O rueiro imaxinario de Nova York
Dende a acción superheroica de Spiderman ou Os 4 Fantásticos á achega futurista do DMZ de Brian Wood e Riccardo Burchielli, pasando pola visión independente de autores como Ben Katchor ou Julie Doucet, son moitas as versións da cidade de Nova York que ofrece o mundo do cómic.
Cumpridos os sesenta anos, Will Eisner sentiu a necesidade de poñer en valor o oficio que exercera dende a súa mocedade, o de autor de cómics. Foi entón cando escribiu e debuxou catro relatos ambientados na cidade de Nova York que verían a luz en 1978 baixo o título de Contrato con Deus, obra que pasaría á historia por traspasar as fronteiras temáticas que ata entón se lle impoñían á banda deseñada e explorar conscientemente os recursos narrativos que lle son proprios. .
As historias que compoñen o volume transcurren no mesmo edificio, o número 55 da ficticia avenida Dropsie. Se quixeramos elaborar un rueiro imaxinario da cidade de Nova York deberiamos concederlle un lugar preferente a esta rúa situada no corazón do Bronx, que Eisner convertiría en escenario privilexiado das súas historias neoiorquinas. Arredor da avenida Dropsie xurde unha veciñanza composta por tenements, edificios de varios pisos habitados por persoas de orixe humilde, moitos deles inmigrantes, e nos que un súper exerce a autoridade por delegación do propietario. Eisner crea unha paisaxe deprimida e frustrante, que aboca sutilmente aos seus habitantes á depredación mutua. O autor voltaría a este escenario en Arelas de vivir (1983) e A avenida Dropsie (1995), novela gráfica que narra a historia da rúa dende a súa orixe rural no século XIX ata finais do século XX.
Pero non foron éstas as súas únicas aproximacións á Grande Mazá. En Nova York: a gran cidade (1981-1986) e Apuntamentos sobre a xente da cidade (1989) Eisner retrátase a si mesmo como testemuña do incansable trafego da capital neoiorquina. Con elementos xenuinamente urbáns (xanelas, buzóns, bocas de incendio…) como excusa argumental, Eisner constrúe fugaces episodios protagonizados por xente anónima que baila ao son que lle marca a cidade, nunha vertixinosa loita pola supervivencia cotiá.

Outra obra esencial da historia do cómic, Watchmen (1985) de Alan Moore e Dave Gibbons, toma tamén as rúas da capital neoiorquina coma escenario, desta volta para levar a cabo unha sórdida desmitificación da figura do superheroe. Fronte ao tratamento global e exhaustivo de Eisner, a achega de Moore e Gibbons é sintética: a grande cidade vese reducida a unha rúa anónima, teatralmente caracterizada (a beirarrúa, un quiosco, unha farola) coma un recanto vulgar e insignificante que rematará sendo o epicentro dun evento global, a zona cero do noso rueiro imaxinario.
De querermos darlle unha última volta de parafuso á nosa guía de NY podemos deternos na adaptación ao cómic que Paul Karasik e David Mazzuchelli fixeron en 1994 da novela Cidade de cristal de Paul Auster. O seu compromiso coa enigmática prosa do orixinal levounos a construir un complexo aparello formal co que dar resposta a unha trama tan laberíntica como fascinante. Nela, un escritor que finxe ser detective experimenta o esfarelamento da súa identidade mentres traza unha ruta imaxinaria polo rueiro real de Nova York. No final do traxecto só queda a cidade.


RSS