culturagalega
consello da cultura galega

Os favoritos de… Pablo Bicho

Publicado o 15 Xuñ 2007

Como lle pasou a Josef K. na Metamorfose, Pablo Constela (A Estrada) non naceu como bicho, pero foi converténdose nel e agora é máis corrente coñecelo como Pablo Bicho. Este músico que ten tras de si un longo e intenso percorrido inicia agora unha etapa á fronte da Asociación Galega de Músicos Alternativos, ademais de seguir a traballar no seu proxecto persoal como músico profesional.


O nome artístico vénlle do terceiro grupo no que militou como baixista e cantante e co que gravou o seu segundo disco: Los Bichos (1988). Antes diso comezou na música con 16 anos no grupo Bajo Presupuesto ao que seguiu o seu paso polos míticos Radio Oceano cos que gravou “Esto no es Hawai nin falta que fai” (1986). Era daquela un músico de pop-rock que non fuxía do aspecto máis garaxeiro e guitarreiro, vinte anos despois os seus intereses musicais, como nos de outros músicos dos noventa, trasladáronse á musica latina. Evolucionando como músico segue traballando este xénero con concertos por todas as salas de Galicia na Rede Galega de Música ao Vivo e agardando pola presentación do que será o seu cuarto disco “Aires Novos”, que está próximo a saír.

Pablo pasou grande parte da súa carreira musical en Madrid, cidade na que viviu intensamente a escena musical nos anos noventa e na que gravou o seu anterior disco como solista “Home de Veres” (1995). Inserido na industria discográfica conseguiu destacados postos nas listas de éxitos da radio fórmula, colocando a súa canción “Las cosas llegan cuando tienen que llegar” en todas as emisoras do país. A vertixe da industria deses tempos esgotouno ata o punto de volver a Galicia buscando unha filosofía de vida máis tranquila e un terreo onde crecer musicalmente. Agora une aos seus esforzos como artista outros como representante do sector desde a presidencia que ostenta da Asociación Galega de Músicos Alternativos, coa que ten o empeño “de que os músicos de Galicia teñamos unha asociación na que aunamos esforzos coma colectivo de persoas que vele polos intereses comúns de tod@s, sen importar a idade, o estilo musical , o nivel de formación ou o grado de protagonismo ca música teña nas súas vidas.”

As webs que Pablo Bicho recomenda son:

18 chulos
Por ser os meus compañeiros na miña etapa vivindo en Madrid, meus managers e amigos de moita convivencia e con os que conservo unha gran amizade. Carlos, Susana, JuanMa, Mani, Javi, Santiago, Jurdao, Pepin… por ter a sorte de coñecelos e estar presente no nacemento de este portal de amigos artistas.

Inframundo
Por facer unha moi boa labor e buscar solucións e apoio on-line aos novos músicos da cidade onde vivo. Grazas pola vosa reportaxe e a vosa canle. Moita sorte e continuidade.

STKM
Por potenciar os artistas que necesitan de plataformas que dean difusión a propostas non estritamente comerciais pero que de seguro teñen tamén o seu público e seguidores.

Falcatruada
Por ser un selo discográfico con rigor innovador e traballar basicamente con artistas, cantantes e grupos de Galiza, dando a coñecer e sacando a la luz novas propostas musicais da nosa comunidade.

Stereoskop
Porque o grupo esta liderado pola polifacética, motora e gran amiga Susana Egea e porque esta influenciado por músicos que foron tamén referencia para min nunha etapa da miña vida como son : Depeche Mode, New Order, Bauhaus, Siouxsie and The Banshees …

Pablo Bicho
(Aínda que estamos a mellorala ) A min mesmo por ter a sorte de levar toda a miña vida nesto de forma constante. Pola inspiración para compoñer mais de un centenar de cancións e gozar da música e toda a xente boa ca que me atopei e celebrar ca música sempre te da mais do que che quita.

Miguel Gallardo
Por ser o meu mestre, un grandísimo artista e pola súa talla coma ser humano. Por ser o compositor e autor de mais altura e con mais talento que coñecín. Porque nunca me defraudou nin sequera nos momentos mais difíciles da súa vida. Vai por ti Miguel, pola túa grandeza e por ensinarme tanto.
A meu querido amigo e mestre Miguel Gallardo, Compañeiro infatigable Artista entregado e impulsor das miñas ideas, GRAZAS eternas e infinitas para ti. Grande entre os grandes de verdade.

AGMA
Aínda que non esta rematada a web, quero mencionala e animar a aqueles que queiran unirse a nos nesta nova travesía que sen dúbida será unha ferramenta importante e necesaria para os queridos e valiosos artistas , músicos , técnicos e persoas vinculadas na nosa comunidade. Se queredes poñervos en contacto e parécevos interesante, enviade o voso contacto ao correo agmamusica@gmail.com.