culturagalega
consello da cultura galega

Os favoritos de… Virxilio da Silva

Publicado o 30 Xuñ 2006

Virxilio da Silva (Portonovo, 1984) é un dos novos valores do jazz cos que contamos e que van buscando o seu lugar no eido musical. Avantaxado alumno do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra presenta agora o seu primeiro disco como guitarrista dunha formación con nome de chamada de auxilio.
S.O.S. Trío é o proxecto de Virxilio da Silva e que comparte con Max Gómez á batería e José Carlos Ferro ao contrabaixo, o grupo ven de presentar recentemente o seu primeiro disco “106 Underground St”, gravado en setembro do pasado ano e editado agora polo flamante selo discográfico Free Code Jazzrecords. Coma o selo, o trío naceu ao abeiro do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, onde estes tres músicos coñecéronse na primeira edición, no 2001, e desde entón buscan saída á súa música con este proxecto de nome desesperado. Virxilio, pola súa parte tamén participou neste tempo noutras formacións como a Orquestra de Jazz do Morrazo o no grupo base que durante dous anos estivo abrindo as Jam Sessions no Jazz Club Dado Dadá de Santiago. Ademais tamén fixo parte nun proxecto folk, o grupo Na Virada, co que gravou en 2002 o disco Rolada das Cantigas.

Virxilio formouse musicalmente dentro dos límites da provincia de Pontevedra. Desde a Escola de Música de Vilagarcía ao Conservatorio Profesional da capital provincial e polo SPJ de Cangas como paso previo aos catro cursos nos que asistiu ao Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra. Participou nas gravacións de todos os disco editados polo SPJ aínda que “106 Underground st.” é o primeiro disco que gravan como S.O.S. Trío. Esta formación musical viuse reforzada despois asistindo a cursos en Zarautz e en Portugal ata chegar ao momento actual no que, grazas a unha bolsa de estudos do SPJ pode viaxar a Nova York para recibir alí clases de Peter Bernstein e Jonathan Kreisberg. E nesas anda, preparando ese desprazamento á Gran Mazá mentres tamén presenta en concertos por toda a comunidade ese disco que ven de sacar. e non descarta “participar noutros proxectos en colaboración con outros músicos”.

Estes son os “locais” onde para Virxilio na rede:

www.freecodejazzrecords.com
É a páxina do selo discográfico co que nós gravamos.

www.pontejazz.org
Seminario Permanete de Jazz de Pontevedra, escola fundamental para o músico de jazz que se preze como tal.

www.vieiros.com
Para me manter informado das novas diarias na nosa propia lingua

improvisosaosul.weblog.com
Para estar un pouco ao tento do que acontece no mundo do jazz, vía Portugal

www.tomajazz.com
Para o mesmo, pero por vía Estado español.