culturagalega
consello da cultura galega

Os favoritos de… Juan Rivas

Publicado o 25 Mai 2007

Juan Rivas (Vigo, 1974) leva nesto da música máis tempo do que parece pola súa xuventude. Agora asina o seu cuarto disco que destila optimismo e alegría baixo o explícito título de “Mundo feliz”. Con este bo comezo entramos no mundo de Juan Rivas para coñecer máis sobre el e as súas preferencias para andar pola rede.

Entrou na música influenciado por un ambiente familiar propicio, a nai cantaba nunha coral e o pai tocaba a guitarra, que o levou a compoñer a súa primeira canción aos dezaseis anos. A escrita e composición dos seus propios temas é unha da características deste músico que manexa moitos referentes musicais nas súas composicións. Neste sentido dise del que busca a innovación e a orixinalidade tanto como a recuperación de sons da lembranza. Na súa música intúense tanto os ecos da movida como a tradición popular ou as novas tendencias o que fai moi difícil encadralo. Rivas ten dito “o clima e o mar da miña terra son fundamentais, lévanme a determinados sentimentos que plasmo nas miñas cancións.”

Despois de pasar polo grupo Esterocéano, co que conseguiu certo recoñecemento nos circuítos musicais do estado e mesmo inserirse nas listas de éxitos, pasou a publicar en solitario e despois de tres discos bastante ben recibidos polo público e a crítica musical española está agora presentando o seu cuarto traballo “Mundo Feliz” (Pop&Co) no fai unha maridaxe musical co grupo Donatore di Groove. O disco conta coa produción independente de Pablo Iglesias ve nel Rivas reúne unha ducia de cancións no seu estilo de pop tropical con reminiscencias variadas. Pese ao limitado do orzamento de produción do álbum Juan Rivas conseguiu as colaboracións dalgúns artistas que forman parte do seu universo de mitos musicais como Germán Coppini, Mastretta, Massiel e mesmo o brasileiro Eumir Deodato nos arranxos musicais do tema “El amor que me das”. Mundo Feliz é un cóctel explosivo, sen complexos nin prexuízos, onde se mesturan bossanova, boogaloo, lounge e o son motown, con coros “lalalá” eurovisivos e ritmos dos anos 60.

Nestas datas e nos meses sucesivos moitas salas e recintos de Galicia e do resto da península acollerán os concertos nos que Juan Rivas & Donatore di Groove presentan Mundo Feliz. Se nos mantemos atento ás diferentes axendas de concertos seguro que podemos atopar algún ao que poidamos acudir para pasear por ese “Mundo Feliz” que Juan abre para nós.

Pablo Iglesias
Amigo e produtor independente galego director dos estudios Cinearte de Madrid

Donatore di Groove
Páxina da banda que gravou e me acompaña nas presentacións de “Mundo feliz” o groove Hammond galego por excelencia

Eumir Deodato
Páxina do excelente músico brasileiro,arranxista de grandes celebridades coma ,Marcos Valle,Antonio Carlos Jobin,Frank Sinatra,Roberta Flack ou Bjork,.recentemente escribiu arranxos na canción “El amor que me dás” incluída en “mundo feliz”

My Space
Portal onde se concentran a practica totalidade de bandas e solistas de músicos do planeta,ademais todo o mundo pode ter o seu space a modo de web,a miña dirección neste sitio é www.myspace.com/juanrivasmundofeliz

You Tube
Páxina onde e posible encontrar case calquera cousa relacionada coa imaxe,un pode pasar días enteiros
coñecendo o buscando vídeos ou imaxes de actuacións ou películas de calquera época