culturagalega
consello da cultura galega

Os favoritos de… Javier Constenla

Publicado o 02 Xuñ 2006

Javier Constenla naceu en Ourense e comezou ou seus estudos musicais á temperá idade de nove anos no conservatorio desa cidade e formou parte da orquestra do Circo Internacional de Los Muchachos. Como moitos músicos Javier ten na rede un valioso aliado para darse a coñecer e informarse.

Cunha sólida formación musical ás costas, Javier Constenla entendeu cedo que a súa forma de expresión musical era o jazz e aos 24 anos comeza a tocar nun grupo no que experimenta de xeito autodidacta co xénero. Javier levou o seu piano por España, Portugal, Xapón, Venezuela e Colombia con formacións de diversos estilos como jazz, folk, pop ou música de baile. Coa súa formación Javier Constenla Trío ven de gravar o disco “Mi manera”cos temas premiados recentemente coa mención especial como compositor pola SGAE; Javier tamén actúa con outras formacións como o Leo Gianetto Jazz Project coa que gravou un disco este ano e como músico acompañante do cantautor Emilio Rúa. Incansable fundador de formacións musicais do máis diverso, e que sería demasiado longo enumerar aquí, agora ven de crear o grupo de Latin-Jazz “Latinapolis” co cal vai actuar nas festas deste ano da súa cidade, Ourense. Outro dos puntos da nosa xeografía onde poderá verse a súa actuación é no vindeiro festival de Vigo, Imaxinasons 2006.
Recoñecido na súa propia terra, foi elixido director de ensaios da Big Band da Deputación de Ourense coa que xa viña colaborando esporadicamente como pianista. I é que o piano é o instrumento co que se expresa e co que tamén desenvolve a súa faceta como educador musical desde hai doce anos en escolas musicais de toda Galicia como na Escola de Estudios Musicais A Tempo e actualmente na Estudio Escola de Santiago de Compostela. Neste sentido Javier cre moi importante o feito de ser músico en activo compaxinado co ensino, para que os seus alumnos teñan a oportunidade ver ao seu profesor tocar en directo, xa que aí é “onde se resumen tódolos coñecementos e actitudes necesarias para este tipo de disciplinas musicais, ser un músico o máis completo posible en cuanto a coñecementos teóricos: composición, harmonía, improvisación, estilos, ritmo .Pero demostrándoos na práctica, tocando en distintas situacións: solista, dúo, trío etc.”

Algunhas páxinas da redeque Javier recomenda:

www.tomajazz.com
Información sobre jazz ibérico.

www.escola-estudio.com
Escola de jazz de Santiago.

es.amnesty.org
Amnistía Internacional.

www.fundacionvicenteferrer.org
Axuda aos demais

es.geocities.com/xavierconstenla/
A miña páxina.