Os Favoritos de… Luz Pichel
Luz Pichel naceu na aldea de Alén, parroquia de Anseán, no concello de Lalín, alá no ano 1947. Estudou Filoloxía Hispánica entre Santiago e Madrid, cidade na que vive desde 1970. Co seu primeiro poemario escrito na lingua dos seus pais acadou o pasado ano o premio Esquío. que engade a premios anteriores por poesía en castelán. O seu seguinte poemario tamén poderá lerse en galego.
Co seu primeiro poemario escrito en galego “Casa Pechada” acadou o presitixiosos premio Esquío de poesía no 2006. Anteriormente, en castelán, ten publicados “El pájaro mudo” (Ed. La Palma, 1991), que foi premio Ciudad de Santa Cruz de la Palma; “El pájaro mudo y otros poemas”, obra reunida que recolle tres poemarios (Universidad Popular, S. Sebastián de los Reyes, 2004); “La marca de los potros”, premio Juan Ramón Jiménez (Diputación de Huelva, 2004).
Luz vive en Madrid desde o ano 1970. É profesora de Ensino Secundario no Instituto Ágora de Alcobendas. Desde hai tres anos, responsabilízase, ademais, da man da poeta Guadalupe Grande, das actividades do Centro de Estudios de la Poesía da Universidad Popular “José Hierro” de San Sebastián de los Reyes: imparte talleres de poesía e leva a cabo un proxecto de colaboración con Institutos en temas de poesía, que tén interesado moi particularmente tanto a poetas como a profesores. Trátase de poeSÍES, unha posta en escena dos temas de poesía que se imparten en lingua española no segundo curso do bacharelato. A realización corre a cargo dos poetas Gonzalo Escarpa e María Salgado, que combinan o traballo filolóxico cunha gran capacidade actoral e de dominio das novas tecnoloxías.
Dos seus proxectos conta Luz o seguinte: “Cando din por rematado o libro Casa Pechada, boteino por aí a voar e concentreime nunha colección de poemas que hoxe xa fan un libro -aínda inédito- e que se chamará Bestiario de Alén. Trátase, claro, de animais; un poemario lírico en que os animais de labranza -e moi singularmente a vaca-, de mantenza e de palleiro, da Galiza da miña nenez, volven a min para que eu lles dedique a homenaxe que lles debo e lles plante nos beizos o bico que de pequena non me atrevín a darlles, por me sacar parte do traballo do medio e por coidar de min, en máis dun caso. E se cadra aínda lles teño que pedir algunha desculpa, non vou dicir por que, que me da vergoña.
Entre os seus plans poéticos está o de “ler o máis que poida e escribir moito; cada día se fose posible, ata lograr que se me impoña -coa forza das cousas ás que non se lles da dito que non- ese novo libro que de momento anda por aí no aire, mirando para min; que ven e vai e foxe, e outras veces abéirase que case me tocou. Non sei que será, mais da proído.”
Esta é a súa selección para nós:
Grupo Artístico 8
Porque é unha páxina de poesía e cultura, moi ben feita, por compañeiros de tertulia meus no Centro de Estudios de la Poesía de San Sebastián de los Reyes. Deliciosa. Hai que destacar un PODCAST, que está no número un dos máis escoitados e baixados da rede. Dentro da web, hai que pinchar en octógono para acceder ao podcast.
La Sombra del Membrillo
porque como profesora e poeta non a debo deixar atrás: marabillosa proposta de traballo en que poetas recoñecidos e rapaces de Instituto se xuntan ao redor da poesía.
Zapatos rojos
Porque da xuventude hai moito que aprender.
Revista Oniria
Gústame pasar as follas dos libros en que se mesturan a pintura, a fotografía, os versos…
Revista Fósforo
por acender un misto por Gonzalo Escarpa e María Salgado, que, ademais, póñennos en link con circodepulgas (o fanzine máis pequeniño e feituqueiro que coñezo) e co programa poeSÍES.
Galician Tunes
porque estando lonxe gusta tanto escoitar a nosa música… E tamén para comentar que boto en falta aí a Amancio Prada. El lévanos polo mundo adiante a moita honra. Tamén espero que conten con Maite Dono.
IMPRACABEZA
Porque estes artistas de Albacete traballan moi ben, e pasan a folla da revista cunha delicadeza que se escoita.


RSS