culturagalega
consello da cultura galega

Os favoritos de… Carlos Meixide

Publicado o 09 Xuñ 2006

Carlos G. Meixide (Vilagarcía de Arousa, 1977) é o autor da primeira novela editada só en formato electrónico do país. Con “O home inédito” (Ediciós da Rotonda, 2005) marcouse un fito no noso sistema literario que puxo a Carlos no centro de atención. Agora está a preparar un traballo musical que prevé sacar en breve e tamén agarda sorprendernos, aínda que non pode desvelar como, na pantalla da TVG.
Ven de saír da carpa de A Cultura Circula na que participou por todo o país do espectáculo Tentacular da compañía Chévere “cun abraiante número memorístico”, e asegura estar a gozar da constatación “de que a xente segue descargando e lendo O Home inédito”, dí Carlos. A novela preséntase como “unha mestura entre Sexo En Nova York e No ventre do Silencio. Un galego da Coruña, resultón, deportivista e sentimental, dúas coreanas que falan portugués e un profesor universitario brasileiro no Nova York post 11-S, nunha historia de amor, humor e sexo”.

Carlos Meixide licenciouse en xornalismo pero o corpo sempre lle pediu máis do que daba de si esa profesión e buscou saída en outras artes e disciplinas á súa desbordante creatividade. Apareceu como actor en diversas series de televisión e mesmo dirixiu algún audiovisual, como a curtametraxe “O meu nome, o meu mundo”(2001) que ía estrear no Festival de Cine Independente de Nova York o 11 de setembro cando dous avións fixeron entrar esa data na historia. Carlos asistiu como testemuña de excepción aos feitos e de aí saíu tamén a curtametraxe documental “Cascallos” gravada nas rúas dunha cidade en estado de caos.

Tal e como se explica na páxina web de Ediciós da Rotonda, o labor creativo de Carlos comezou co grupo cómico-musical “Lijó & Meixide Artistas en Xeral” a finais da década dos 90, un dúo humorístico que compartía co seu compañeiro de facultade Tomás Lijó e no que, “a semellanza dos Bouvard e Pecuchet de Flaubert, procuraron internarse nas distintas artes, segundo a división clásica das mesmas, con notable perseveranza mais éxito dispar. Algúns logros salientabeis no eido teatral ou musical víronse descompensados por un rotundo fracaso noutras artes como a danza ou a escultura”. A súa nova proposta, tamén xunto a Lijó, é un espectáculo “integral” baixo o nome de Os da Ría, e que espera que se materialice tamén nun disco. “Desta volta – asegura Carlos- estamos arroupados por un par de músicos excelentes e podemos prever un bombazo no panorama musical do país en próximas datas”. Mentres isto non chega Meixide traballa como redactor no programa da TVG “Onda Curta” e asegura que no verán incorporarase a algún outro con que agarda sorprendernos.

Pola rede adiante Carlos móvese nos seguintes sitios:

www.arredemo.info
Páxina fundamental para coñecer o que está a pasar na Galiza. A idea fundamental: compartir información entre toda a xente que está a facer algo no país, sexa no eido cultural, social, ecoloxista, apostático, etc…

www.arotonda.com
Por ser a web na que está a miña novela, e porque propón a edición de contidos culturais galegos baixo licenza creative commons. Espero que recupere en breve o pulo do comezo.

www.futbolgalego.net
Por ser un fermoso esforzo para ter unha páxina de fútbol galega e en galego pero na que o importante realmente é o fútbol, que a min é algo que moito me gusta.

www.canaldeportivo.com
Por ser a páxina oficial do meu equipo. Non é gran cousa pero sérveme para estar ao tanto da información institucional do equipo, ultimamente non moi esperanzadora, para a miña desgraza,

www.marca.es
Así como me “esvara” o seu homónimo en papel, a web é unha virguería e está toda a información deportiva e moi clariña.

www.todonada.com
Por ser un gran blog e por ser, tamén é certo, o da miña amiga María.