Os favoritos de… Agustín Fernández Paz
Só a inxustiza coa que é tratada a literatura para lectores novos explica que aínda haxa que explicar a algunha xente que Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) é o narrador con máis éxito da nosa literatura. Desde esa premisa obxectivamente innegable achegámonos a este home cuxa calidade literaria só pode ser superada pola súa calidade humana.

Cunha ducia de anos de vida enriba a novela “Cartas de inverno”(Eds. Xerais) de Agustín Fernández Paz, un relato de medo ao estilo dos clásicos do xénero, ven de sacar a súa vixésima edición e rachar coas marcas de vendas con máis de 65.000 exemplares vendidos. En castelán vai polas 12 edicións e en catalán xa leva 16. Coa efeméride a obra deste chairego ilustre preséntase lixeiramente renovada polo propio Agustín, “collín o libro e reviseino de arriba abaixo: agora ten sete páxinas máis, aínda que a historia siga sendo a mesma. Ademais, escribín un epílogo que é algo así como o making off dunha película e que creo que ten o seu interese.” O traballo literario de Fernández Paz, xunto co de outros escritores contemporáneos, está o conseguirlle á literatura infantil e xuvenil superar os prexuízos que lle atribúen un estatus inferior nas letras escritas, conseguindo o recoñecemento dos lectores e unha chea de premios e galardóns que botarían abaixo co seu peso calquera andel.
Namorado da narración de historias a través de todos os soportes posibles desde a súa infancia, cando as escoitaba a pé da lareira da casa en Vilalba, tenta transmitir ese amor pola lectura e pola lingua da transmisión das narracións como profesor de Lingua e Literatura Galegas no IES Os Rosais 2 de Vigo. Os seus alumnos pronto deixarán de gozar das súas clase xa que neste mesmo ano formalizarase a súa xubilación do posto. Gabado unanimemente por todas as voces do eido literario, tanto pola súa obra como pola súa calidade humana, del non dubida en escribir o seu editor en Xerais, Manuel Bragado, que é “unha das grandes figuras da literatura xuvenil universal”. Para o outono poderemos ler a súa vindeira obra nunha nova colección de Xerais “O único que queda é o amor”, unha colección de relatos de amor e desamor, cuxo título é cita da novela “Neve” do turco Orhan Pamuk.
Agustín declárase actualmente “viciado cos blogs”, dí el, “a verdade é que entro a diario en ben deles. Téñoos en tres cartafoles diferenciados, agrupados por temas e por frecuencia de visita.” Entre eles están, desde logo os máis coñecidos dos lectores desta sección, como Brétemas, Días Estranhos, As uvas na Solaina, Cabaret Voltaire ou A Canción do Náufrago. Ademais diso, outras máis infrecuentes e diversas como:
De Paso
Fíos invisibles
Dous blogs que sigo máis fielmente, ademais dun longo etcétera.
Vieiros
A miña páxina de inicio en Internet. Pioneira e imprescindible na Rede en galego. Gústame todo dela. Valoro especialmente a súa vontade de renovación e a súa independencia.
Chuza
Aínda que son un lector asiduo de prensa (as edicións impresas e tamén as electrónicas), paréceme que esta páxina é un complemento axeitadísimo para compartir unha ollada crítica sobre todo o que sucede. Un acerto total.
Revista Babar
Visito bastantes páxinas de literatura. Moitas delas son de LIX. Esta é unha das miñas preferidas, pois sempre atopo nela enfoques interesantes e unha selección de libros anovadora.
FILIX
A mellor páxina para coñecer a LIX en galego. Gustaríame vela máis actualizada, iso si.
SOL
Esta é unha páxina dedicada aos libros e á lectura que está moi ben feita e sempre actualizada. Moi recomendable.
BVG
Esta páxina, e tamén a da Asociación de Escritores en Lingua Galega, resúltame moi útil para atopar información que necesito para as miñas clases.
Escoitar
Quen non teña esta páxina nos seus “Favoritos” debe poñela sen falta. Unha experiencia insólita e do máis imaxinativo.
Tren de Sombras
Tamén consulto páxinas de cine, unha das miñas paixóns. Esta é dunha das revistas de maior interese que temos na Rede.


RSS