culturagalega
consello da cultura galega

Os favoritos de… Carlos Ares

Publicado o 26 Xan 2007

Carlos Ares (A Coruña 1966) é un dos guionistas máis activos do audiovisual galego, ademais de secretario da Academia Galega do Audiovisual. Cocreador de teleseries de éxito como “Mareas vivas” ou “Terra de Miranda”, traballa tamén na área do documental, contribuindo intensamente a lle pór palabras, imaxes, e son á realidade e á ficción da Galicia de hoxe en día.
Témolo visto pola tele como contertulio de “O programón” o ano pasado, pero o traballo de Carlos Ares é case sempre dos que fican atrás das cámaras. Aínda tendo experiencia en dirección e na producción, non en van é parte da produtora Zopilote S.L., o seu labor destaca como guionista, especialmente para a pequena pantalla. Innúmeras producións aparecen no seu historial desde finais da década dos noventa. Ten concebido e escrito sobre todo comedias e programas de humor, desde A Familia Pita, Fíos, ou O Rei da Comedia, até o actual Pepe o Inglés encarnado polo popular Miguel de Lira.

Con Xosé Castro e Andrés Mahía (de quen di que son “amigos, mestres e socios”) Carlos fundou Zopilote, e en equipo con eles asinou series de éxito como Terra de Miranda e documentais como Selección Galega, setenta anos despois, do que Culturagalega che ofrece unha completa ficha e un video de cinco minutos de duración aquí.

Carlos tamén ten feito papeis puntuais en “Mareas vivas”, “Terra de Miranda” e en sketches varios, aínda que di con humor que foi máis “pola broma” que porque teña intención de se converter en actor. Recentemente coproduciu con Diego Méndez (de Alén Filmes) tres documentais. Alén do devandito Selección galega, sobre o partido Galicia-Uruguai de decembro de 2005, está “Labregos do mar”, ambientado en Burela e que trata da costeira do bonito. Foi estreado na propia Burela o 29 de decembro e vaise emitir na Galega o 17 de Febreiro dentro do programa “Galicia documental”. En terceiro lugar está “Vogando”, no que coñeceremos “Cabo de Cruz” e “Mecos”, os dous clubes de traiñas que compiten na ACT, a liga do Cantábrico de traiñas. Hai que estar atentos, porque está a piques de estrearse.

Os tres “Zopilotes” están a guionizar e dirixir unha coprodución con CTV: “Air Galicia”, programa de humor para a Galega, dunha media hora de sketches. Entre os actores están “grandes actores e amigos”, como Carlos di: Manuel Manquiña, Antonio Duran “Morris”, Evaristo Calvo, Patricia Vazquez, Isi, Federico Pérez, Isabel Risco, Marcos Pereiro e Xoan Manuel Oliveira “Pico”. ¿Que esperamos do programa? “Neste programa imos rir de nós mesmos, dos galegos, das nosas teimas, do noso xeito de ser, da nosa xente. En fin, iso tan saudable que fan tan ben os británicos, rir dun mesmo.”

Pola Rede Carlos visita asiduamente estes enderezos:

www.vieiros.com

“Información da boa, independente, moi doado de consultar as noticias. Información do País, de deporte, cultura, internacional… e en galego.”

www.formulatv.com

“Para alguén a quen lle gusta tanto a televisión coma a min e non me refiro a “Gran Hermanos”, programas de cotilleo e mala uva, e operacións triunfo e derivados. Está paxina informa da programación, audiencias, comentarios, noticias de todas as canles do estado, incluido todas as autonomicas. Tamén informa das novedades internacionais.”

www.labutaca.net

“Non só de tv vive o home. Tamén de cine. Nesta paxina hai criticas, noticias e comentarios de todo tipo de películas.”

www.axenciaaudiovisualgalega.org

“Información sobre as producións, profesionais, estreas. Para enterarse do que facemos por aquí.”

www.sihomesi.com

“Xornalismo, critica do mundo e do País no que vivimos, diversión. xa dixen antes que me gusta rir de nós mesmos. ¿Quen da máis?”

www.academiagalegadoaudiovisual.com

“Desde logo non é para dar este enderezo a un sueco. Pero na paxina da Academia Galega do Audiovisual hai información dos actos da Academia, de estreas, de novas relacionadas co audiovisual galego. Porque a Academia somos todos os que nos dedicamos ó audiovisual en Galiza. ¡Imos mellorala e vai quedar moito mellor!”

www.borat.tv

“A paxina de Sacha Baron Cohen, un fenomeno. Xa sei que non é politicamente correcto, pero Sacha Baron Cohen faime rir, e moito, por iso admiroo. A súa película “Borat” é indispensable. Iso si que é unha crítica ó Estados Unidos profundo. ¿Soportaríamos nós unha cousa así aquí? Dame que non.”

www.hbo.com

“Nun momento extraordinario en canto a series se refire. Pode que en moitos casos superior ó nivel do cine actual. E HBO é responsable de algunhas das mellores series da actualidade: “Os Soprano”, “O Sequito”, “A dous metros baixo terra”… Na súa paxina te enteras do que fan. Vaia fenomenos. Vaia envexa lles teño, pero da insana.”

www.nbc.com

“A cadea máis importante de tv en USA. Información das súas series, programas, informativos… Outros fenomenos e para mostra, isto son algunha das cousas que fan:” The west wing”, “o show de Jay Leno”, “The office”, “My name is Earl”. Para copiar o que fan, perdón, para facerlles homenaxes.”