Os Favoritos de… Comba Campoy
Comba Campoy (Compostela, 1979) fíxose moi coñecida polo papel de Uxía na serie Rías Baixas. Xornalista, documentalista e guionista, ademais de actriz, síntese tan cómoda sobre o escenario como no audiovisual. Aquí sabemos máis dos seus proxectos ademais de seguila nunha pequena viaxe pola rede.

Estes días anda Comba repartindo o seu tempo entre os escenarios e a sala de montaxe. Na escena está coa compañía Volta e Dálle a levar a obra “Jalisia, mi madriña!” que comparte no reparto con Pepe Penabade, polos teatros. Na sala de montaxe está a armar un documental relacionado coa memoria da represión fascista en Galicia, no que conta a historia dun barco “que fuxiu de Ogrobe con 18 homes a bordo e acabou en Miami nos anos sesenta”, o nome da embarcación “O novo Emdem” dá nome a esta produción que prevé rematada antes do verán. Tamén relacionado coa Memoria foi un dos seus anteriores traballos como guionista “O barco da Memoria” un documental que hai poucas semanas emitiu a TVG. Outro dos traballos rematados recentemente foi a serie “Cabodomundo”, un audiovisual que contribuíu a producir coas xentes de Chantada, foi a primeira serie audiovisual de carácter local e gravouse coa participacións dos veciños da localidade durante catro anos. “Cabodomundo” acabou a súa emisión o pasado verán na cadea local Televinte e editáronse os seus seis capítulos en DVD.
Malia a súa mocidade Comba é xa unha actriz moi popular grazas á súa presenza en series de longo percorrido como “Rías Baixas” e como protagonista da película “Días de voda”, de Juan Pinzás. Pronto os seus admiradores e admiradoras poderán vela nunha nova telenovela de produción galega “Valderrei” que a TVG programará na sobremesa “ao máis puro estilo culebrón (pero do país, máis ben sería unha miñoca)”, di ela. A súa dualidade como actriz e xornalista fixo dela a persoa perfecta para encargarse da dirección da revista Escaramuza, editada pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia.
Comba Campoy fixo para nós unha escolma de acordo cos temas nos que está metida habitualmente:
Foro por la memoria
Penso que é a máis completa e activa do Estado. Recolle toda a actualidade, puntualmente renovada, sobre as actividades dos distintos colectivos de recuperación da memoria dos represaliados e represaliadas, así como distintos foros de debate e abondoso material documental. Ten un foro a través do cal os familiares de desaparecidos poden poñerse en contacto para facilitar a busca.
Ano da Memoria
Posta en marcha desde a Consellaría de Cultura, penso que é a máis completa a nivel galego. Recolle abondoso material documental, as fotos e os paneis das distintas exposicións que se produciron este ano, e esperemos que seguirá crecendo ainda que xa non sexa o Ano da Memoria.
Filmoteca de Bretaña
Sitio da filmoteca bretona, que ten a súa sede en Brest. Eu estiven alí fisicamente este verán para buscar material para o documental que estou rematando sobre o barco de Ogrobe, posto que a súa primeira parada foi na Bretaña. Pero antes, tiven a posibilidade de consultar en liña o seu catálogo, para saber se ía atopar algo do que necesitaba. Estaría ben que puidesemos contar cunha ferramenta así na Galiza. Ainda que, claro, para iso antes necesitamos ter unha filmoteca…
Pluralia TV
Este proxecto encántame. É unha tele en liña, montada por distintos colectivos cidadáns de Valencia. Podedes ver a súa programación pola rede, con documentais moi interesantes sobre movementos civís e política internacional. Penso que en iniciativas coma estas está o futuro da televisión como medio de comunicación… (e non como ferramenta do espectáculo).
Arquivo das Artes Escenicas
É unha sorte de arquivo de artigos de reflexión sobre as novas tendéncias estéticas nas artes escénicas. Cordénao, desde a facultade de Belas Artes da Universidade de Castilla La Mancha , o profesor José Antonio Sánchez, toda unha eminencia.
Reveladora
Botándolle un ollo ao blogmillo, quería recomendar unha bitácora poética que combina foto e palabra. Nada de tomate nen voyeurismo.


RSS