Os Favoritos de… Nicolás Pastoriza
Nicolás Pastoriza quere crer en moitas cousas, pero sobre todo na música. Seguindo a súa prolífica traxectoria musical ven de presentar o disco da súa formación Ectoplasma, que sairá ao mercado en outono. Neste traballo Nicolás e os seus compañeiros declaran o seu “Amor por lo paranormal” sen por iso ter que ser considerados uns “fantasmas”.

Mulder afirmaba e Scully barruntaba que a verdade está aí afora, Nicolás Pastoriza comparte esa posición e faino desde o escenario co seu grupo Ectoplasma, co que ven de publicar o primeiro disco “Amor por lo paranormal”, obra enchida de referencias da fantasía e a ciencia ficción, letras do propio Nicolás que móvense “entre o fantástico ou absurdo e o doméstico máis absoluto, entre o paranormal e o municipal” como recoñecen no seu sitio web, e con melodías pop con reminiscencias da tradición inglesa de finais dos 60 e principios dos 70, con guitarras violíns e trompetas. Con títulos como “La balada del hombre sin planeta”, “La astronave del amor”, “Electricidad”, ou as que dan nome ao disco e mesmo ao grupo, revelan unha fascinación pola ciencia ficción dos anos cincuenta e sesenta e a súa estética, aínda que con referentes máis próximos como Expediente X.
Pero aínda que non podamos ver nunca a Nicolás sen o seu gorro ou algún chapeu, non por iso cremos que é un extraterrestre recen chegado ao planeta que oculta as súas antenas. En Vigo é coñecida a súa ampla traxectoria con outros grupos e músicos, desde os seus inicios en Los Buzos, xunto a Javier Soto ex-Siniestro Total, pasando a formar na segunda metade da década dos oitenta parte de Bromea o que? e posteriormente de La Marabunta, grupo co que acadaron un grande éxito e co que gravou tres discos, sendo o derradeiro “La vida en rebajas”, gravado en Vigo en 1997. Desde entón Nicolás apartouse durante un tempo da actividade musical, pero desde o comezo do século XXI volveu con forza, incluíndo un dos seus temas na BSO da película “Lena” e liderando Ectoplasma. Agora o seu espírito, sen separarse do seu corpo, segue a compoñer temas e a preparar a presentación e promoción de “Amor por lo paranormal”, pendente para o outono.
Para Nicolás Pastoriza os límites da realidade veñen marcados na rede polos seguintes lugares:
www.ectoplasma.tv
A nosa website, lóxicamente ten quefigurar aquí.
www.georgeharrison.com
A páxina do mestre, o tío Jorge, o noso beatle favorito, Hare Krishna.
www.twilightzone.org
A mellor serie de TV de todos os tempos.
www.thunderbirds.com
Recordos imborrables da miña infancia.
www.tremfantasma.com
Unha gran banda local cunha web total.
www.morrisseymusic.com
O Raphael do pop británico, único e inconfundible.
www.lo-inexplicable.com.arPara un fan do paranormal, esta web de consulta non está mal
www.raydavies.info
O máis grande e a súa web, aínda que o mellor é procurar en Google Ray Davies Lyrics e ler as súas magníficas letras.


RSS