culturagalega
consello da cultura galega

Os Favoritos de… Henrique Neira

Publicado o 29 Dec 2006

El é un dos primeiros xornalistas da rede en Galicia, autor de varios libros e coordinador de suplementos anovadores na prensa diaria. Henrique Neira (Caracas, 1973) é redactor dos xornais El Correo Gallego e Galicia Hoxe e creador da primeira “comarca virtual” arredor do Val do Ulla, zona que ten estudado en profundidade. O seu percorrido pola rede demostra ás claras as súas áreas de interese humanistas.
Un estudo de Henrique Neira sobre as bibliotecas galegas na internet, “ Libros galegos en Internet. Unha guía de recursos en liña”, será a obra que inaugure no 2007 unha sección dedicada ás letras galegas na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, unha iniciativa da Universidade de Alacante que funciona ao abeiro da fundación do mesmo nome presidida por Mario Vargas Llosa. A universalidade que acada o traballo deste xornalista licenciado e doutorando pola USC non o afasta das súas inquedanzas máis locais, como é a historia da súa comarca do Ulla. Así ten pendente de saír da imprenta dous libros: “Vedra. Da Prehistoria ós inicios do século XX”, versión mellorada dun libro que xa publicara no 2001 sobre o tema; e “O Val do Ulla. Unha comarca natural”, libro do que é coautor xunto co seu irmán Xerardo Neira e catro amigos máis. Este libro naceu a partir da súa iniciativa de “comarca virtual” na web valdoulla.com, un proxecto pioneiro no seu enfoque. Arredor da historia local está agora traballando coa asociación Raiceiros nun proxecto sobre a construción da ponte do Gundián sobre o río Ulla e da vía férrea Zamora- A Coruña ao seu paso pola Ulla. Deste traballo poderán saír unha publicación “e mesmo unha exposición”.

Do seu traballo xornalístico nos devanditos xornais compre destacar a coordinación de dous dos suplementos máis interesantes do panorama xornalístico galego, como son “Descubrir”, un suplemento de divulgación científica, histórica, etc; e “Océano Internet”, no que presenta toda a información sobre as novas tecnoloxías. Xustamente o tema das redes e a dixitalización aplicada levou a Henrique a escribir e participar en varios libros como “Internet:navegar desde Galicia” (Xunta de Galicia, 2005), “O labirinto virtual. Sobre as novas tecnoloxías na educación” (Xerais, 1998) e tomar parte na Enciclopedia Galega Universal levando ao seu cargo as voces de Informática e Internet.

Estes son os enderezos que Henrique ten máis frescos:

www.csbg.org/bibliotecadixital/asp/index.asp
A Biblioteca Dixital de Galicia ofrécenos varios centos de mapas xerais ou de zonas da comunidade e ten unha hemeroteca virtual con reproducións de páxinas de máis de cen cabeceiras de prensa galegas que xa non se editan hoxe en día.

www.aestrada.com
Na web do Concello pontevedrés da Estrada, no apartado de Cultura e subapartado Persoeiros das letras podemos atopar un catálogo de escritores e escritoras estradenses ou relacionados con este concello e varias obras ou fragmentos de obras para descargar.

www.bivir.com
O sitio web da Asociación de Tradutores Galegos achéganos literatura universal na nosa lingua.

www.bvg.udc.es/
Na web da Biblioteca Virtual Galega hai ademais de libros e textos literarios unha sección de audioteca e outra de videoteca.

www.cirp.es
A web do compostelán Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades ten un apartado de recursos en liña e bases de datos en liña de libre acceso para investigadoras e investigadores que inclúen milleiros de documentos textuais de diferentes épocas e referencias bibliográficas.

http://gl.wikibooks.org/
Un dos proxectos nacidos ó abeiro da coñecida enciclopedia en liña Wikipedia (www.wikipedia.org). A diferenza doutras webs que dispoñen os libros para poder descargar como un único documento, nesta os libros están deseñados para consultar en liña.

http://www.ti.usc.es/TILG
O Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago dispón de dúas xoias de grande interese para as persoas dedicadas á investigación en humanidades: o Tesouro Informatizado da Lingua Galega e o Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega, que está aloxado na web do Centro Ramón Piñeiro.

www.realacademiagalega.org
A centenaria institución con sede na Coruña dispón de tres apartados na súa web desde os que se poden descargar documentos: biblioteca virtual, hemeroteca virtual e publicacións.

http://busc.usc.es
No apartado “Coleccións dixitais” da web da Biblioteca da Universidade de Santiago atoparemos libros dixitalizados do fondo antigo, teses da USC lidas a partir do ano 2005 e prensa galega, con títulos de prensa e revistas dixitalizadas de fondo antigo galego.