culturagalega
consello da cultura galega

Os Favoritos de… Xurxo Sierra

Publicado o 07 Dec 2006

Xurxo Sierra Veloso di non sentirse cómodo baixo a definición de escritor, palabra que lle dá algo de medo e que prefire cambiar pola de aspirante. El di que conta historias, e xa leva tres delas publicadas e algunha premiada. Na súa condición de blogueiro recoméndanos xustificadamente algúns dos seus weblogs de parada habitual.
O autor de “Os mércores de Fra” (Stelo Blanco, 2006) naceu, como moitos galegos, ao outro lado do océano, máis concretamente en Caracas en 1969. Vigués de raíz, traballa na Escola de Maxisterio da Universidade de Salamanca, en Zamora, e desde alí non perde ripio de todo o que se coce nas letras galegas que tan ben soubo enxergar con esta novela que gañou a última edición do Premio Risco de Creación Literaria. Unha na vela na que, segundo o autor “ pretendín reflexionar sobre as absurdas obsesións con que estragamos ás veces a vida. O seu protagonista é un individuo de razoamentos surrealista que vive pendente da chegada da morte. A miña pretensión foi escribir unha historia divertida ou polo menos amena. Agora serán os lectores os que teñan que xulgar.”

Neste mesmo ano Xurxo xa publicara coa mesma editorial outra novela “Licor de abelá con xeo”, coa que acadou un honroso posto finalista no prestixioso Premio Lueiro Rey de novela curta. Desta outra obra o autor dixo publicamente que está “feita con intención de rir un pouco á conta das seriedades do sistema literario”. Antes dese premio tamén recibiu en Salamanca o premio do IV Certame de Narración Curta do lectorado galego da universidade salmantina pola obra “Fumata branca”. A día de hoxe está a agardar pola publicación dunha obra colectiva na que participa e naque baixo o título de “Volverlles a palabra” faise unha homenaxe “ás innumerables persoas que
foron asasinadas durante a Guerra Civil no alto do Furriolo.” Mentres agarda segue atacando a folla en branco, xuntando palabras que talvez algún día presente como outra novela.

Sierra é blogueiro e mantén unha destas plataformas para a que usou o nome do seu primeiro libro publicado en 1994, “Os ollos do rei de copas”(Do Cumio), deixándoo en reidecopas (…blogspot.com) Desde esa condición de usuario activo Xurxo Sierra recoméndanos unha manchea de weblogs do Blogomillo que adoita visitar e nos que participa, aínda que asegura que hai moitos máis moi recomendables.

Estes son os que comenta:

asuvasnasolaina.blogspot.com/
Bitácora do profesor ourensán Marcos Valcárcel. Paréceme unha fonte constante de sabedoría e serenidade, un xeito de aprender cousas novas cada día.

beliscospequenos.blogspot.com
Besbellinha ten un blog fresco, imprevisible, sempre sorprendente. O feito de que non teña unha temática única faino dobremente interesante.

bretemas.blogspot.com/
O blog de Manuel Bragado é un clásico entre os clásicos. Nel sempre podemos atopar novas culturais e reflexións sosegadas.Ademais, Brétemas e mais eu compartimos unha paixón celeste: o Real Club Celta de Vigo.

sihomesi.blogsome.com
Xosé Manuel Pereiro é probablemente o máis agudo e lúcido dos nosos xornalistas. A súa prosa debería ser obrigatoria como terapia para todo aquel que queira aprender a pensar por si mesmo, a dubidar, a ser libre.

apicaradeallegue.blogspot.com
Unha combinación perfecta de fotografía e palabra. Transmite forza e rebeldía. Non me estraña que cada vez teña máis seguidores.

haicu.blogspot.com
Divertido, orixinal, alleo ás solemnidades. Suxire pero non guía, insinúa pero non aborrece.