culturagalega
consello da cultura galega

Os favoritos de… Ramón Caride

Publicado o 09 Feb 2007

Ramón Caride (Cea, 1957) ten unha ampla obra publicada e está recoñecido como un dos máximos expoñentes da literatura fantástica e de fantasía científica do país; nestes días ven de percorrer Galicia presentando o seu libro “As máscaras de Cronos” (Edicións Xerais) no que reúne a súa poesía do período que vai entre 1994 e 2005. Antes diso presentara a terceira edición da novela xuvenil “A negrura do mar” (Eds. Xerais), coa que gaño o Premio Martín Sarmiento. O escritor ten por diante moitos proxectos que seguro que satisfarán aos seus lectores.

Caride Ogando é un dos poucos escritores de narrativa e poesía chegados á literatura desde un perfil de estudos de ciencias, cousa que probablemente contribúe ao feito de ser un referente en literatura de fantasía científica. Licenciado en bioloxía pola USC dá clase no ensino medio e leva publicando narrativa e poesía desde os primeiros dos anos 90. Na entrevista realizada por Francisco Castro a Ramón Caride durante a presentación de “As máscaras de Cronos” na Casa do Libro de Vigo, o ourensán fixou en “Longa noite de pedra” de Celso Emilio, “Remuíño de sombras” de Neira Vilas e “A esmorga” de Balco Amor os catalizadores do seu inicio como escritor.

Autor multipremiado, ten no seu andel galardóns como o Blanco Amor, o Merlín, Café Dublín, González Garcés ou o Premio Risco. Comezou o ano movéndose por todo o país na promoción do seu libro “As máscaras de Cronos. Poemas 1994-2005” (Eds. Xerais) e arestora ven de rematar de escribir unha novela que ata finais do 2007 non poderemos ver nas librarías, Ramón Caride asegura de podemos agardar desta obra “unha absoluta novidade na miña narrativa” que aborda “temáticas inéditas na narrativa galega”. Para saber máis teremos que agardar uns meses aínda.

Namentres Ramón Caride segue o seu traballo literario noutra novela “máis longa” que xa comezou a escribir e que prevé que vaille ter ocupado todo o resto do ano “ e particularmente – di o escritor- o verao (xa sei que o normativo é verán, pero eu son de Ourense)”. Os seus seguidores poden escoitar na rede no soportal Lg3 deste mesmo portal na súa intervención na Tertulia organizada pola Sección de Literatura e Industrias da Edición do Consello da Cultura Galega o 28 de setembro do 2006 e na que se falou arredor do tema dos xéneros narrativos na creación literaria.

A as súas recomendacións de visita na rede son:

Brétemas
porque é algo espectacular en canto ao número de temas tanxenciais e vivenciais que toca o autor, que é o maior editor de libros galegos cuantitativamente, e ademais é un dos meus editores

A Canción do Náufrago II
porque Paco Castro é un dinamizador da narrativa e da actividade cultural, dos mellores e máis novos, e ademais bo amigo.

Deriva das Palavras
, porque Portugal tamén existe, e a Galiza chega até o Porto, mal que moitos non queiran, e porque A.L. Catarino é o grande embaixador dos libros galegos alén-Minho.

Galicia Encantada
porque estamos feitos da materia dos soños, e os contidos míticos contan tanto como os materiais (ou máis )

Centro de Documentación da AELG
buscador de autores, porque aquí hai escaneadas rarezas insólitas ao alcance de calquera, coma tal os artigos de prensa de X. Vázquez Pintor

Portal de poesía
porque a poesía tamén existe (e de que maneiras…)

Wikipedia
porque se non existise habería que inventala…