culturagalega
consello da cultura galega

Os Favoritos de… Miguel Anxo Murado

Publicado o 08 Xuñ 2007

Miguel-Anxo Murado (Lugo,1965). Escritor, guionista de cine e televisión, realizador de documentais e xornalista. Ten máis de vinte obras publicadas e como xornalista cubriu diversos conflitos bélicos en Europa así como a Segunda Intifada palestina. A complicada zona do Oriente Medio foi o seu fogar durante varios anos e é un especialista en analizar ese difícil contexto xeo-político.

Miguel-Anxo ven de presentar moi recentemente “O soño da febre” (Galaxia) un libro no que, partindo dun episodio real da súa vida, fai do proceso febril o auténtico protagonista trastornando a percepción da realidade ao seu redor. O seu nome comezou a soar nos círculos culturais cando aos 17 anos gañou o premio Café Gijón de novela pola súa obra en castelán “Metamorfosis benezianas”. Desde entón ten escrito, principalmente en galego, libros de relatos e poesía. Pero non queda a súa creatividade pechada nas páxinas dos libros senón que moitas producións audiovisuais de cine e televisión baséanse nos seus guións. Entre as súas longametraxes producidas atópanse La ley de la frontera do director arxentino Adolfo Aristarain ou Finisterre de Xavier Villaverde. Polo seu traballo para o cinema recibiu en tres ocasións consecutivas o Premio Carlos Velo para guións cinematográficos.

Actualmente está traballando en dous novos libros de ensaio, “un de ensaio literario e outro de Historia, encargo dunha editorial española, que deberá saír o ano que ven.” Como ensaísta ten publicado obras como Caderno de Xapón, libros de viaxes e recompilacións de artigos. En 1996 recibiu o premio San Clemente de novela (ex-aequo con Antonio Tabucchi e Aníbal Malvar). Tamén é autor de dúas obras de teatro estreadas: A grande noite de Fiz e Historias peregrinas.

Como xornalista, Murado cubriu as guerras de Croacia e Bosnia e a Segunda Intifada palestina. Residiu en Oriente Medio varios anos, onde traballou primeiro como oficial de prensa das Nacións Unidas e no goberno palestino, e máis tarde como correspondente en Xerusalén do diario El Mundo. Actualmente é columnista do diario La Voz de Galicia e analista de política internacional.

Estas son algúnhas das webs que recomenda aos nosos lectores:

Malaprensa
É un blog escrito polo sociólogo Josu Mezo sobre os erros que aparecen nos medios de comunicación, fundamentalmente os de tipo estatístico, aritmético ou simplemente lóxico. Ao cabo, sen embargo, o blog acaba sendo unha reflexión sobre o oficio de xornalista e sobre a idea de rigor na análise dunha información. Altamente recomendable (en español).

Movie mistakes
Outra de erros, neste caso nas películas: fallos técnicos, cámaras ou micros que se ven, incoherencias nos guións, anacronismos…. Moi divertido (en inglés)

The Mercury Theater on the Air
Gratis e descargables, todas as obras radiofónicas de Orson Welles. Algunhas son mellores que outras, moitas magníficas. Resulta gracioso escoitar os anuncios da sopa Campbell’s, que patrocinaba o programa nos anos 30, e ós actores convidados que falaban dos seus proxectos, películas que hoxe son célebres. (en inglés)

The Political Compass
Un divertimento. Respondendo a unha xeira de preguntas, o programa traza un “mapa” da ideoloxía de cada quen. Resulta interesante comparalo logo co de Stalin, Xesucristo ou Gandhi… (en inglés)

Your weight in other Worlds
Introduce o teu peso e o programa calcula canto pesarías noutros planetas do sistema solar. (en inglés)

Murado&Elvira
Un pouco de chauvinismo familiar: a páxina do estudio de arquitectura da miña irmá Clara María e o meu cuñado Juan, elegante e co que eu considero é é a mellor arquitectura galega e extremeña do momento (é a miña opinión) (en español e inglés)