culturagalega
consello da cultura galega

Londres, literatura en pedra

Publicado o 02 Sep 2009


A Torre de Londres e o Tower Bridge, segundo Edgar P. Jacobs, e o seu modelo real

Aínda que a perpetua confrontación de Blake e Mortimer, os aventureiros creados polo debuxante belga Edgar P. Jacobs, co seu megalómano adversario Olrik coñeceu escenarios tan exóticos como Exipto ou a Atlántida, o que foi o episodio máis popular da saga, o recollido no álbum A marca marela, transcurría nas máis familiares rúas de Londres. Nel, un roubo na Torre de Londres daba lugar a un vertixinoso percorrido polos escenarios máis pintorescos da cidade: da estación de King’s Cross a Picadilly Circus cunha inevitable parada na biblioteca do British Museum.


A sala de lectura do Museo Británico, segundo Edgar P. Jacobs

Esta ambientación, aparentemente orientada a facerlle o escenario ben recoñecible ao lector, vese complementada cunha exhaustiva identificación de cada un dos recantos que aparecen na historia, o que respondería á vocación realista que o debuxante compartía co seu bo amigo Hergé. Retratada baixo as premisas estéticas da “liña clara”, a capital inglesa presenta un perfil colorista e tranquilizador, acorde co espírito de aventura xuvenil que preside o conxunto da saga.

O reverso escuro desta representación atoparíamolo en From hell, a complexa aproximación de Alan Moore ao mito de Jack o Destripador, na que a miseria dos baixos fondos londinenses aparece descrita co trazo áspero do debuxante escocés Eddie Campbell.


A Chirst Church From Hell, de Alan Moore

Moore rompe o círculo que vencella ao Destripador a Whitechapel e involucra ao conxunto da capital londinense no plan do asasino. No capítulo cuarto, un dos máis brillantes da obra, o Destripador de Moore, cuxa identidade se nos revela xa dende o inicio da narración, fai un longo percorrido en coche de cabalos por un Londres que conforma, na súa visión, un entramado simbólico que explica o pasado da urbe e determina o seu presente. Tumbas, templos e monumentos expresarían o triunfo violento dunha cultura sobre as que a precederon e demostrarían unha teimuda vontade de seguir influindo na realidade. As igrexas deseñadas polo arquitecto Nicholas Hawksmoor (Christ Church, St George’s Bloomsbury, St Paul’s Cathedral…), cristiás na superficie mais inspiradas en templos pagáns, serían a metáfora dunha cidade en cuxos adentros latexa aínda unha pulsión primaria.

O plan do Destripador axeitaríase á mensaxe misóxina que se atoparía inscrita nas pedras da cidade: en Battle Bridge caeu o matriarcado da raíña Boadicea; a catedral de St. Paul érguese onde antano houbo un templo adicado a Diana; columnas, torres e obeliscos serían unha obvia representación da masculinidade… O asasinato ritual de catro prostitutas constituría outro símbolo dirixido aos mesmos fins: recoller e perpetuar o sometemento secular da muller ao varón. O noso tempo, co mito do Destripador convertido en parque temático e a violencia sobre as mulleres lamentablemente vixente, confirmaría o triunfo do seu plan.

Impoñendo cadansúa ollada sobre a paisaxe, Jacobs e Moore demostran que Londres non é unha soa cidade, senón a suma de todas as cidades que leva dentro.

Atravesa o Tower Bridge co Google Street View:


Ver mapa más grande