culturagalega
consello da cultura galega

Os favoritos de… Nilo Casares

Publicado o 14 Xull 2006

Nilo Casares é comisario de arte e experto en arte contemporánea. A súa ollada persoal e intransferible sobre a creación -e sobre a divulgación da creación- tamén se contaxia, como un virus informático benigno, ás orixinalísimas propostas de Favoritos de Internet que nos fai para esta fin de semana.
Nilo-Manuel Casares Rivas (A Coruña, 1963), vive en Valencia desde 1983. Axiña o seu foco de interese virou para as artes plásticas, e arredor da urbe levantina como centro de traballo, ten abraguido co seu labor exposicións, publicacións e proxectos diversos. En 1997 publica en Internet o seu primeiro libro “Niutismos ou Labirinto”, da man de Celso Álvarez Cáccamo. En 2004 pon en circulación a súa segunda obra teórica, “La restauración del significado. Arte, otra vez” baixo a licencia de reprodución libre Copyleft. Na súa concepción, Nilo, inimigo declarado das restricións á copia, valora moito esta característica: “o facto do libro ser de fácil acceso, telo na rede descargábel libremente e con copia tolerada”. Podes baixalo na súa páxina persoal http://comisario.net

Entre outros medios dixitais e convencionais, Nilo colabora no suplemento cultural do diario madrileño ABC. Os seus proxectos máis recentemente rematados como comisario foron as exposicións “Trama-la línea” para a Galería Gabriela Mistral de Santiago de Chile, unha mostra de arte pública, “Pabellón DD” para o Centro de Arte Contemporáneo Juan Ismael de Fuerteventura, unha colectiva de 22 artistas con obra dixital e “Casa de citas/House of words” para o Gran Canaria Espacio Digital de Las Palmas, en que se poden ver dúas obras reactivas á presenza humana, tanto ao vivo como de xeito diferido, polo correo-e. Para o futuro, prepara un libro sobre esta última exposición e as súas derivacións, e outra mostra para primeiros de setembro, no Espai D´Art La Llotgeta de Valencia. Trátase dun traballo de Francis Naranjo que explora os límites da video-vixilancia.

Lonxe de Microsoft, Nilo prefire navegar con Safari, Firefox, Camino ou Ópera, e faino por estes sitios:

hotbot.com
“O meu pesquisador habitual, non emprego google, como non emprego nada que for masivamente empregado, principio básico para esquivar o control.”

0100101110101101.ORG

“O grupo artístico gonzo europeo, unha boa forma de desfacer estándares, son os mellores na poética de desvelar os presupostos non pensados, mais sempre presentes, na comunicación ás masas.”

netart.org.uy
“O sitio de Brian Mackern, un dos primeiros latinos en chegar á rede. A este uruguaio lle debemos, ademais das primeiras versións de textos referenciais ao español, as primeiras incursións no ámbito dos soundtoys con impronta latina.”

jimpunk.com
“Talvez o artista que máis desconcerto provoca em min, é un verdadeiro punk da inet, non deixa ninguén con cabeza, é o xenio polo xenio. Ao igual que os 01.ORG del ninguén coñece a súa identidade.”

linkoln.net

“Rick Silva, o outro puncarra da rede (co permiso de Antonio Mendoza, de Subculture.com). Silva, xunto com Jimpunk, desenvolve screenfull.net, o primeiro blog que non é tal, só unha forma perpetua de te esnafrar contra a pantalla. Ao igual que Jimpunk, non respecta nada, aínda que ten un humor máis cultivado.”

unosunosyunosceros.com
“Arcángel Constantini é un artista que se move entre os mundos onírico-dixital-concreto para revitalizar os obxectos que están nun deles sen unha presenza clara; é o resucitador da inet.”

fllanos.com
“Fernando llanos é un artista que converte o vídeo nun sistema de comunicación e intercambio, é coñecido polos seus videomails, apesar de que agora está a experimentar com móbeis para o desenvolvemento de vídeo comunitario.”

(As citas entre comiñas foron adaptadas da ortografía portuguesa)