culturagalega
consello da cultura galega

Os favoritos de… María Reimóndez

Publicado o 23 Mar 2007

A luguesa María Reimóndez (1975) vive a súa vida nun tránsito permanente entre Galicia e a India. Tradutora e intérprete de profesión, leva uns anos demostrando a súa capacidade literaria en diversas publicacións ademais de encabezando unha Organización Non Gobernamental con proxectos de cooperación humanitaria na India e Etiopía. As súas seleccións da rede debuxan nidias o seu perfil.

Se consultamos a base de datos do ISBN no 2007 veremos que María Reimóndez con sete referencias é, ata o de agora, a autora máis prolífica do ano en lingua galega con sete referencias propias no eido da literatura infantil. Aínda que a súa primeira obra publicada como autora data do 2002 ela leva escribindo desde moi cativa e acadou numerosos premios literarios na súa mocidade. O máis recente dos seus traballos literarios “O club da calceta” (Xerais, 2006) resultou finalista dos Premios Xerais de Novela e agora o é do prestixioso Premio San Clemente outorgado por alumnos de secundaria e que aínda está por fallar, ademais de que pronto verá a luz unha tradución do libro ao italiano.

Tradutora e intérprete, ven de rematar a tradución dun libro da poeta canadense Erin Moure, María é membro fundadora da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación, realiza esta actividade de maneira profesional en congresos do máis variado ao que engade moitos outros ámbitos de traballo non remunerado, entre os que o máis coñecido é o voluntariado en cooperación.
En 1994 visitou por vez primeira un proxecto de cooperación no desenvolvemento na India, despois de moitas máis visitas nos seguintes anos decidiu en 1998 formar unha Organización Non Gobernamental de Cooperación ao Desenvolvemento : Implicadas/os no desenvolvemento que leva traballando na India desde a súa creación e que en 2003 engadiu un novo campo de traballo con proxectos en Etiopía. Xustamente a semana pasada a organización recibiu o visto e prace para un destes proxectos en Addis Abeba e María ven de chegar da India onde estivo a planificar novas accións da organización que comezarán en setembro en tres distritos de Tamil Nadu.

Nestes días María está preparando o programa Vankkan (palabra tamil para dar a benvida), un ciclo formativo sobre a cooperación ao desenvolvemento que realiza Implicadas cuxa posta en práctica consiste nunha fase formativa en Galicia coa posibilidade de viaxar ao proxecto de desenvolvemento urbano de Tiruchy que IND apoia. Con Vanakkam pretende dar a coñecer de forma directa o traballo xeral de Implicadas e en concreto os resultados do seu proxecto en Tiruchy, que remata este e do que “consideramos que hai moitas leccións que aprender”. O obxectivo deste proxecto é “cambiar a nosa mentalidade e aprender das mulleres, homes e nenas/os dos suburbios que durante os últimos catro anos fixeron esforzos enormes para cambiar as súas vidas.” María apura a inscribirse nos programas ás persoas interesadas xa que o prazo termina a semana que ven, o mércores 28 de marzo.
Noutra orde de cousas María segue colaborando con varios medios do país, A Nosa Terra e Vieiros, e está a rematar un artigo sobre Estudos Culturais Galegos e outro sobre Literatura Infantil e igualdade de Xénero.

Os seus intereses e a súa personalidade quedan reflectidas nesta interesante lista de preferencias da rede:

Implicadas/os no desenvolvemento
A páxina deste proxecto colectivo e vital que puxemos en marcha hai xa case 10 anos para cambiar o mundo. Recomendable sobre todo o blog (facendo clic en Novas) para manterse ao día.

Galicia Solidaria
A páxina da Coordinadora Galega de ONGDs onde se pode atopar información sobre as actividades das organizacións e outros contidos de interese.

Guía del Mundo
Información actualizada e datos fidedignos dos países que nos axudan a polo menos VER a desigualdade.

Mujeres en Red
Páxina fundamental para traballar en rede e coñecer opinións, novas e ideas no campo dos feminismos.

Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación
Páxina fundamental para quen queira coñecer esta profesión.

Europa
O portal da Unión Europea, onde nos podemos informar, tamén inclúe o IATE (Inter Active Terminology for Europe), unha potente base de datos terminolóxica que é imprescindible para tradutoras e intérpretes

Hindu on net
Páxina do xornal The Hindu, o que leo cando estou en Tiruchy e que contén información fresca de Tamil Nadu e da India.

SAWNET
Esta é a páxina da South Asian Women’s Network onde hai artigos, biografías e referencias de literatura de mulleres do sur de Asia.