Os favoritos de… Luz Castro
Luz Castro Pena (Ferrol , 1972) divide os seus intereses en tres áreas: a informática, a imaxe e a lingua. Enxeñeira informática, é directora de multimedia de Imaxín Software, firma radicada en Santiago e ten desenvolvido proxectos que representan a partes iguais a cultura galega, as novas tecnoloxías e a exportación de produto feito en Galicia.
Apenas rematados os seus estudos na facultade de Informática da Coruña, en 1997, Luz Castro, xunto con tres compañeiros fundaron a empresa informática Imaxin Software. A compañía leva dende entón desenvolvendo produtos cos que conseguiron que a lingua galega non quedase descolgada na sociedade dixital. Seu foi o primeiro corrector especializado, Galgo, e as versións en galego de moitos dos programas básicos de Microsoft. A propia empresa emprega o galego desde o primeiro día para todo o seu funcionamento con total normalidade. En Imaxin Software Luz canaliza profesionalmente a súa implicación na defensa do idioma que anteriormente levouna a ser vicepresidenta durante un tempo da Mesa pola Normalización Lingüística.
Os xogos multimedia interactivos son outros dos produtos dos que Luz é responsable na empresa. O mes pasado remataron a primeira edición do concurso “Keco e a busca da ecopanda”, un destes xogos -ao que pertence a imaxe desta edición- orientado á educación na reciclaxe e co que durante tres meses máis de seis milleiros de rapaces estiveron intentando converterse na primeira Ecopanda (www.ecopanda.org).
Sen embargo, non remata nos eidos informático e lingüístico a actividade de Luz Castro. Apaixonada da fotografía, hai anos que comezou a expor as súas pezas, e da arte da foto foi derivando para compostos máis complexos que inclúen, como non podía ser doutro xeito, recursos de base informática como vídeo ou sitios web. O Centro Sociocultural da Trisca, en Santiago, acolleu ata o 23 de xaneiro a súa exposición de publicidade-ficción “O home definitivo”, que proximamente poderá verse noutros centros socioculturais da cidade en Conxo e Fontiñas. Tamén está a preparar un proxecto fotográfico “que volve un pouco ao meu traballo anterior” en branco e negro e de “fotografía metafórica”. E por se pouco fora Luz tamén exprésase a través do fanzine trimestral “300” que edita xunto con Mauro Trastoy.
As súas suxestións na rede son:
Código Cero
Diario tecnolóxico de Galicia para estar ao día do que se fai dentro e fóra do país.
Inseminario
Blog totalmente incorrecto, acidamente crítico e sempre sorprendente. Como eles mesmos din “o obxectivo é a confusión”.
alg-a
Comunidade virtual de arte dixital.
Atomfilms
As mellores animacións do mundo, organizadas por categorías e estilos.
artnodes
Revista da UOC sobre arte, ciencia e teconoloxía.
The Mirror Project
Proxecto aberto de autorretratos feitos en espellos ou outras supercies reflectoras.


RSS