Os favoritos de… María Lado
María Lado (Cee, 1979) é un dos máis firmes valores da poesía galega actual. Na proximidade do cotián e no fluir dos sentimentos traza un estilo propio e inconfundible que foxe de convencionalismos e preconcepcións. Esta fin de semana María cóllenos da man e lévanos de paseo polos seus Favoritos de Internet.

Tiña tanta présa por vir ao mundo que naceu de camiño ao hospital. Poetisa, directora de teatro, narradora, actriz, columnista e colaboradora de infinidade de medios impresos, ademais de locutora de radio, esta fervellasberzas creativa estudou produción audiovisual e filoloxía galega en Compostela. Os versos e as táboas do escenario dispútanse as súas horas, onde vai que a representación tanto dramática como lírica se contan entre as súas paixóns.O esencial da obra poética individual de María Lado encóntrase nos libros “A primeira visión” (1996), “Casa Atlántica, Casa Cabaret” (2002) e “Berlín” (2005). Este último pódelo descargar libremente aquí.
O seu traballo máis recente foi a participación no programa Planeta Fantasía da TVG, relatando contos para nenos. Forma con Lucía Aldao un tándem poético que racha con todo, xuntas realizaron as performances poéticas Onde estea un cubata que se quite un soneto e Poeta de merda. Doutra banda están tamén os inventos, como ela di, de poesía e imaxe, que vai subindo ao castpost, ao fotoblog, e á bitácora coa intención dalgún día os organizar nun só espazo virtual.María continúa a colaborar en diversas publicacións e antoloxías, a traducir textos drmáticos para compañías como Cachirulo e Títeres Cascanueces, e a participar en proxectos do máis variopinto, como un documental ao que varios poetas aportarán textos ou a aventura de escribir unha radionovela. Nos seus plans de futuro inmediato está tamén a idea de ensaiar con Lucía Aldao un espectáculo poético. E escribir, sobre todo, escribir.
Estas son as páxinas que María nos suxire:
album06.com
“Webzine con novas sobre cultura, un deseño moi xeitoso e a posibilidade de escoita música mentres o navegas.”
“Un clásico das miñas travesías virtuais, para saber que pasa polos mundos.”
chuza.org
“Chuza, novas galegas onde a comunidade de internautas decide.”
andar21.fiestras.com
“A sección de poesía de Andar 21 que ten colaboracións moi interesantes, conxuncións de fotografías e textos, onde descubrín Ana Cibeira.”
monpetitlezard.com
“O Monpetitlezard de Sofía Rhei, páxina dunha poeta de madrid feita con moi bo gusto e cuns obxectos poético-dixitais moi bonitos. Dá para navegar con calma lendo os poemas animados e visitando os links.”
fotolog.com/pantone292
“O blog Pantone 292, onde atopar fotos curiosas sobre deseño e publicidade.”
susobahamonde.blogspot.com
“O blog de Suso Bahamonde From Hell, onde fala de películas, de música, de libros e sobre todo de vivir nun recuncho da Costa da Morte. Con sorte pódense ler relatos e poemas do autor.”
incomunidade.blogspot.com
“o blog da incomunidade, promovido desde portugal pero onde podes atopar colaboracións de xentes diversas e noticias dos seus filocafés (unha especie de reunións entre artistas e público sobre un tema).”
www.alg-a.com/index.php
“A páxina de alg-a, segundo eles mesmos din comunidade subacuática galega, con novas sobre arte dixital e enlaces interesantes.”
biboz.net/burbujitas/
“A páxina dun entretemento estúpido que gusta a todos os humanos. Un sitio onde facer estourar esas viciosas burbullas de plástico, apto para desestresarse e demostración de que na rede… Hai de todo.”


RSS