culturagalega
consello da cultura galega

Lóstregos de Brest!

Publicado o 07 May 2013

Calquera lector das aventuras de Tintín na formidable tradución galega de Valentín Arias recoñecerá a expresión Lóstregos de Brest! coma unha das exclamacións máis habitualmente proferidas polo Capitán Haddock e coa que o rudo mariño evocaba probablemente algunha experiencia tormentosa na devandita cidade bretoa. Non consta que Tintin e Haddock visitaran Brest xuntos, aínda que sabemos que si estiveron na Bretaña francesa, como veremos na próxima columna. Porén, si atopamos noutros cómics pegadas da relevancia histórica daquela cidade bretoa, relevancia relacionada sempre coa súa dimensión de cidade portuaria.


O porto coa última flota francesa a vela e a súa representación por Tardi.

É o caso de El demonio de los hielos, un dos primeiros traballos de Jacques Tardi e un relato de viaxes extraordinarias que se inspira abertamente nas 20.000 leguas de viaxe submarina de Verne, mais incorpora tamén préstamos doutros clásicos da literatura fantástica e aventureira, coma a Narración de Arthur Gordon Pym de Poe ou de Nas montañas da loucura de Lovecraft. Nela, o protagonista Jérôme Plumier enrólase nunha expedición naval que pretende investigar a misteriosa desaparición de varios buques no Ártico. O continxente parte do porto amurallado de Brest, representado por Tardi, coma o resto do álbum, cun rexistro gráfico claramente inspirado nos gravados e imaxes que adoitaban acompañar as novelas de aventura a finais do XIX. Non estando entre os traballos que se citan como esenciais da súa traxectoria, El demonio de los hielos permite achegarnos a un Tardi en proceso de aprendizaxe, que opta por estruturas de páxina requintadas e un acabado máis estilizado do que caracterizaría a súa obra posterior. No argumental, a obra reúne moitos dos atributos que máis adiante se converterían en sinal de identidade do autor: a recuperación irónica do folletín, a reciclaxe de xéneros e referentes, a vocación lúdica, así coma un sentido do humor entre cáustico e absurdo que acadaría a súa mellor expresión na serie de Adèle Blanc-Sec.


O castelo no porto segundo Pellerin.

Se hai unha cabeceira que concede especial relevancia á Bretaña francesa e na que a cidade de Brest ocupa unha posición destacada, esa é El Gavilán, longo serial de aventura e romance que o historietista francés Patrice Pellerin vén desenvolvendo dende 1994. Inserida na vizosa tradición da BD franco-belga de ambientación histórica, a serie relata as aventuras de Yann de Kermeur, un cabaleiro acusado inxustamente de asasinato que debe fuxir para poder demostrar a súa inocencia. Valéndose desta premisa como macguffin, Pellerin enceta unha narración aventureira que reúne as características habituais das historias de espadachíns e fai da recreación de escenarios históricos un dos seus principais argumentos. Os primeiros álbums da serie transcorren na Bretaña, terra natal do autor, da que se ofrecen numerosas paisaxes que revelan a especial relación daquela terra co mar e enxalzan a bravura natural das súas costas. O escenario principal desta parte da trama é a cidade de Brest, máis concretamente o seu porto e a prisión-fortaleza que o rodea, localizacións que Pellerin reproduce co estilo limpo e a vocación realista que caracteriza o seu debuxo.


A Estación de Tren segundo Davodeau.

Coa ocupación de Francia por Alemaña durante a Segunda Guerra Mundial o porto de Brest trocaría en praza de relevancia militar estratéxica, dada a súa proximidade a Gran Bretaña. A confrontación entre británicos e alemáns fixo que a cidade fose bombardeada ata quedar arrasada. Tras o conflito houbo de ser reconstruída, o que fixo que se estableceran na cidade arredor de 7000 obreiros de procedencia diversa. As deficientes condicións en que traballaban e vivían, unidas ao clima de oposición á guerra de Indochina ou á aparición con forza do sindicalismo cristián francés, desatou unha cadea de protestas que chegaría ao seu cénit na primavera de 1950. Ha muerto un hombre de Etienne Davodeau recrea a rodaxe e difusión por parte do cineasta francés René Vautier dun documental sobre as violentas folgas de Brest do ano 1950. A fita recollía imaxes das protestas obreiras acompañadas polo recitado do poema de Paul Éluard Un homme est mort, e estaba destinado a ser proxectado coma arenga entre as masas obreiras. Coma en boa parte da súa obra, Davodeau dota o álbum dun aparatoso cargamento ideolóxico, sendo o seu mérito o de saber integralo, con magníficos resultados, nun relato a metade de camiño entre a reconstrución histórica e o documental. O Brest que aparece nas páxinas do álbum é un enorme solar en construción, un fervedoiro de obreiros que habitan barracóns exiguos e no que custa recoñecer a vila elegante e luminosa que atopabamos nas páxinas de El gavilán.

Mais estas estampas de Brest non son as únicas visións da Bretaña francesa que atopamos na banda deseñada. Hai máis paisaxes bretoas en viñetas ás que nos referiremos na vindeira columna.

San Petersburgo, vestixios da Rusia imperial

Publicado o 27 Feb 2013


Nosa Señora de Kazán. Debuxo de Doyague.

O xinete de bronce, poema de Pushkin, Anna Karenina de Tolstói ou Crime e castigo de Dostoievski son algunhas das grandes obras da literatura rusa que transcorren en San Petersburgo, cidade monumental e antiga capital do Imperio Ruso. Tamén O nariz, probablemente o relato máis célebre de Nikolái Gogól. Escrito en 1836, cóntasenos nel a historia dun burgués que descobre unha mañá que perdeu o seu nariz, que aparecerá agochado nun bolo de pan que outro petersburgués, un barbeiro, vai tomar como almorzo. Ambos saen á rúa, o primeiro na procura do seu apéndice e o segundo tentando desfacerse del, e no seu percorrido visitan algunhas das localizacións máis célebres da cidade. O ilustrador leonés Luis Doyague adaptou á banda deseñada este relato con vocación de fidelidade ao orixinal, como demostra, entre outros aspectos, a exactitude con que reproduce o traxecto realizado polos protagonistas: a ponte Isákievski, que leva á catedral de Santo Isaac, a igrexa da Nosa Señora de Kazán, a Avenida Nevski… En escala de grises, cun debuxo próximo á ilustración de literatura xuvenil, Doyague resume e simplifica unha miga o texto orixinal, mais conservando o seu espírito cómico e absurdo, así coma as súas intencións críticas.

No mesmo volume recóllese tamén a adaptación doutro relato de Gogól, de novo con San Petersburgo coma escenario. Trátase de O retrato, reflexión sobre o talento e as debilidades da condición humana no que un cadro de contido arrepiante trae a quen o posúe tanta fortuna material coma degradación moral. O ascenso social do protagonista tradúcese no seu tránsito dende Illa Vasilievski, arrabalde insular de San Petersburgo, á cerna mesma da vida social e económica da cidade. Tamén neste caso Doyague ten moi presente o texto orixinal, tentando recoller e transmitir a súa visión crítica e carga moral.


As canles de San Petesburgo. Debuxo de Cyril Pedrosa.

San Petersburgo foi capital do Imperio Ruso e deixou de selo a raíz da Revolución de 1917, de aí que moitas das ficcións que se ambientan naqueles sucesos teñan a cidade coma escenario. É o caso de Los revolucionarios, cuarto e derradeiro álbum da serie Ring Circus de David Chauvel e Cyril Pedrosa, protagonizada por dous mozos que nun arrouto se unen a unha compañía circense. Tras viviren aventuras en diferentes países chegan a unha Rusia inmersa en plena revolta, onde os seus camiños se separarán definitivamente. A serie suporía o debut de Cyril Pedrosa como autor de banda deseñada, debuxante que xa neste traballo daría mostras do seu notable talento. Aínda que cun estilo moi influenciado pola súa experiencia como animador para Disney, o seu debuxo vivo, luminoso e moi expresivo converteríase axiña no principal engado da serie. Non son poucas as visións panorámicas que Pedrosa ofrece dun San Petersburgo que nos seus lapis semella case unha sublimación fantasiosa do referente real.


O porto de San Petesburgo. Debuxo de Gibrat.

Tamén visitaría o San Petersburgo convulso de 1917 Matteo, protagonista da serie do mesmo nome escrita e debuxada por Jean-Pierre Gibrat. Fillo dun anarquista español, Matteo deserta do exército francés, co que vén de participar na I Guerra Mundial, e foxe cara a Rusia revolucionaria. Alí asiste á loita polo control político entre bolxeviques e tsaristas que transforma a capital nun campo de batalla. A beleza monumental da cidade, as súas grandes avenidas e arquitectura grandiosa, aparecen fielmente retratadas nos pinceis de Gibrat, debuxante de trazo elegante e con experiencia na representación de arquitecturas urbanas. Porén, ese preciosismo xoga na súa contra á hora de expresar a crueldade da confrontación civil ou mesmo a dureza do clima ruso, que chegan ao lector atenuados pola dozura do grafismo. A de Matteo é a historia do desengano sentimental e político do seu protagonista, que deixará a Rusia revolucionaria desencantado pola evolución dos acontecementos.


A estación Anna Karenina / estación Vitebski. Debuxo de Adamov.

Atopamos un dos achegamentos máis curiosos ao San Petersburgo imperial en La emperatriz roja, serie de catro álbums escrita por Charles Dufaux e debuxada por Philippe Adamov, que traslada a un futuro indefinido as loitas polo poder entre o emperador Pedro e a súa dona Catalina. Este xogo temporal fai que o San Petersburgo imperial que se nos amosa estea repleto de vestixios dun pasado soviético e non ao revés. Malia que en ningún momento se identifica a cidade polo seu nome e a maioría de edificios e lugares aparecen con nomes cambiados, son recoñecibles escenarios como a Igrexa do Sangue Derramado ou a Estación Vitebski, reveladoramente rebautizada como “Estación Anna Karenina”. Tanto Dufaux coma Adamov cínguense aos estándares da mellor tradición da BD europea, ofrecendo un produto argumentalmente sólido e ben estruturado, cun debuxo atractivo, personaxes ben definidos e unha ambientación sorprendente.

Descubre San Petesburgo:


Ver mapa más grande

Moscova, memoria da Unión Soviética

Publicado o 06 Sep 2012


Aeroporto Sheremetyevo, segundo Maslov

Los hijos de octubre, obra do debuxante siberiano Nikolaï Maslov producida en colaboración co editor francés Emmanuel Cárrere, non é, como algúns suxiren, o fito fundacional da banda deseñada rusa, pero si un dos escasos indicios que nos chegan de que existe a día de hoxe algo que poidamos denominar tal. Cun acabado próximo ao amateur no que ao debuxo e a técnica narrativa atinxe, a forza dos oito relatos que compoñen este volume trasládase ás necesidades que están na súa orixe: necesidade do autor de expresar a desolación e o abandono que sentiron moitos dos habitantes da antiga Unión Soviética tras o afundimento do sistema; e necesidade tamén de recuperar un medio de expresión, o cómic, que o réxime soviético afogou por consideralo un “entretemento burgués”. A maioría dos relatos transcorren no rural e representan un mundo aínda dominado polo elemental: a terra, o clima, as funcións vitais. Aínda así, Maslov desliza tamén algunhas imaxes da capital rusa Moscova, que presenta coma unha metrópole gris e falta de vida, poboada por unha masa silenciosa.

A práctica inexistencia de cómics rusos durante a maior parte do século XX fixo que nese período a representación da cidade de Moscova viñese sempre do exterior e que, en moitas ocasións, fose reconstruída a partir dun coñecemento da mesma escaso cando non tendencioso. O caso máis obvio é o de Tintín no país dos Soviets, primeira aventura do personaxe e álbum abertamente propagandístico que ofrece unha visión tremendista do daquela emerxente réxime soviético. Hergé nunca reelaboraría aquela aventura, algo que si faría con moitas das posteriores, polo que hoxe nos chega só na súa crúa versión orixinal, cun debuxo pouco depurado que apenas se detén na reprodución de paisaxes.


O Estadio Lenin segundo Juillard


A Praza Vermella segundo Juillard

Tamén visitaron Moscova os aventureiros Blake e Mortimer, mais non foi da man do seu creador E.P. Jacobs, senón de dous dos seus continuadores máis lúcidos, o escritor Yves Sente e o debuxante André Juillard. Referímonos ao álbum La maquinación de Voronov, ambientado na Guerra Fría e coa carreira espacial coma pano de fondo. A vontade dos autores de se manter fieis ao espírito orixinal da cabeceira leva a Sente a construír un argumento que recolle boa parte dos tópicos da obra de Jacobs mentres Juillard se mantén disciplinadamente dentro das marxes estéticas da liña clara. No álbum atopamos ademais un bo número de imaxes da capital moscovita (a Praza Vermella, o aeroporto de Vnoukovo, o Estadio de Lenin ou a Universidade de Lomonossov), co que os autores estarían a reproducir outro dos sinais de identidade da obra de Jacobs, o seu gusto pola ambientación realista e mesmo a identificación explícita dos escenarios nos que transcorre a acción.


O Kremlin, segundo Abadzis

Nun escenario moi semellante desenvólvese Laika, obra do británico Nick Abadzis, que se achega á figura da coñecida cadela rusa, pioneira das viaxes espaciais, mesturando rigor e documentación histórica con necesarias doses de ficción. No seu relato, a célebre misión preséntasenos alentada polo esforzo de superación e o espírito investigador, mais tamén por implacables intereses propagandísticos. Promovida en apenas un mes tras o exitoso lanzamento do primeiro Sputnik para coincidir co 40 aniversario da Revolución Soviética, a modestia da tecnoloxía empregada e a falta de tempo impediron argallar unha vía de regreso para a cadela, que morrería unhas horas despois do lanzamento. A escasa utilidade real da misión transformaría a Laika de símbolo do progreso a mártir do réxime. O debuxo de Abadzis, miniaturista e naïf, ofrece diversas imaxes da daquela capital da URSS: pequenas viñetas contextualizadoras (imaxes externas do Kremlin ou a Praza Vermella), mostras de xenuína arquitectura soviet ou planos xerais dunha cidade fría e industrial.


Johnson/Plunkett e a súa interpretación ‘kriptoníptica’ do monumento soviético aos obreiros

Son moitas as obras que se ocupan da tradicional rivalidade entre Estados Unidos e a extinta Unión Soviética, especialmente dentro do mainstream norteamericano. Un dos exemplos recentes máis sobranceiros é Superman: Red son, miniserie de tres capítulos na que o escritor escocés Mark Millar imaxina o que tería acontecido se a cápsula que o trouxo o Home de Aceiro á terra dende o seu Krypton natal non aterrase en Kansas, senón na estepa ucraína. O Superman que coñecemos, defensor da liberdade, a xustiza e o american way of life, pasa a predicar as bondades do estalinismo e o socialismo real, nunha interesante revisión da mitoloxía do personaxe que, lonxe de caer no maniqueísmo, sementa dúbidas sobre as dúas partes en conflito. Por esixencias do guión, os escenarios moscovitas que acompañan o relato, reproducidos con trazo funcional por Dave Johnson e Kilian Plunkett, remiten ao ambiente de Guerra Fría (o Kremlin, monumentos de líderes socialistas), ademais de incorporar ao sempre icónico Home de Aceiro aos célebres carteis agitprop soviéticos. A obra supuxo un primeiro salto cualitativo na carreira de Millar, ofrecéndolle sucesivas oportunidades na industria ata converterse nun dos guionistas máis populares do mercado norteamericano actual.

Visita Moscova


Ver mapa máis grande

Vertixe en Nova Orleans

Publicado o 20 Jun 2012

O jazz, o Mardi Gras, o vudú ou a arquitectura colonial do french quarter. A visión que hoxe nos chega de Nova Orleáns fálanos dun pasado no que confluíron culturas diversas (a hispana, a francesa, a caribeña ou a africana) e que deixaron na súa superficie unha pegada que aínda hoxe persiste, ata convertela nunha das cidades máis singulares dos Estados Unidos. Probablemente, esta singularidade explique a frecuencia con que ten sido visitada pola ficción, tamén pola banda deseñada.


A Catedral de St. Louis segundo Ormstron

En 1998 vería a luz La chica que quería ser Muerte, miniserie de catro capítulos asinada por Caitlin R. Kiernan e Dean Ormston. O relato, moi na liña do revival do xénero terrorífico que naqueles anos levaran a cabo escritoras como Anne Rice ou Poppy Z. Brite, transcorre nunha Nova Orleáns nocturna e misteriosa, escenario estereotipado e case tópico de numerosos relatos deste tipo. A Morte que se menciona no título non é outra que o personaxe creado por Neil Gaiman en Sandman, cabeceira fundamental do tebeo norteamericano dos anos 90 e cuxa conclusión en 1996 fixo que a editorial DC comics puxera no mercado baixo o seu selo Vertigo toda unha serie de produtos que se alimentaban do seu poderoso imaxinario. Tal é o caso da obra que agora nos ocupa que, sen destacar en apenas ningún aspecto, si pode ser representativa da febre post-Sandman que viviu durante un tempo o tebeo estadounidense, ademais de supoñer a única incursión na banda deseñada de Caitlin R. Kiernan, escritora natural de Nova Orleáns que acadaría certa sona (hoxe asina como Cate Kiernan) como autora de novelas de terror xuvenil.


O French Quarter segundo Dillon

A visión tópica de Nova Orleáns que atopamos en La chica que quería ser Muerte sofre unha despiadada revisión noutra cabeceira clásica da liña Vertigo de DC comics, Predicador, pastiche de xéneros (western, terror, road movie) e probablemente obra cumio de dous autores que teñen colaborado asiduamente, o guionista Garth Ennis e o debuxante Steve Dillon. Aínda que a maior parte da serie transcorre en Texas, Ennis traslada temporalmente a acción a Nova Orleáns para contar unha historia que parodia o sarampelo de terror light que seguiría ao éxito de novelas como Entrevista con el vampiro. Na saga titulada Camino al Sur e máis claramente no especial Cassidy: Sangre y Whiskey, represéntase a confrontación entre o vampirismo estilizado de Anne Rice e o discurso grotesco e irreverente de Ennis e Dillon, sen que falten outros tópicos de Nova Orleáns coma o vudú, os cemiterios ou a música nas rúas do french quarter.


A ponte CCC na visión de Risso e Azzarello

Non son estes os únicos casos nos que o selo Vertigo se achegou á antiga capital de Lousiana. Así, por exemplo, o guionista Warren Ellis escolleríaa tamén como escenario para algúns capítulos da súa serie de culto Los Invisibles, concretamente a historia coñecida como Monstruos reales,na que aparece o Barón Guedhe Nimbo, figura propia de determinados cultos sincréticos. Máis recentemente faría tamén parada en Nova Orleáns a premiada 100 balas, serie de xénero negro que revitalizaría o selo editorial e consagraría aos seus autores, Brian Azzarello e Eduardo Risso. Os clubes de jazz do barrio francés ofrecen a ambientación perfecta para o arco argumental titulado Por las malas no que, seguindo o esquema clásico da cabeceira, o misterioso axente Graves aparece para ofrecerlle a unha persoa en situación de necesidade un maletín cunha pistola e cen balas irrastrexables. Anos atrás, o artista Eduardo Risso ofrecera unha visión bastante diferente (menos pintoresca, máis industrial) da cidade en Yo, vampiro, enésima revisión dos mitos vampíricos que desenvolvera xuntamente co guionista arxentino Carlos Trillo.


As inundacións do Katrina segundo Simon Gane

E non para aí a cousa. Vertigo publicaría tamén en 2010 Dark rain. A New Orleans story, unha novela gráfica escrita por Mat Johnson e debuxada por Simon Gane na que se relatan as catastróficas consecuencias do paso pola cidade do furacán Katrina en 2005. Aínda que baixo o formato dun relato de intriga e acción (o pretexto argumental é o intento de roubo a un banco), a obra pretende retratar fielmente non só o desolador estado no que quedou a cidade tras a traxedia, senón tamén o brutal abandono que padeceron os seus habitantes. A necesidade extrema xera violencia, mais tamén solidariedade neste relato que destila sentimentos tipicamente norteamericanos: a desconfianza cara os poderes públicos e o individualismo coma solución. Aínda que de xeito puntual e máis discreto, outro personaxe clásico da liña Vertigo, a Cousa do Pantano, achegaríase tamén á cidade tras paso do Katrina na etapa escrita por Joshua Dysart. Esta estraña criatura vexetal habita os pantanos de Louisiana dende a súa primeira aparición en 1971 e ten visitado a veciña Nova Orleáns en varias ocasións da man de escritores como Mark Millar ou Nancy A. Collins.

Como máis recente confirmación da boa sintonía entre a cidade e o selo Vertigo podemos mencionar Dominique Laveau: Voodoo Child, efémera cabeceira de argumento máxico cunha protagonista que se supón emparentada coa meiga vudú por excelencia, Marie Laveau. Creada polo guionista Selwyn Seyfu Hinds e o veterano debuxante Denys Cowan, a serie viu a luz en marzo de 2012 e acabada de ser cancelada no seu sétimo número.

Aínda que non garde relación coa liña Vertigo de DC comics, non quero deixar de mencionar El infierno, el silencio, a que ata o de agora é a última entrega da serie Blacksad de Juan Díaz Canales e Juanjo Guarnido. Nela, o célebre detective gatuno desprázase a Nova Orleáns para levar a cabo unha investigación relacionada coa industria do jazz. Os clubs, a música e o Mardi Gras ofrecen a ambientación precisa para que Díaz Canales abrace con convicción os tópicos da serie negra mentres Guarnido deixa unha nova mostra do seu exuberante grafismo.

Explora Nova Orleáns

Bruxelas, capital da BD europea

Publicado o 28 Feb 2012

Hai en Bruxelas un Museo da BD, o Centre Belge de la Bande Desinée, e tamén un Paseo do Cómic, case corenta murais espallados pola cidade nos que están representados os personaxes máis populares do cómic europeo: Asterix, Tintín, Lucky Luke, os Pitufos… Ademais, dúas correntes estilísticas fundamentais do tebeo europeo do século XX tiñan o seu centro na capital belga: a Escola de Marcinelle (Franquín, Peyo, Morris…) e a chamada Escola de Bruxelas (Hergé, E.P. Jacobs, Bob de Moor…). Malia esta fonda vinculación e aínda que poida resultar estraño, a presenza da BD na cidade é maior que a presenza da cidade na BD.


O mercado da Praza du Jeu de Balle en Tintín

Resulta elocuente o caso a Tintín, personaxe que habitou un apartamento de Bruxelas durante os doce primeiros álbums da serie, ata que se trasladou ao Castelo de Moulinsart tras O tesouro de Rackham o Roxo. E malia iso e a coñecida teima de Hergé pola ambientación realista das súas historias, a presenza de imaxes recoñecibles da capital belga nos seus álbums redúcese practicamente ao mercado de antigüidades que aparece en O segredo do Alicornio, que adoita identificarse co mercado da Praza du Jeu de Balle.


O Atomium segundo Sente e Juillard

Algo semellante acontece con E.P. Jacobs, que fixo viaxar ás súas creacións Blake e Mortimer polas paisaxes máis exóticas do mundo mentres Bruxelas aparecía só en dúas viñetas do segundo álbum da serie, El misterio de la gran pirámide. Mais como é sabido, estes dous aventureiros tiveron vida propia tras a morte do seu creador, chegando a ocasión da capital belga da man de Yves Sente e André Juillard, que ambientarían nela o díptico Los sarcófagos del 6º continente moi probablemente coa vontade de homenaxear ao creador do dúo protagonista. Sente e Juillard sitúan a acción na Exposición Universal que se celebrou na cidade en 1958, recreándose na reprodución das diferentes construcións erguidas con tal ocasión: o Atomium, o pavillón Philips que deseñaran Le Corbusier e Xenakis, os pavillóns británico, francés, soviético…, mostras arquitectónicas nas que hoxe percibimos un aquel retrofuturista que encaixa perfectamente co espírito pseudocientífico e inxenuo que Jacobs fixera característico das aventuras de Blake e Mortimer. Tanto no gráfico coma no argumental, Sente e Juillard son quen de se manter fieis ás esencias da cabeceira na etapa de Jacobs ao tempo que artellan un agradable relato de acción e aventura.


O Pazo de Xustiza de Bruxelas e a versión de Schuiten

A calculada exactitude con que Juillard retrata as paisaxes de Bruxelas contrasta coa versión moito máis libre da cidade que atopamos en Brüsel, obra de Benoit Peeters e François Schuiten pertencente á súa serie Las ciudades oscuras. Cun argumento que ten moito de pesadelo kafkiano, o álbum relata a transformación da cidade a finais do século XIX tras a construción do faraónico Pazo de Xustiza, o soterramento do río Senne e a conexión das dúas vías férreas que chegaban á capital. Os deseños arquitectónicos de Schuiten abraian pola súa elegancia e grandiosidade, mais tamén por desviarse dos referentes reais e preferir unha representación que introduce elementos fantásticos e oníricos. A obra, de gran forza metafórica, contén unha dura crítica á deshumanización das urbes tomando o progreso como pretexto, aínda que remata cun certo lugar para a esperanza.


A estación central segundo Yslaire

O mesmo Pazo de Xustiza que centraba boa parte da atención en Brüsel ten certa relevancia en El cielo sobre Bruselas, historia en dous álbums escrita polo ilustrador belga Bernar Yslaire como resposta á barbarie do 11S. O relato transcorre na súa práctica totalidade nunha habitación do hotel Hilton de Bruxelas, onde un home misterioso e unha aspirante a terrorista suicida observan o simbólico edificio contra o cal ela debía atentar. Este xeito de representar a cidade non é novo na obra de Yslaire; o inmenso collage sobre o século XX que é CieloXX.com ofrecía imaxes ben semellantes (aéreas, distanciadas, enmarcadas en xanelas) de perfís tan recoñecibles da cidade coma a figura do Saint-Michel que coroa a Casa do Concello ou, máis outra vez, o Pazo de Xustiza. Imaxes panorámicas para dúas obras cargadas de simbolismo.

Explora Bruxelas:


Ver mapa más grande

Barcelona, a ollada exterior (e II)

Publicado o 16 Nov 2011

Destacabamos na columna anterior a estreita relación entre a banda deseñada e Barcelona, tanto por ser lugar de orixe de nomeados historietistas como por ser sede de importantes editoriais do medio. Alén diso, non son poucos os autores estranxeiros que a elixiron coma escenario para as súas obras, o que confirma tanto a singularidade da cidade como a súa indiscutible proxección internacional.


Giardino e o Passeig de Gràcia

É o caso de Vittorio Giardino, que entre 1999 e 2008 elaboraría os tres álbums que conforman ¡No pasarán!, aventura que sitúa ao espía francés Max Fridman, do que xa falamos anteriormente nesta columna, na guerra civil española. Localizada no tramo final do conflito, a obra relata a chegada de Fridman á zona republicana na procura dun antigo compañeiro desaparecido, argumento que lle vale a Giardino para amosar a faciana máis vulnerable do seu personaxe ao tempo que expón as contradicións e liortas internas no bando republicano. Fridman revélase coma un heroe canso, que conserva os seus ideais a pesares das decepcións que a realidade lle depara. Aínda que con algún lance na fronte, a maior parte do relato transcorre nunha Barcelona que Giardino retrata co colorismo e luminosidade que lle son característicos. As localizacións escollidas non deixan dúbida da súa predilección pola arquitectura modernista da cidade, o cal, por outra banda, concorda co seu propio grafismo. Na súa recreación, o encanto e beleza do Paseo de Gracia e demais rúas do Eixample barcelonés predomina sobre as pegadas que nelas deixou a guerra. A obra, perfectamente coherente malia os dez anos que separan o primeiro e o derradeiro álbum, ven de ser reeditada en formato integral.


Enki Bilal e a Sagrada Familia

Resulta moi interesante comparar esta visión da capital catalá coa que ofrece Enki Bilal en Las falanges del orden negro. Os mesmos escenarios que nos pinceis de Giardino resultaban elegantes e luminosos amosan facetas máis ríspetas cando é o artista francés de orixe serbia quen os reproduce. No trazo pétreo de Bilal calquera rastro de calidez mediterránea desaparece deixando tras de si a aparencia dunha cidade gris e inverniza. A obra, xurdida da colaboración do debuxante co guionista Pierre Christin, relata a volta á acción nos anos 70 dun fato de ex-brigadistas ante un hipotético rexurdimento, en forma de grupúsculo terrorista, do fascismo europeo. Se na obra de Giardino había aínda unha certa esperanza para o idealismo, o relato de Christin e Bilal revela unha visión moito máis pesimista, que reduce os ideais políticos a pouco máis que pretextos para canalizar o odio e a violencia. O que parecería a confrontación de dous sistemas ideolóxicos remata por transformarse nunha loita irracional entre inimigos irreconciliables.


Alessandrini e a entrada ao Poble Espanyol

Mais non só a BD de autor se ten ocupado de Barcelona, tamén os heroes do tebeo popular teñen pisado as súas rúas. Tal é o caso de Martin Mystère, arqueólogo, aventureiro e investigador do oculto moi coñecido en Italia, creado por Alfredo Castelli e Giancarlo Alessandrini e publicado orixinalmente por Bonelli, editor por excelencia do tebeo popular italiano. O personaxe visitaría a Barcelona preolímpica en El misterio de la Sagrada Familia, relato que aproveita os rumores que atribúen veleidades esotéricas a Gaudí para tecer unha intriga que adobía unha premisa pseudohistórica con sociedades secretas, criptas e encapuchados. A arquitectura de Gaudí e especialmente a Sagrada Familia preséntanse coma un xeroglífico esotérico no que se dan cita simboloxía alquímica, máxica e astrolóxica. Debuxa o álbum o creador do personaxe, Giancarlo Alessandrini, ilustrador áxil e eficaz pero de acabado non excesivamente vistoso, que ofrece visións fugaces da arquitectura gaudiniana e doutros escenarios barceloneses como o museo do Poble Espanyol ou as instalacións nas que terían lugar os Xogos do 92.


Diego Olmos debuxa a Batman diante do Museo Nacional d’Art de Catalunya

E aínda que os superheroes de cómic se teñen deixado ver pola cidade condal en diversas ocasións, o caso máis recente e probablemente máis coñecido foi Batman Barcelona: El caballero del dragón, aventura na que o Home Morcego se enfrontaba ao réptil Killer Croc nas rúas da capital catalá. A obra foi obxecto dunha aparatosa campaña publicitaria, incluíndo a súa publicación simultánea en España e Estados Unidos e en coincidencia co Saló de Barcelona de 2009. O rebumbio mediático e probablemente tamén o prestixio do guionista, o veterano Mark Waid, xeraría nos lectores unhas expectativas que o cómic, un divertimento sen pretensións e ben cinguido aos tópicos do tebeo superheroico, non puido satisfacer. Aínda que a visión da cidade neste cómic é xenerosa en estereotipos, comezando polo pretexto argumental que evoca a lenda de Sant Jordi e o dragón, é de agradecer a presenza, canda escenarios máis previsibles, de localizacións menos típicas, como o Hospital San Pau ou o Museu Nacional d’Art de Catalunya. O labor do debuxante barcelonés Diego Olmos foi, a este respecto, irreprochable. Non falta algún momento choqueiro, como cando Batman arrebola unha senyera contra Killer Croc.


Trondheim e a Praza de Santa Maria del Mar

Mais se o que procuramos é un achegamento abertamente humorístico á cidade, atoparémolo en La felicidad inquieta, álbum que forma parte da serie Las pequeñeces, anecdotario de vivencias mínimas do debuxante francés Lewis Trondheim. Fiel á súa teima por extraer o singular do cotián, Trondheim repara na proximidade co centro monumental das zonas onde dormen os sen teito, descobre o encanto kitsch de certos comercios e sorpréndese ante a presenza de máquinas de lambetadas no interior da Sagrada Familia. O seu ollar microscópico exacerba os pequenos detalles, ofrecendo unha versión da cidade diferente, persoal.

Explora Barcelona


Ver mapa máis grande

Barcelona, a ollada interior (I)

Publicado o 06 Sep 2011


Paco Roca

Un dos cómics que mellores críticas ten colleitado no que levamos de ano é El invierno del dibujante, obra na que o valenciano Paco Roca relata a historia real dun grupo de autores que a finais dos anos 50 abandonaron a editorial Bruguera para crear a súa propia revista de historietas. O proxecto fracasaría e os Cifré, Conti, Escobar, Giner e Peñarroya rematarían regresando a Bruguera, pero a súa iniciativa pode interpretarse como unha modesta inauguración da loita pola liberdade creativa e o respecto profesional no eido da banda deseñada. Coa beleza que ten toda derrota do idealismo, Roca reivindica a figura duns artistas cuxo recoñecemento está, aínda hoxe, moi por debaixo da sona que acadaron as súas creacións: Tribulete, Apolino Tarúguez, Zipi e Zape, o inspector Dan, Gordito Relleno…


Paco Roca

A de Roca é unha das máis recentes historietas ambientadas en Barcelona, cidade que ten sido sede de importantes editoriais de BD, lugar de orixe de numerosos historietistas e paisaxe asidua dos tebeos. Na capital catalana estableceu Josep Toutain a axencia Selecciones Internacionales e posteriormente a editorial Toutain, e ao abeiro de ambas publicaría os seus traballos, entre os 60 e os 90, toda unha xeración de autores en cuxa obra está moi presente, non por casualidade, a cidade de Barcelona.


Carlos Giménez

Carlos Giménez debullaría en Los profesionales un extenso anecdotario referido ao tempo no que el e outros artistas como Beá, Usero ou Vázquez traballaban para Toutain. Alén dos retratos persoais, a obra perfílase coma unha lúcida sátira costumista que exhibe as contradiccións da sociedade dos anos 60, na que a disonancia entre a vida na rúa e o discurso oficial da época se escenificaba nunhas Ramblas frecuentadas tanto por monxas, soldados e burguesía como por prostitutas, borrachos e golfos.


Luis García


Fernando Fernández

Compañeiro de Giménez sería Luis García, debuxante dun espectacular realismo que ambientaría en Barcelona traballos como o capítulo Love strip integrado en Las crónicas del sin nombre, obra producida xuntamente co guionista Víctor Mora para a revista francesa Pilote, ou o máis persoal aínda Nova 2, auténticos exercicios de metahistorieta ambos, protagonizados por personaxes que son debuxantes de cómic e teñen rostros tan familiares coma os de Giménez ou Mora.



Alfonso Font

Tamén pertence a esta xeración Alfonso Font, que retrataría a Barcelona do pasado en Barcelona al alba e a dun futuro próximo, hoxe xa pasado, en Taxi, obras que confirman tanto o gusto do autor polas intrigas criminais como a versatilidade do seu grafismo. Ou Fernando Fernández, autor de trazo preciosista que adicou a maior parte da súa carreira a traballos de axencia para Europa e Estados Unidos e que rendería un curioso tributo a Barcelona na futurista, softcore e gaudiniana Zora y los cibernautas.


Beroy e Ferry

Aínda que máis novos, José Mª Beroy e Pasqual Ferry coincidirían cos anteriores en Toutain ou na revista Rambla. O primeiro recollería en Zoo varios relatos de inspiración fantástica e intención ecoloxista nos que o garda mudo Tristán Karma comparte protagonismo con varios animais do zoo de Barcelona. O segundo, un auténtico todoterreo do cómic, deixaría unha visión en claroscuro da cidade en Sebastián Gorza, obra intimista e, malia o seu contido sobrenatural, recoñecidamente autobiográfica, que Ferry publicaría por entregas ao longo de 1989.


Sergio Bleda


Javi Rodríguez e Kenny Ruiz


Raule e Roger Ibáñez

E aínda virían xeracións posteriores a apreixar Barcelona en viñetas: Sergio Bleda ambientaría na cidade o seu célebre El baile del vampiro; Javi Rodríguez e Kenny Ruiz presentaríana como un destino lóxico para os mozos que aspiran a ser artistas en Wake Up e Barcelona respectivamente; e sobretodo, Raule e Roger Ibáñez levarían a cabo no exitoso Jazz Maynard unha enxeñosa recreación do barrio do Raval, configurándoo coma un espacio entre real e mítico no que teñen cabida gángsters, superespías e ninjas. O recente BarcelonaTM, antoloxía de narracións breves a cargo dun nutrido de autores residentes na cidade, viría a confirmar a solidez do vínculo entre ésta e a banda deseñada, vínculo que axiña abordaremos dende outra perspectiva, a que nos ofrece a obra de autores internacionais.

Explora Barcelona


Ver mapa máis grande

Estambul e os misterios de Oriente

Publicado o 22 Jun 2011


A silueta de Santa Sofía segundo Pascal Rabaté

O historietista italiano Pascal Rabaté relata en Ibicus, adaptación da novela de Alekséi Tolstói, a intensa peripecia vital de Simeón Nevzorof, un pequeno burgués con aires de grandeza que abandona Petrogrado no preludio da revolución rusa de 1917 e emprende unha longa viaxe pola supervivencia marcada por unha sorte cambiante. O final de traxecto será Estambul, cidade entón ocupada polas forzas aliadas na que poderá establecerse e alcanzar (irónicamente, iso si) a prosperidade que un día lle fora agoirada por unha cíngara. Rabaté retrata con pinceis bretemosos e tonos grises a que daquela era capital do Imperio Otomano, que se nos presenta como terra de acollida, o lugar no que o protagonista pode poñer fin á súa fuxida.


A cidade antiga desde a Torre Gálata, segundo Pellejero

Non é esta a imaxe da cidade que tradicionalmente se ten proxectado dende Occidente. A maioría das obras europeas recrean Estambul, de xeito consciente ou non, de acordo cos tópicos sobre a cultura oriental máis extendidos no noso entorno, configurándoa coma o escenario idóneo para a intriga e a aventura. Tal é o caso de Un puñal en Estambul, relato breve que daría a coñecer a Dieter Lumpen, o aventureiro claramente debedor de Corto Maltés creado por Jorge Zentner e Rubén Pellejero. A partir do roubo dunha peza de museo, Zentner constrúe un áxil divertimento no que o heroe apátrida deixa as primeiras mostras do seu carácter individualista e descrido. Cun estilo menos persoal do que exhibiría en obras posteriores, Pellejero ofrece unha imaxe da cidade nocturna e misteriosa, preferindo o encanto dos baixos fondos á súa grandeza monumental. Aínda que publicada orixinalmente en branco e negro, existen versións coloreadas desta historia.


A Mezquita de Suleiman, vista por Desberg

A escuridade do Estambul de Pellejero contrasta co colorismo de Vittorio Giardino, que trasladaría á cidade turca ao seu espía Max Fridman na que sería a súa segunda aventura, La puerta de Oriente. Giardino utiliza algunhas das localizacións máis coñecidas da cidade (a igrexa de Santa Sofía, a mesquita do Sultán Ahmed, o Bósforo) como escenario dalgúns dos lances do relato, reproducíndoos co clasicismo, a luminosidade cromática e o gusto polo detalle que caracteriza a súa obra. A súa visión pesimista e desmitificadora da figura do espía sitúa esta intriga na liña escéptica de autores como Graham Greene ou John le Carré.


O Gran Bazar, segundo Giardino

Hai dúas franquicias especialmente exitosas da BD actual que tamén situaron a súa acción en Estambul. A primeira é El Escorpion de Stephen Desberg e Enrico Marini, unha hábil combinación de lixeireza argumental e espectacularidade gráfica que homenaxea con éxito as clásicas aventuras de espadachíns. Aínda que centrada en Roma, no cuarto álbum da serie os autores levarían ao protagonista a Estambul na procura dunha reliquia, continuando o relato nas insólitas paisaxes da Capadocia no tomo seguinte. Ambos escenarios ofrecen un pretexto perfecto para que Marini deixe constancia da elegancia do seu trazo e a forza icónica dos seus deseños, sendo o seu debuxo un dos principais argumentos a prol da cabeceira.


Os tellados do Gran Bazar, por Miralles

Finalmente, Jean Dufaux e Ana Miralles situarían tamén en Estambul os catro primeiros álbums de Djinn, historia na que unha occidental viaxa á cidade turca seguindo os pasos da súa aboa, que fora favorita dun dos últimos sultáns da cidade. O halo de sensualidade e misterio que preside o relato ten moito de visión estereotipada, abordándose de novo o contraste entre culturas cun claro predominio da perspectiva occidental. O bazar, os haréns, mesmo os derviches xiratorios…, hai moito exotismo de postal nas páxinas desta obra na que o interese deriva de novo cara o apartado gráfico. As páxinas da madrileña Ana Miralles medran en elegancia e intensidade a medida que o relato avanza, ofrecendo a que probablemente sexa a versión máis mediterránea da cidade de cantas temos mencionado.

Visita Estambul

Bagdad, esplendor e caída

Publicado o 13 Apr 2011


A Bagdad de David B.

O debuxante francés David B. acadou un merecido recoñecemento con Epiléptico, un denso relato autobiográfico no que describía unha infancia e mocidade condicionadas pola epilepsia que padecía o seu irmán. Se cadra para alonxarse do ton marcado por aquel traballo, o autor ensaiou rexistros ben diferentes en obras posteriores. Tal foi o caso de Los buscadores de tesoros, unha historia ambientada no Bagdad do século IX na que unha extravagante confraría de personaxes capitaneada por un cáustico verdugo se embarca na procura da sombra que lle foi sustraída a un deles. A peculiar combinación de imaxinación atoleirada con elementos sinistros dá lugar a unha obra tan persoal coma difícilmente clasificable. Nela resulta especialmente salientable o salto gráfico do artista, que engade ao seu trazo minimalista unhas cores básicas e un traballo de composición que achegan o resultado ás miniaturas que ilustran os manuscritos medievais. Unha mágoa que, tras os dous primeiros álbums, La sombra de Dios e La ciudad fría, o autor abandonara a serie deixándoa inconclusa.


A Bagdad de Duchazeau en Os 5 narradores de Bagdad

Aínda que peneirada pola súa particular visión, é posible recoñecer no Bagdad de David B. a imaxe romántica da cidade que agromou en Europa tras a recepción e divulgación de As mil e unha noites. A influenza deste clásico da literatura resulta aínda máis clara en Os cinco narradores de Bagdad, un álbum de Fabien Vehlmann e Frantz Duchazeau que Factoría K publicou en galego hai dous anos. Concibida coma unha reflexión sobre o feito mesmo de contar historias, a obra narra unha viaxe-aprendizaxe que ten como punto de partida e destino a cidade de Bagdad. Gran parte do atractivo da obra reside no labor de Duchazeau, artista de trazo moi semellante ao de Christophe Blain, que retrata con elegancia e contención a que daquela era capital do Califato Abasí.


Sandman visita Bagdad co califa, por P. Craig Russell

É difícil recoñecer na cidade exótica e grandiosa que atopamos nestas obras á que hoxe é capital de Irak e que a historia recente envolveu en sucesivas guerras. O escritor británico Neil Gaiman ofreceu unha explicación para este contraste no capítulo 50 de Sandman, a súa obra máis influínte. Contemplando a cidade no cénit do seu esplendor, o califa Harún al-Rashid tomaría conciencia da inevitabilidade dun posterior declive, motivo polo cal invocaría a Morfeo, Señor dos Soños, e chegaría con el a un acordo. Morfeo mercaba Bagdad a cambio de comprometerse a manter a súa maxestosidade no plano onírico con total independencia do seu devir histórico. A cidade esplendorosa que atopamos nas ficcións contemporáneas sería o Bagdad soñado que xurde deste pacto. P. Craig Russell, un debuxante especialmente dotado para a representación fantástica e colaborador habitual de Gaiman, contribúe esencialmente a crear a atmósfera máxica que a historia precisa. Russell representa un Bagdad requintado e luminoso antes de rematar o episodio cunha fugaz visión da decadencia da cidade no século XX.


As mans da victoria, por Niko Henrichon


O Monumento aos Mártires, por Niko Henrichon


A estatua de Saddam Hussein, por Niko Henrichon

El orgullo de Bagdad, obra do escritor Brian K. Vaughan e do debuxante Niko Henrichon, achéganos a historia máis recente da cidade. O guionista, unha das voces renovadoras do cómic americano actual, parte dun feito real, que os leóns do zoo de Bagdad fuxiron das súas gaiolas e camiñaron polas rúas da cidade durante a invasión norteamericana de 2003, para despregar un discurso antibelicista certamente previsible, mais tamén necesario. A barbarie da guerra adquire unha nova dimensión contemplada a través dos ollos dunhas bestas supostamente irracionais que reaccionan con abraio e terror ante a sofisticación destructiva dos seres humanos. Henrichon, prácticamente un debutante, aporta unha dozura gráfica que fai máis dixeribles as imaxes de morte e destrución que se lle ofrecen ao lector. Contemplando as súas páxinas, o tempo de esplendor da cidade semella mais lonxano que nunca.

Explora Bagdad en Google Maps


Visualizar o mapa ampliado

O Tíbet, entre a aventura e a espiritualidade

Publicado o 08 Feb 2011


Os experimentos de perspectiva de Hergé coas montañas tibetanas

O tópico occidental retrata o Tíbet coma refuxio espiritual, un recanto arredado e inaccesible que custodia as esencias dunha sabedoría ancestral. A banda deseñada ofrece múltiples exemplos da recepción desta idea. No Himalaia situou Lee Falk o Collegium Magikos, a escola de maxia á que asistiría na súa mocedade o Mago Mandrake. Tamén alí aprendería artes arcanas o Doutor Estraño, feiticeiro supremo do Universo Marvel creado por Stan Lee e Steve Ditko. Agochada na cordilleira atopamos tamén a cidade de Attilan, fogar dos Inhumanos, seres de orixe extraterrestre dotados de habilidades extraordinarias que debutarían na cabeceira dos 4 Fantásticos da man de Stan Lee e Jack Kirby.


As fotos de National Geographic que inspiraron a Hergé e a súa plasmación en viñetas

Aínda que metaforicamente, tamén Georges Remi “Hergé” procurou conforto espiritual no Tíbet cando o proceso de separación da súa primeira esposa o sumiu nun estado semidepresivo. De fondas crenzas católicas, Hergé tiña pesadelos nos que recorrentemente aparecían inmensas masas brancas. Para conxurarlos, o debuxante concebiu unha aventura de Tintín nos cumios nevados do Himalaia, dando lugar a un álbum que sempre recoñecería como un dos seus favoritos, Tintín no Tíbet. Nel, Tintín embárcase na procura do seu amigo chinés Chang, aparentemente morto nun accidente de aviación no Himalaia. No libro Tintín, el sueño y la realidad de Michael Farr podemos contemplar algunhas das imaxes que Hergé empregou como documentación para reproducir as paisaxes tibetanas, a maioría delas tomadas da revista National Geographic, e que o debuxante trasladaría ao papel coa obsesiva fidelidade que resulta habitual na súa obra. A inmensidade branca do Himalaia ofreceu tamén a Hergé un contexto idóneo para despregar o colorismo plano e sen matices propio do seu estilo e mesmo para levar a cabo algún xogo de perspectivas coas enormes montañas nevadas coma fondo, o que daría lugar a non poucos debates entre a crítica. O autor proxectou o seu estado anímico na súa creación, presentando a un Tintín especialmente emocional e sensible, un rexistro inusual no personaxe que singulariza un álbum, por outra banda, repleto de achados formais.


A cidade de Leh vista por Cosey

Coma no caso de Tintín, a maioría dos relatos que transcurren no Tíbet conxugan espiritualidade e aventura. Así acontece coas historias de Jonathan, personaxe creado polo suizo Cosey que protagonizaría máis dunha ducia de álbums, e tamén cun dos traballos máis coñecidos do escritor chileno Alejandro Jodorowsky, El lama blanco. A obra, unha mestura de bildungsroman e relato colonial, narra o tránsito da infancia á madurez dun neno de orixe europea criado no Tíbet. Malia conter algúns episodios de misticismo new age típicos do psicomago chileno, os lances xenuinamente aventureiros e especialmente o debuxo de Georges Bess contribúen a un resultado máis intelixible que outras obras do mesmo autor. Bess, que visitara o Tíbet antes de recibir a encarga de debuxar estes álbums, é un artista de trazo clásico, debedor de autores como Pratt ou Giraud. O seu labor nos lápices suaviza as propostas esotéricas de Jodorowsky, ademais de ser unha demostración do proveito que se lle pode tirar ás grandes pranchas proprias do formato europeo.


O Potala, antiga sede do goberno tibetanom, visto por Bess


Viñetas de Bess coa súa visión dos “chortens”

Anos máis tarde, Bess crearía outra serie ambientada no Tíbet, Pema Ling, que conxuga unha historia de vinganza persoal coa tensión política provocada pola invasión chinesa do Tíbet durante a primeira década do século XX. Os cinco álbums producidos entre 2005 e 2009 deixan constancia da evolución do artista, que supera as súas inluenzas para ofrecer un traballo moito máis persoal e maduro. Bess recréase na definición de rostros e paisaxes, acadando un grao de en espectacularidade e detallismo inédito na súa obra previa. Lamentablemente, o cambio na directiva da editorial Dupuis provocou a interrupción da serie, polo menos ata que o autor atope un novo editor. Agardemos que sexa axiña.

Explora Lhasa, capital do Tíbet