culturagalega
consello da cultura galega

Os favoritos de… Abe Rábade

Publicado o 05 Xan 2007

É noticia indiscutible Abe Rábade (Compostela, 1977) porque desde o seu piano e na compaña das voces de Guadi Galego e Ugía Pedreira está ser co disco Nordestin@s (Falcatruada) un dos éxitos discográficos da música galega. Con menos dun mes na rúa xa levan vendido a día de hoxe máis de dous milleiros de discos. No disco Abe soubo captar a esencia das cancións mariñeiras e engalanalas coa harmonía do jazz.
Músico de inicios temperáns, Abelardo Rábade pertence a unha familia de fonda raizame cultural, son os seus pais o escritor Xesús Rábade e a tamén escritora e presidenta da Fundación Rosalía, Helena Villar, a súa irmá María Do Cebreiro é tamén unha recoñecida poeta. Con estes vimbios non é de estrañar que Abe Rábade destaque á súa vez nunha actividade artística coa que leva comprometido desde que aos catro anos iniciou estudos musicais no conservatorio de Santiago. Licenciado cum laude polo Berklee College of Music de Boston en “Jazz Composition” e “Piano Performance”, Rábade ten xa no seu andel o Premio Tete Montoliú ao pianista revelación polo disco “Simetrías” (Xingra, 2002) e o segundo premio do Concurso Internacional de Grupos de Jazz de Getxo, os dous conseguidos xunto á formación que lidera desde 1996, o Abe Rábade Trío no que comparte proxecto con Ramón Ángel e Paco Charlín.

No ano que ven de rematar, Abe presentou co seu trío o seu cuarto disco “Playing on light” (Karonte records) onde, segundo as súas propias palabras “lle poño música a sete fotografías en branco e negro, maridaxe que conservamos nos espectáculos en directo”, con este espectáculo percorre diferentes festivais de jazz. Durante este 2007 compaxinará estas presentacións coa xira de Nordestin@s, que o levará por moitas vilas e cidades do país. Ante o éxito que está a supor este disco xunto a Guadi Galego e Ugía Pedreira Abe di recibir “máis folgos para a continuidade desta síntese”, continuidade da que xa se afirmou partidario durante a presentación do disco en Santiago.

Outro dos seus proxectos para este 2007 será meterse no estudo de gravación en agosto xunto a outros seis músicos cos que xa ten tocado anteriormente. O pianista e compositor tamén ten unha faceta docente que exerce desde o Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, do que é director artístico xunto a Paco Charlín na Estudio Escola de música de Santiago. Gran viaxeiro, ten levado a súa música por distintos países do mundo demostrando sempre que a súa música non ten fronteiras e acadando recoñecemento por onde pasa.

Abe Rábade ten un sitio web de seu onde pode verse toda a información sobre el e os seus proxectos e nestes favoritos demostra as súas inquedanzas artísticas, que van máis alá do puramente musical:

www.tomajazz.com
Esta é unha web que ofrece a actualidade do jazz peninsular. De entre as súas interesantes seccións destacaría as entrevistas que se fan co gallo de novos lanzamentos discográficos ou actuacións dos máis destacados jazzistas.

www.allaboutjazz.com
Esta web informa constantemente da actualidade jazzística a nivel internacional. Inclúe unha guía mensual dos concertos e jam sessions de New York

www.ashesandsnow.org/en/portfolio/
Neste site accédese ao traballo Ashes and Snow do fotógrafo Gregory Colbert. A súa elegancia e sentido da estética son sobresaíntes. *

www.neoimages.net/artistportfolio.aspx?pid=1324
O norteamericano Mark Fischer desprega nesta web o seu traballo gráfico realizado a partir de sons de paxaros, golfiños e baleas. Os seus “mandalas sónicos” son espectaculares.

www.chemamadoz.com/
Esta é a páxina oficial do mestre da fotografía Chema Madoz. As súas composicións son paradoxas visuais feitas con moita intelixencia e sentido do humor.

hs.riverdale.k12.or.us/~dthompso/art/marc/gallery
Aquí accedemos a unha galería de cadros do xenial expresionista Franz Marc. Encántame o seu uso da cor e a sensación de movemento dos seus animais oníricos.

www.sketchesonmatches.com/
É o site do artista ruso afincado en New York Alexandre Sazonov. Fai traballos de gravado e debuxo en caixas de mistos, puros e outras superficies atípicas.

*(Nota da redacción: foi imposble acceder á URL achegada por Abe Rábade, no seu lugar púxose outra na que pode verse o traballo fotográfico mencionado)