culturagalega
consello da cultura galega

Os Favoritos de… Ignacio Chao

Publicado o 04 Mai 2007

Ignacio Chao salpica a súa historia de vida con moi diversas actividades e ocupacións. Poeta, tradutor, xornalista e editor, deste compendio sácase un perfil de persoa entregada á cultura do seu país. Os que o coñecen ademais remarcan o seu carácter sabio e sincero, afable e dilixente.
A letra escrita e impresa pode ser o fío condutor para percorrer a traxectoria de Ignacio –Nacho para os amigos- Chao. El foi un dos primeiros en facer xornalismo exclusivamente para Internet cando a finais dos anos noventa facía reportaxes para a que sen dubida foi a mellor etapa do Rías Baixas Magazine. As tradicións populares, os lugares e a historia foron obxecto da súa labor xornalística sempre cunha ollada renovadora e fresca. Desa época da súa vida é tamén a súa obra poética “Corazón de segundas partes” (Soc. Cultural Valle-Inclán, 1998) co que conseguiu o galardón Esquío na súa décimo sétima convocatoria. A esta obra seguiulle un silencio poético roto por fin estes días coa recente presentación no CGAC de “Taciturno peregrino” (Fotoxoguete), un fotopoemario sobre o Camiño de Santiago feito en colaboración cos fotógrafos Carlos Puga e Nacho Gómez.

Implicado no mundo editorial desde fai anos como tradutor e corrector de obras, achou na literatura infantil e xuvenil un campo de traballo axeitado e actualmente, traballa como coordinador literario, o que é como dicir editor, das coleccións Ala Delta e Catavento da editorial Tambre. Desde ese labor consegue achegarlle a estas coleccións o seu propio estilo e criterio procurando orixinais “case un traballo de radioestesia”, di el, “disque abondan os escritores sen estrear, pero eu paso moitísimos apuros para atopar novos libros: chegan os dedos dunha man para contar os orixinais que nos remiten cada ano.” Ademais desta ocupación, e como corresponde a un traballador autónomo, vai “peteirando como as galiñas” facendo unha tradución por aquí, algunha reportaxe polo outro lado e mesmo estes días axudando na organización do Cultur.gal.

Ignacio fainos unha interesante lista de recomendacións na rede entre as que hai blogs, sitios sobre libros, poesía, cultura e fotografía:

Capítulo 0
A arte de crear contidos engaiolantes, e axuizalos, evitando o puro clipping. De como un individuo se pode converter nun medio moderno, diverso e persuasivo.

Brétemas
Un modelo de xenerosidade para a cultura de noso, sempre disposto a compartir descubertas, sensible ao novo, solidario cos colegas e cunha irredutible vocación galeguista.

Alicerces
Traços e cores

Polas súas traducións de poesía e polos moitos referentes cos que coincido. Tamén polo amor da autora aos cadernos de viaxes, que exhibe no blog Traços e cores.

Brindin
Brindin Press é unha editora virtual creada por tradutores de poesía. Un bo espello para aprender a arte da versión, a interpretación e a tradución directa.

Iberlibro
Para atopar o que outrora non mercaches ou conseguir antigas edicións polas que deveces. Exemplares en bo estado, prezos razoables.

Biblioteca Nacional Digital de Portugal
Exemplo da dixitalización do patrimonio literario dun país. Unha regalía que provoca envexa. Para chupar os dedos.

SOL
Un auténtico barómetro da LIX do Estado. Recursos a centos, escaparate de autores, ilustradores e tradutores, e directorio de editoras e axentes educativos.

Revistas Culturales
Sumarios e artigos de publicacións de toda España. Sempre se pesca algún artigo interesante.

Fotoblog de Stewart L. Jones
Comparto a súa querenza polos ambientes portuarios e admiro as súas estampas de Lisboa. Sitúa no Google Maps os lugares onde quitou as fotos.

The Snowsuit Effort
Retratos dos sen teito de Detroit. Aínda desacougándome seguido, préstame ollar eses rostros e imaxinarlles as vidas, sen excluír que aínda podemos ser coma eles.