culturagalega
consello da cultura galega

Os favoritos de… Pepe Carreiro

Publicado o 11 Mai 2007

Tres décadas leva Pepe Carreiro debuxando. Xornais, revistas e álbumes infantís de banda deseñada acolleron nestes trinta anos os traballos gráficos do ilustrador vigués, que na actualidade desenvolve a continuación dos seus proxectos dos “Bolechas” e “Os Barbanzóns”.

Xa choveu desde 1977, foi daquela cando con “O fillo de Breogán” debutaba Pepe Carreiro no voceiro comunista “A Voz do Pobo”. O inicio dunha extensa e activísima carreira que o levaría a confundar e mesmo dirixir a revista pioneira “Can sen dono”. Ao paso dos anos, os principais diarios de Galicia contaron nalgún momento coa súa ilustración, e na actualidade continúa a colaborar como humorista co semanario A Nosa Terra, no que fai cada sete días unha lectura crítica da realidade sociopolítica do país e do mundo en clave de síntese gráfica.

Como autor de banda deseñada, ademais de recibir o prestixioso Premio Ourense en 2003 por toda a súa carreira, Carreiro publicou títulos en editoriais galegas como Xerais ou Toxosoutos. Para esta última ten feito tanto álbumes de carácter histórico como orientados ao público infantil. En concreto está actualmente desenvolvendo o cuarto libro da serie Os Barbanzóns. O título probablemente sexa “A terceira idade do Ferro” e trata sobre o enfontamento entre os mozos e os vellos. O debuxante anuncia que neste libro estreará un novo estilo de debuxo.

A obra máis prolífica do xa de por si produtivo Carreiro é os Bolechas, que constitúen na industria editorial galega un record en canto ao número de libros cos mesmos protagonistas. Precisamente a última edición rematada polo ilustrador pertence á colección “Van de viaxe”, nesta ocasión a Melide e ás Pontes. Tamén protagonizada polos Bolechas distribúese xa unha nova colección de libros destinada a xogaren os cativos na bañeira, son libros de plástico que non se estragan coa auga.

Para coñeceres toda a obra e novidades visita o noso soportal de BD e a páxina web de Pepe Carreiro. E estes son os destinos virtuais que o debuxante nos propón:

Kkrak “é unha revista virtual de humor gráfico e literario, para o meu gusto, intelixente e comprometida.”

Bivir “é unha biblioteca galega virtual, onde se poden atopar traducións de autores clásicos e actuais.”

Guia de Ilustradores “é unha páxina onde poden ofrecer os seus
traballos os debuxantes que o desexen. Mandan aos socios ofertas de
traballo.”

Craigs list “é unha páxina de ofertas de traballo tamén para
debuxantes.”

Own “é tamén unha páxina con ofertas de traballo, especialmente
relacionado coa animación.”

Antorcha virtual “é unha biblioteca virtual de filosofía.”