Israel e Palestina, tres olladas sobre o conflito

O Muro das Lamentacións. Viñeta de Sacco.
O primeiro número da revista de banda deseñada El manglar incluía un breve relato de Émile Bravo titulado Os Ben Qutuz brothers na terra da frustración. A terra á que se refire o título non é outra que Palestina e a historia denuncia a violencia, o adoutrinamento e o odio ao outro a propósito do conflito que leva décadas enfrontando a palestinos e israelís. Trátase dunha mensaxe tan simple e directa que Bravo non precisa palabras para contala, abóndalle coa forza expresiva do seu peculiar estilo gráfico, enganosamente infantil. A historia xira arredor do principio acción-reacción e do bucle interminable de violencia que xera, mantendo unha certa equidistancia entre os dous bandos en loita.
Mais o punto de partida de calquera aproximación a Oriente Medio da man da banda deseñada é Palestina: na franxa de Gaza do xornalista e debuxante norteamericano Joe Sacco, que foi un clásico instantáneo e deixou establecidos os estándares para o uso do cómic na crónica xornalística. En contraste coa posición de Émile Bravo, Sacco renuncia abertamente a calquera pretensión de obxectividade. O seu é un relato comprometido, que toma partido abertamente polo bando palestino e se centra na denuncia dos abusos dos colonos sobre unha poboación desprotexida, vítima dun reparto de forzas inxusto.

A vila palestina de Silwan
Capítulo a capítulo, Sacco percorre os territorios ocupados na procura de testemuños sobre os horrores do conflito. Nablús, Ramallah, Hebrón… cada unha das vilas que o autor visita presenta na súa superficie as cicatrices dunha guerra que xa nos 90 parecía demasiado longa: estradas sen asfaltar, rúas enlamadas, casoupas ruinosas, vehículos descompostos… Sobre o terreo, unha poboación afogada amósase incapaz de vivir á marxe dun conflito que marca invariablemente o seu día a día. O trazo groso e feísta de Sacco, debedor do underground americano, encaixa á perfección coa crueza dos testemuños recollidos.

A única paisaxe descrita por Sacco que rompe coa desoladora imaxe das zonas ocupadas é a cidade israelí de Tel Aviv. É nesa urbe xenuinamente mediterránea onde transcurren as obras de Rutu Modan. Ao contrario que Sacco, esta autora israelí ofrece a súa visión sobre o conflito sen abordalo directamente. Na súa obra máis significada, Metralla, dous mozos tratan de averiguar se un home desaparecido morreu ou non nunha acción terrorista.


Tel Aviv: luz mediterránea, rañaceos e Bauhaus
O percorrido dos protagonistas na procura de indicios válelle a Modan para retratar unha Tel Aviv luminosa e dinámica, concentrada nas súas propias rutinas e en cuxa arquitectura se percibe aínda a pegada do bauhaus dos anos 30. Apenas se fala do atentado, as súas causas non se cuestionan, nin se menciona aos seus autores; a violencia asúmese coma unha presenza cotiá, molesta pero inevitable.
Son moitas as cousas que teñen acontecido nos quince anos que separan as obras de Sacco e Modan e, sen embargo, o rostro do conflito apenas cambiou neste tempo.
Viaxa ata Tel Aviv:
Visualizar o mapa ampliado


RSS