culturagalega
consello da cultura galega

Os Favoritos de… Marcus Fernández

Publicado o 01 Xuñ 2007

Hai un galego na rede, o que é o mesmo que dicir no mundo, que se chama Marcus Fernández (Santiago, 1975) e que desde 2001 leva poñendo a máis avanzada actualidade tecnolóxica no noso idioma a través da revista Código Cero. Este home que podería moverse comodamente polos recunchos do mesmisimo Matrix tamén é que de realizar enxeñosas páxinas web e mesmo realizar programas de televisión.

A vida profesional de Marcus está centrada na Internet, a rede, que o atraiu inicialmente polos intereses tecnolóxicos, converteuse nun contorno especialmente atractivo para el ao poder nutrir as súas outras afeccións sendo os seus intereses incialmente tecnolóxicos pero tamén coma son os comics, as series de televisión e o cine “destacando nestas dúas últimas categorías os produtos fantásticos ou de ficción científica. Webmaster e membro da redacción da revista de referencia sobre sociedade da información en Galicia, Código Cero (www.codigocero.com), ten impulsado o tecido asociativo na rede a través do Capítulo Galego da Internet Society, “dende o que actualmente estamos a colaborar coa Asociación PuntoGal para conseguir un dominio para a cultura galega na Rede”.

Actualmente Marcus fernández ven de rematar un periplo no mundo da televisión coa colaboración técnica na posta en marcha da televisión local do Grupo Correo Gallego, e esta a traballar para mellorar o sistema de publicación de Código Cero coa vista posta na celebración do sexto aniversario da revista o vindeiro Día da Patria Galega.

Nos últimos tempos tamén se ten achegado ao Blogomillo, “ou sexa, á parcela galega do fenómeno dos blogs, que está a gozar de moi boa saúde, e que permite unha interacción na Galicia virtual sen precedentes, de xeito que agora xa non temos só referentes na Internet coma Vieiros, senón que dende Chuza e os máis de 3.000 blogs en galego que hai na actualidade podemos estar ó día do que acontece na nosa terra.”
Para contribuír con toda esta actividade Marcus (www.marcus.es) mantén a súa propia bitácora dende finais de 2005, o que lle permite estar en contacto cos amigos, coñecer nova xente e mesmo debater sobre temas tan actuais como as pasadas eleccións municipais, “que puiden vivir dende fóra da miña vila (Melide) coma se estivese alí, algo que resultou moi de agradecer e que me sorprendeu, pois non agardaba que un blog persoal puidera acadar tanta atención nun municipio tan afastado das TIC”.

Estas son as webs favoritas de Marcus e que considera máis interesantes para esta sección, “que se ben non son todas, omito as máis obvias coma buscadores e medios de comunicación”:

ADpunch
podemos Para ver o mellor da publicidade internacional. É impresionante ver como cada día hai algún creativo que pode facer algo orixinal para anunciar dende xel de ducha ata deterxente.

Wired
A considerada mellor revista de EE.UU., Wired, tamén ten unha web á súa altura, na que predominan os contidos tecnolóxicos ou da cultura dixital, cos que nos podemos achegar ás cousas que están captar a atención dos que no cerne da revolución tecnolóxica.

Trebellos
Aínda que xa existen moitos blogs a nivel mundial dedicados a facer un seguimento dos novos produtos que saen ó mercado, que a estas alturas crearan un blog colaborativo en galego sobre o tema resulta esperanzador, pois é un bo exemplo de que aínda se poden facer moitas achegas á Internet galega.

· NewTeeVee
É un blog no que se informa das últimas novidades no tocante á proliferación do vídeo na Internet.

Tioti (Tape It Off The Internet)
é un servizo en probas que permite facer un seguimento das nosas series de televisión favoritas (en EE.UU.), incorporando certas prestacións colaborativas e incluso facilitando a súa descarga a través de redes P2P.

MOG
A música finalmente atopou un servizo Web 2.0 sumamente útil, que crea perfiles sobre os nosos gustos musicais e que tamén permite escoitar infinidade de cancións (sen ter que descargalas) e ver os nosos vídeos musicais favoritos (achegados de YouTube) axudando a descubrir novos temas que nos poidan agradar.

Dreamers
É unha completa comunidade virtual na que afeccionados do mundo friki pode ter a súa propia páxina web de balde, aínda que tamén está a ter moito tirón o seu Tebelogs (un agregador de blogs que nos permite facer un seguimento no último que se publica sobre o mundo do cómic e a Ciencia Ficción).