culturagalega
consello da cultura galega

Os favoritos de… Inma López Silva

Publicado o 20 Abr 2007

Escritora e crítica teatral, Inma López Silva (Compostela, 1978) ven de devorar a Gran Mazá e presentar o diario literario dese suculento banquete. Con “New York, New York” (Galaxia Editorial) baixo o brazo ábrenos o navegador da súa computadora e amósanos os seus sitios de referencia da rede.

Ela compara o seu novo libro cun “recén nacido que, nas últimas semanas, esixiu toda a miña atención”; rodeada de amigos presentouno en sociedade esta mesma semana e agora xa está a percorrer os andeis das librarías na busca de lectores que desexen acompañala no percorrido pola cidade dos rañaceos. É “New York, New York” (Galaxia Editorial) unha obra vivencial e desenfada na que a modo de diario a escritora reivindica a cidade das grandes avenidas como un territorio universal no que unha persoa pode chegar a sincronizarse co latexo da cidade independentemente da súa orixe e obxectivos. Polas súas páxinas a protagonista e os seus acompañantes van mesturándose cos elementos humanos e estruturais da cidade, o consumismo salvaxe, a interculturalidade e outros moitos tópicos que se manteñen por mor dunha realidade complexa pero que é estrañamente natural nesta cidade.

Se ben a primeira referencia da actividade literaria de Inma López Silva achámola en 1996 cando gañou o Premio Rúa Nova pola novela “Neve en abril”(Galaxia), foi en 2002 cando se revelou como unha autora moi a ter en conta ao gañar o Premio Xerais coa novela “Concubinas” (Xerais). No ano 2006 presentou o seu anterior libro “Non quero ser Doris Day” (Biblos Clube), saído tamén do encontro con outra das grandes capitais do mundo como é París. Ademais de escritora de narrativa Inma tamén ten unha forte presenza no eido teatral como investigadora e crítica teatral, de feito parte da súa produción editorial está conformada por publicacións sobre este tema ademais de ter moitas colaboración en publicacións periódicas. Na actualidade está a rematar a súa tese de doutoramento sobre a política cultural e teatral de Galicia e alterna esta actividade académica con apurar tamén as últimas páxinas de unha novela que está a escribir.

Inma déixanos ver a súa lista de sitios favoritos da súa computadora portátil, aqueles que visita habitualmente e que veñen sendo:

La Voz de Galicia
El País
Ante todo teño dous favoritos sen os que o meu encendido de ordenador non sería o mesmo. Miro todo de cabo a rabo agás as seccións de deportes. Son para min coma o café da mañá. E xamais deixo de ler os artigos de opinión dos articulistas que máis admiro en cada xornal: Murado, Barreiro e Caneiro na Voz, e Juanjo Millás, Rosa Montero e Manuel Rivas en El País.

New York Times
. A miúdo, se teño tempo, leo o New York Times por motivos manhattianos evidentes… Encántanme dous dos seus suplementos: o de libros e o de moda.

La Página definitiva
Outra páxina que miro a miúdo e que recomendo encarecidamente, é La Página Definitiva que oscila entre a información, o blog e a opinión. En ningún outro sitio atopei unha achega á realidade actual tan atinada, na miña linguaxe e, sobre todo (moi de agradecer) con sentido do humor…

Cool Hunting
As miñas veleidades arredor da moda atopan un espazo divertidísimo nunha páxina sobre tendencias que, moi habilmente, chamaron Cool Hunting. Aí pódese atopar desde unha sisuda reflexión sobre as últimas tendencias do deseño danés ata o que custa o último bolso de Vuitton.

Yolanda Castaño
Paul Auster
Da miña amiga Iolanda Castaño e do meu admirado Paul Auster. Creo que, ademais, son dúas páxinas, esteticamente fantásticas.

Aduaneiros sem fronteiras
E como me encanta o sarcasmo e o sentido do humor, finalmente, entro a miúdo na páxina de Aduaneiros sen fronteiras.