culturagalega
consello da cultura galega

Os Favoritos de… Antonio Reigosa

Publicado o 08 Mar 2007

Antonio Reigosa (Mondoñedo, 1958) está estes días recibindo parabéns polo aniversario dunha das súas criaturas. A Enciclopedia Virtual da Fantasía Popular de Galicia, “Galicia Encantada”, que el creou e coordina ven de facer dous anos de vida en continuo crecemento e recoñecemento. O escritor e investigador dedica moitas das súas horas a fornecer este impresionante recurso na rede sobre mitoloxía popular e literatura oral.
Escritor, conferenciante e investigador da mitoloxía e da literatura popular galegas, Antonio Reigosa sopra estes días as dúas candeas celebrando que no 3 de marzo de 2005 comezou a súa andadura na rede o proxecto Galicia Encantada, a Enciclopedia Virtual de da Fantasía Popular de Galicia, que nestes dous anos leva reunido moita xente ao redor da súa lareira virtual para contar contos de fadas, trasgos, mouros, aparecidos e outras moitas historias que pertencen á tradición oral da nosa cultura. A enciclopedia virtual contribúe así a frear o esmorecemento desta cultura tradicional achegándose ás novas xeracións como recurso en rede para o uso de docentes e estudantes. Con máis de un millón de accesos á paxina nestes dous anos semella que a súa introdución é todo un éxito converténdose en referente na súa temática.

Antonio desenvolve a súa labor profesional no Departamento de Didáctica do Museo Provincial de Lugo onde coordina a revista oral “O Pazo das Musas”, unha das iniciativas máis peculiares do país, que se edita e escrebe a viva voz ante o público cada tres meses. Xa sobre papel Antonio Reigosa ten levado a moitos libros a súa dedicación e coñecemento da mitoloxía popular, acadando importantes premios de literatura infantil como o Merlín (1998) ou o Raíña Lupa (2000) entre outros. A súa obra máis recente é “A escola de Briador” (Everest Galicia) e proximamente poderemos ver un novo volume da colección Lendas de Galicia (Xerais) que escrebe en colaboración con Xosé Miranda e das que xa leva dous editados. Nos vindeiros meses Antonio buscará tempo para seguir “coas mesmas obsesións”, escribir algo novo e darlle máis presenza á web nos centros de ensino.

A cultura popular e a literatura oral son as protagonistas da selección de sitios web feita por Reigosa para os lectores de Culturagalega.org:

Xogos Populares
O portal da tradición lúdica galega. Todo sobre os xogos tradicionais de noso. Unha web moi activa sobre o mundo dos xogos de sempre.

Culturas Populares
Revista electrónica de recente creación editada pola Área de Teoría de la Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Alcalá. Centro de Estudios Cervantinos. Diríxena dous grandes investigadores: José Manuel Pedrosa e Santiago Cortés.

Revista de Literaturas Populares
Unha das máis antigas e interesantes revistas sobre literatura oral. Publicación semestral da Facultad de Filosofía e Letras da Universidad Nacional Autónoma de México, dirixida por Margit Frenk. Acceso gratuito a todos os seus contidos (textos e documentos, estudos, reseñas).

Jangada Brasil
Revista electrónica que ten como obxectivo promover, rexistrar e divulgar a cultura popular brasileira nas súas variadas formas de expresión.

Litoral
Páxina virtual de Litoral, Asociación para la Difusión de la Literatura Oral co propósito de recuperar, promover e estudar as tradicións orais da zona de influencia do Estreito de Xibraltar: Andalucía, Norte de África e Xibraltar.

Pan-Hispanic Balland Project
Proxecto de romanceiro pan-hispánico en liña con documentos a partir do século XV. Ten pretensións educativas.

Revista de Folklore
Revista impresa e dixital, moi veterana, editada pola Fundación Joaquín Díaz. Agora pódese ler en internet.

Concello de Sandiás
Páxina non oficial. Documentación, textos e fotos de Xavier F. M. Contén apartados adicados á cultura popular (lendas, contos, tradicións, …etc), historia local, e unha recompilación de artigos sobre A Limia. Unha mostra, entre outras, do traballo dos amantes da historia e da cultura da contorna.

Memoriamedia
Contos, vídeos, entrevistas, teatro, ilustración e animación; unha páxina moi interesante e moi dinámica sobre a cultura tradicional de Elvas, no Alentejo portugués.

A Grileira
Revista dixital de Musicoloxía e Arquivo da Fundación Xeito Novo de Cultura Galega de Bos Aires. Unha de tantas mostras, poderíamos escoller outras, do pulo e afectos dos descendentes dos galegos que se foron polo mundo e que aínda senten en galego.