas.blogspot.com
asuvasnasolaina.blogspot.com/
Ambos os dous blogs ofrecen informacións variadas e interesantes sobre o mundo da cultura en Galicia.
www.vieiros.com
Un punto de encontro para os galegos na rede.
www.galiciaencantada.com
Enciclopedia da fantasía popular de Galicia. Aquí podémonos mergullar na gran riqueza que ten o imaxinario galego. Unha fonte que non estiña.
www.conversas.org
Contén a recolleita de lendas, cantigas e diálogos cotiás. Son testemuñas dun tempo e dunha forma de vivir que tamén é noso, pois de aí vimos.
www.cirp.es
Permite descargar moitos traballos lingüísticos, os máis deles centrados na fraseoloxía. É un tema que me interesa.
www.prazadasletras.org
Hai pouco apareceu esta páxina que contén unha revista de literatura descargable. Un proxecto fermoso e sen dúbida con moito futuro.
www.elboomeran.com
Un completo e interesante blog sobre literatura.


RSS