culturagalega
consello da cultura galega

Os favoritos de… Marcos Lorenzo

Publicado o 07 Xull 2006

Escritor, economista e antropólogo. Diversos perfís lle podemos encontrar a Marcos Lorenzo (A Coruña, 1970), poliédrico por natureza, creativo e xestor a partes iguais. Na actualidade traballa como xerente da Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena de Galicia (AADTEG) e exerce de consultor para proxectos sociais e culturais.

Marcos Lorenzo colaborou como crítico literario para a EMUGA (Emisoras Municipais Galegas) e forma tándem creativo con Mauro Trastoy en publicacións como Trescentos ou a Revista das Letras de Galicia Hoxe. Ademais, como el mesmo di, “nos mundiños da contracultura” ten sido redactor das revistas Anima+l e www.revistaomnibus.com, así como presidente da “moi insigne” Sociedade Patafisica do Atlántico. Foi fundador da cooperativa Cidadanía, desde onde lanzou iniciativas de economía social, de participación cidadá e de planificación estratéxica de cidades. Posteriormente dirixiu programas de integración de inmigrantes para o Ministerio de Traballo e para a Unión Europea.

Sen esquecer as incursións nos aforismos de asinaturas como Antón Patiño, Xavier Seoane ou Antón Baamonde, como escritor, Marcos Lorenzo acaba de editar un libro pioneiro en Galicia no ámbito do xénero aforístico. Titúlase “Liquidación de Existencias” e é unha obra de pensamento emocionado (ou razón poética) na que se mostran os medos e aspiracións dunha nova xeración de galegos, a que hoxendía está comprendida entre os 25 e os 50 anos, filla do profundo cambio cultural que experimentou o país. É a quinta publicación do autor, se ben a primeira en formato libérrimo, e está a ter un importante suceso tanto en ventas en papel coma en descargas en internet (máis de 5.000). Até agora, a ducia de críticas e recensións que foron saindo sobre “Liquidación de Existencias” foron unánimemente favorables, senón entusiastas, destacando a “rompedora” calidade literaria do texto e a súa “sorprendente solvencia filosófica”.

Cara adiante, ten en mente a redacción a catro mans dun libro de contos infantís para adultos no que tentará lograr “un ton que oscilará entre o sarcasmo e a ternura”. Con todo, non aspira a facer carreira literaria, “porque a maior parte das persoas non temos tantas cousas interesantes que decir”.

Eis os locais nos que Marcos para pola Rede:

inseminario.blogspot.com
“Un grupo de amiguetes bastante punks e iconoplastas, pero terrorificamente divertidos e con vontade de estilo.”

www.arredemo.info
“Información desde as marxes, para sacudirse os excesos de pegañenta oficialidade.”

www.college-de-pataphysique.org
“O web oficial do ilustre Colexio de Patafisica de París, o faro que proxecta sobre o mundo a luz opaca da ciencia das excepcións (ou das solucións imaxinarias).”

www.johncoltrane.com
“O mestre de todos os mestres, cunha selección das súas mellores fugas, que poderedes escoitar de balde nesta páxina. Aquí están as miñas cousas favoritas.”

desorde.blogspot.com
“Un colega que está bastante maior pero non parece decatarse. Especialmente sórdido ese deixe indie, como de adolescente sensible e atormentado, por non mencionar a súa inclinación por Los Planetas e Charles Bukowski. Un fenómeno.”