culturagalega
consello da cultura galega

Os Favoritos de… Ramón Nicolás

Publicado o 16 Xuñ 2006

Desde fai uns meses os noctámbulos afeccionados á literatura poden ver a Ramón Nicolas (Vigo, 1966) falar das novidades editoriais no programa Libro Aberto que conduce Manolo Romón na TVG. Ramón deixa así a súa sinatura no medio audiovisual como fai habitualmente en xornais e revistas literarias.

Recensor habitual nas páxinas do Faro da Cultura, Ramón Nicolás Rodríguez tamén dá conta das novidades literarias galegas para a revista Que Leer!, na que pouco a pouco vai conseguindo ampliar o espazo co que se atende ás nosas letras no resto do Estado. Tradutor, profesor de Lingua e Literatura Galegas e investigador literario, a súas obras sobre o homenaxeado neste ano nas Letras Galegas: “Manuel Lugrís Freire. Vida e obra” e “Manuel Lugrís Freire. Biografía e antoloxía”, ambos os dous en Xerais, son obras de obrigada consulta este ano 2006.

Como investigador tamén leva a cabo un importante traballo editorial e de documentación sacando do prelo diversos libros de orientación didáctica. “Agora – adiántanos Ramón Nicolás- preparo material para a elaboración, en coautoría, dun proxecto divulgativo sobre o fútbol galego”. Ao tempo Nicolás anda a voltas “cun par de proxectos vinculados con Celso Emilio Ferreiro que son: unha escolla e comentario de textos e intervencións do celanovés” para o cal busca e escoita as gravacións existentes deste autor, do que tamén recolle datos e información para a elaboración dunha biografía sobre o autor de Longa noite de pedra.

As súas fontes de información e lectura na rede son as que seguen:

bretemas.blogspot.com
Un caderno de bitácora dun editor que, ademais, é amigo meu. Plural, variada, informativa e sempre interesante.

rioleteo.bitacoras.com
Blog de Francisco Castro: “A canción do náufrago”: literario, sempre respectuoso e transmite a bonhomía innata do seu autor.

www.vieiros.com
Necesario para manterme informado. Consúltoo todos os días. Tamén o Cartafol de libros incluído na páxina.

www.editoresgalegos.org
Páxina da Asociación de Editores Galegos: precisa para manterse informado das súas actividades e propostas.

LG3
Indiscutíbel para estar ao día arredor das novas culturais e literarias.

www.aelg.org
Páxina da Asociación de Escritores en Lingua Galega, á que pertenzo.

asuvasnasolaina.blogspot.com
Páxina de Marcos Valcárcel. Artigos de opinión sobre política, sobre asuntos literarios e sobre Ourense, sempre altamente informativos e interesantes.

cabaretvoltaire.canalblog.com/
Famosa páxina de Jaureguizar que consulto acotío tanto polos post do autor como polo diálogo que a partir de aí se crea.

ovixia.blogspot.com
“O vixía entre o centeo”. Páxina de contidos literarios, hai pouco creada, á espera do que pode dar de si.