culturagalega
consello da cultura galega

Os favoritos de… Estíbaliz Espinosa

Publicado o 12 Xan 2007

Artista de múltiples facetas, Estíbaliz Espinosa (A Coruña, 1974) tense expresado a través da poesía escrita e gravada, da música e da interpretación. Gusta de investigar arredor da identidade e ela mesma asume que a que ten é a que lle tocou, pero ben podería ser outra. Ten obra publicada en varios idiomas e textos en moitas revistas españolas e doutros países.

Podería ter sido, segundo ela mesmo di, “estrela na constelación de Orión, criatura de Frankenstein, lobo polar, una autómata fabricada por un ancián enxeñeiro ou unha campesiña rusa”, pero tocoulle ser Estíbaliz Espinosa e abofé que está a sacarlle partido a unha soa identidade a través de tres categorías, poesía, música e interpretación, ás que hai que engadir a de recente nai. Entre os afeccionados á literatura Estíbaliz é coñecida pola súa poesía, coa que gañou dous dos premios máis prestixiosos da lírica galega, o Premio Esquío no ano 2000 e o Premio Espiral Maior en 2002 coa obra “número e”(Espiral Maior, 2004). A súa poesía mesturada co uso das novas tecnoloxías no formato de podcast tamén acadou un premio en novembro de 2006, gañando o Iº Concurso de Podcasts Poético-Artísticos do Concello de Tarragona co podcast “Alcohorama”.

Ademais da “crianza e lactación dun neno humano” e de manter un blog (http://estibalizes.blogspot.com) e un fotolog (http://www.fotolog.com/acriatura), agora anda Estíbaliz ocupada nun proxecto deste estilo acústico, baixo o nome de Amasonia aglutina diversas gravacións recollidas durante tres anos que están na fase de montaxe e postprodución polo que aínda haberá que esperar para saber máis deste sonoro produto artístico. Mentres, segue a dedicarse profesionalmente ao canto formando dúo cun pianista e movéndose nos estilos lírico, e do jazz. Neste ámbito ten formado parte do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia nos Festivais Mozart dos anos 2004 e 2005.

Iniciada na interpretación no colexio e posteriormente na Universidade, Estíbaliz Espinosa ten participado en numerosas montaxes teatrais e actuado como protagonista na curtametraxe “Reverso” (1997). O público habitual do Forum Metropolitano da Coruña tena visto dentro do ciclo Horas Punta presentando Opia, onde a través dun alter-ego anónimo usa a poesía e canto nun espectáculo musical que explora a idea “do narcótico da identidade e a copia como xeito de estar no mundo”.

Nas sesións cibernéticas as que a somete a súa parte biónica, ela adoita conectar os seus circuítos nos seguintes enlaces:

Chuza!
As novas caen a chuzos. Con esa anarquía deliciosa. É un dos meus sitios predilectos da Galiza.

Microsiervos
Cheguei por azar, naveguei ao azar, consúltoo ao azar. E nunca defrauda: o estilo microsiervo é geek ata a medulabyte, fascinante, enxeñeiro i enxeñoso.

Chema Madoz
A aliaxe da prata e o xogo dan como resultado as misteriosas probas ás que nos somete Chema Madoz en cada fotografía. A min lémbrame moito a Chaplin: en branco e negro, en escenografías do cotián, entre lírico e paródico, entre clic e clic…

Ray Caesar Gallery
De cando en vez, diminúo en Alicia e fisgo polo ollo da pechadura deste tipo inglés que declara ter nacido can. Gústame o seu estilo de arte dixital un pouco pérfido, cheo de automatismos e belezas con certa enfermidade ou ausencia.

La Petite Claudine
Unha doce nena perdida que sabe ben do que fala. Visualmente impecábel, textualmente brillante, vizosa, profusa. Un clásico do lesbi, o fetiche, o techno… Mira que ghanas tes de darlle ao link!

No puedo creer que lo hayan inventado
Inventario de obxectos insólitos. Ou crueis como o kit para diseccionar unha ra. Ou tétricos como a sereíña momificada. Ou petulantes como a cámara de 160 megapíxels. Ou miratiquécousa como a vaxina-palomiteira. Ou simplemente… oh

NOC
Neste grupo coruñés de metal vaime algo máis que non conto. Interesante voz grave, esa voz…

Aduaneiros sem Fronteiras
A historia gráfica da Galiza destes anos non pode prescindir destas ácidas córneas. Conmóvenme ata a lágrima, a pata de galo e as maniotas no abdome. O seu Gerador Automático de Poesía Galega enche as miñas pálpebras lonxíncuas de hidroceles e hidrocarburos, jei

Perdiendo mi eje
Todo o que vostede sempre quixo saber sobre música e cine e nunca se atreveu a preguntar. Un coruñés afincado en Madrid, membro da xeración Pardilla e do I Simposio de Anomalías, autoeditor do fanzine do Vómito das Ninfas e hoxe reputado crítico musical.

Incomunidade
Un proxecto inimitábel, inconcluso, incomún. Que sae do cerebro ardente do A. A. Miranda & Cía, tal e como xorde a súa mata de pelo. Unha fermosísima criatura cibernética.

Helenbar
Mmmm. Confésome bastante deslumbrada con esta muller… Por poñer un exemplo das moitas obras gráficas que me deslumbran na rede e nas que caio por sorpresa.

Fáltanme moitos blogs e páxinas persoais que visito a cotío (a marabillosa www.casatlántica.blogspot.com)
e páxinas das que son frecuentadora nocturna (http://vidaartificial.com ou www.rebelion.org) . Pero isto sería outro del.i.cious e haberá ser contado noutra…