Os favoritos de… Hugo Covelo
Hugo Covelo (Vigo, 1976) traballa en artes visuais dirixidas tanto para o papel como para a pantalla. Ligado á hiperactividade de Internet, este artista vocacional sempre tivo claro que o seu labor ía pasar pola creación gráfica que, aínda coas ferramentas modernas ou das novas tecnoloxías, nace das mans propias.
Criouse en Beade, un belo contorno entre o rural e o urbano que de cote se esquece que é parte de Vigo. Debuxaba desde pequeno, e xa nos seus tempos mozos na cidade olívica, Hugo demostrou ser un gran xogador de equipo: Foi un dos dedicados contribuintes á escena local dos fanzines como “Chámalle-X” xunto cos seus compañeiros de xeración. Nas publicacións amateur de cómic foi desenvolvendo o seu gusto por dous tipos de historias, as de humor e as intimistas. A súa obra xira arredor da nostalxia e os sentimentos, mas tamén xoga coa parodia, mesmo coa autoparodia, porque ultimamente unha versión cómica de si mesmo protagoniza hilarantes olladas ao mundo no que vivimos. Hugo leva xa década e media movéndose entre as viñetas, obtendo galardóns nos certames da Casa da Xuventude de Ourense e de Las Rozas (Madrid). Tamén ten representando a banda deseñada galega en festivais como o de Santo Tirso, en Portugal.
Licenciado en Belas Artes, Hugo Covelo é profesional do deseño gráfico e mais do gráfismo televisivo e ten traballado para algúns dos programas autonómicos máis populares da pequena pantalla, entre outras producións audiovisuais. Experimenta todo o que pode co lapis e coa tableta gráfica no campo da ilustración, así como coa edición de video e coa fotografía e o seu tratamento dixital, como ben dan fé a súa páxina web e o seu blog persoal.O seu traballo no campo da banda deseñada foi crucial para o galardón que recibiu a publicación galega “Barsowia”, recoñecida polos lectores como o mellor fanzine de España en 2005, un premio que Hugo recolleu persoalmente o pasado xuño no transcurso do pasado Salón do Cómic de Barcelona. Continuando a traballar no seo do colectivo que a promove, Hugo, que xa domina ben o relato curto, prepara o seu salto á historia longa en solitario, cunha enfeitizante novela gráfica que mestura o suspense coa maxia, obra que ten intención de rematar ao longo do ano que vén.
Eis os sitios de Internet que Hugo nos suxire:
“Un blog canadense adicado á ilustración, o cómic, a animación, etc. O meu blog de cabeceira, fundamental.”
efimera.org
“O meu outro blog de cabeceira, a porta ó labirinto vixiada por Juanjo Seixas. Fai moito que non postea, pasaralle algo? Quero máis…”
radioparadise.com
“Unha radio on-line. O mellor contra o monocultivo da radio española en xeral. Moi ecléctica, nela teño escoitado dende Mano Negra ata… Beethoven!!”
nomagazine.com
“Un magazine on-line de fotografía, cómic, deseño levado por Manuel Bartual. Non actualizan tanto como eu quixera, pero é interesante igualmente.”
lacarceldepapel.com
“Blog de cómic de Alvaro Pons. Está ben, é dos mais amenos que teño visto. Tarde ou cedo acabas visitando este cárcere.”
“Como me despiste acabarei debuxando como Ronnie del Carmen. Excelente artista que traballa en Pixar (si, a dos “Incribles”).”
carosia.com
“Web de Edgardo Carosía. Moi bo deseñador gráfico e debuxante, xa non me convence tanto como narrador gráfico, aínda así, cómo mola Edgardo. Tamén fai cousiñas para la Voz de Galicia.”
bluevertigo.com.ar
“Para deseñadores gráficos. Unha barbaridade de recursos como tipografías, logos, imaxes, etc. Un salvavidas para os profesionais.”


RSS