culturagalega
consello da cultura galega

Os favoritos de… Moncho Iglesias

Publicado o 23 Xuñ 2006

Moncho Iglesias ven de presentar no mercado editorial a primeira tradución dun libro do hebreo ao galego. Residente nunha das zonas máis conflitivas do planeta e nunha cidade que foi berce dunha das relixións máis importantes do mundo, Moncho busca e atopa puntos de conexión entre as culturas e tamén usa a súa ollada como ferramenta para a comprensión.
Moncho Iglesias Míguez dá clase de castelán na Universidade de Belén, en Palestina, nun enclave especialmente importante de Terra Santa desde o que asiste, observa e sufre a situación convulsa dun conflito enquistado que segue a desangrar a dúas sociedades. Moncho colabora habitualmente co portal Vieiros e máis co Instituto Galego de Documentación Internacional, IGADI, para o que fai artigos de análise da actualidade palestino-israelí que moitas veces ilustra coas súas propias fotografías, que revelan tamén moito sobre as situacións que describe. Xustamente entre os seus proxectos está presentar unha exposición poético-fotográfica, en Belén, con fotos e versos relacionadas co muro que actualmente separa os territorios dunha maneira devastadora.

O seu último traballo rematado, ademais de poñer as notas aos seus alumnos, foi a tradución a partir do hebreo de “O condutor de autobús que quería ser Deus”, de Etgar Keret, publicada por Rinoceronte e que constitúe, ademais dun bo libro, a primeira obra traducida directamente dese idioma ao galego, a tradución á inversa tamén a ten feito anteriormente o mesmo Moncho con obras de Cunqueiro. Do libro de Keret traducido Moncho di, entre outras cousas “que trata a simbiose desas xentes que viven en mundos paralelos, entre relixións diferentes, mais non distantes; linguas non moi afastadas e culturas xemelgas”. De comparación entre culturas tamén versa o seu traballo de doutoramento en Filoloxía Galega que está a facer, “comparando o conto oral galego co palestino”. De feito Moncho ten a idea de construír pontes que nos unan máis con ese pobo e ten como proxecto a longo prazo a creación dun Centro de lingua galega en Terra Santa, que” como dentro de dous anos espero que saia á luz” e a través do que quere dar clases de galego aos locais. Á parte, Iglesias traballa intentando traducir unha guía sobre Palestina, labor que tamén se ve afectada polo conflito como todo naquelas terras “hai semanas nas que o contrato segue adiante e outras nas que non, porque non hai cartos e nunca se sabe se o libro poderá ser editado finalmente”.

Moncho suple a distancia que lle separa da súa terra visitando a diario algunhas páxinas galegas e tamén achega outras fontes locais especialmente interesantes sobre o terreo no que se move “non son máis que de novas, pero é o que me ocupa e preocupa”, asegura el:

www.vieiros.com
www.culturagalega.org
www.anosaterra.com

Estas tres por achegarme á realidade galega. Amais porque agora vou directamente ó Faro dende Vieiros, para ler a versión galega. De cando en vez tamén visito a páxina doutro xornal galego, pero máis que nada é para ler o que se escribe de non certo. (Neste outro xornal escribíronse cousas sorprendentes, que chaman moito a atención, dende logo, pero que non sucederon ou non foron ditas polas persoas citadas).

http://english.aljazeera.net
www.haaretz.com
www.bethlehempost.com

Estas para coñecer a fondo o que pasa onde estou. En haaretz é interesante ler os comentarios ás novas, porque chega a haber boas discusións sobre o conflito árabe-israelí.

www.peacenow.org.il
Esta páxina non a visito moito, porque recibo as novas directamente deles, pero considéroa interesante, pois é dun grupo pacifista israelí ó que pertenzo.

www.palsolidarity.org/main/category/bilin/
Nesta páxina danse novas sobre a aldea de Bil´in, onde hai manifestacións tódolos venres. Protestas pacíficas nas que participan israelís, palestinos e internacionais.

http://ave.cvc.cervantes.es
www.todoele.net

Estas dúas porque necesito botar man do maior número de materiais de ensinanza posibles. Non tódalas actividades son axeitadas para as emocións dos meus alumnos, así que teño que buscar, comparar e elixir.