Os favoritos de… David Quintanilla
No eido musical desenvolve David Quintanilla o seu traballo e é onde máis a gusto se move. Empresario da noite e da música, está a encabezar un importante proxecto colectivo das salas de música do país.
Desde a emblemática sala de concertos El Ensanche de Vigo David Quintanilla leva algún tempo poñendo na noite viguesa algunhas das mellores e máis interesantes actuacións musicais do momento. Polo seu local pasaron moitas figuras importantes e algúns artistas vigueses de indubidable relevancia teñen alí o seu punto de encontro obrigado. Da programación propia David pasou a ampliar o seu radio de acción e comezou a traballar na representación e produción musical, creando a empresa Criteria Music Noroeste. Desde esta empresa está a producir para Caixanova o certame de maquetas de grupos galegos Novaxove Music, no que participaron un total de 69 grupos das catro provincias e cuxa final se celebrou o 24 de novembro pasado na Sala Capitol nun concerto no que o propio David tamén foi xurado e que gañaron os coruñeses Stereotipos. David xa está a preparar a xira dos gañadores e a seguinte edición do concorrido certame.
Outro dos seus proxectos está no colectivo Clubtura, Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo da que é presidente. Esta asociación, que se creou neste ano, agrupa unhas corenta salas do noso país que en total conseguen reunir uns 47.000 espectadores cada ano para asistir a espectáculos en directo. Dentro das reivindicacións do colectivo está que estes espazos sexan considerados como salas culturais e unha normativa que dalgún xeito os englobe.
Na web David recomenda visitar:
www.mondosonoro.com
Dan boa cobertura á música independente, podes ver concertos, entrevistas, comentarios sobre discos…
www.lisandroaristi.com.ar
Recomendo máis a súa música que a súa web, pero é unha bo xeito de achegarse a un bo músico.
www.elpais.com
Estés ou non de acordo coa súa maneira de tratar a información, é a mellor web de prensa que coñezo, sobre todo pola variedade dos seus contidos.
www.youtube.com
Desde pasar o rato vendo vídeos, ata utilizala en grupos para ver traballos, viaxes, etc… moi curiosa.
www.novaxove.com
Para seguir o desenvolvemento do concurso Novaxove music, e sobre todo para escoitar todas as maquetas que se presentaron, é incríble o nivel da música galega, había moi bos temas.


RSS