Berlín e o século XX
A modernidade e o dinamismo que fan de Berlín un dos máis importantes centros políticos, económicos e culturais da Europa actual invitan a esquecer as convulsións que a capital alemana sufriu durante o século XX. Se a Segunda Guerra Mundial remataba coa grandeza monumental da cidade reducida a cascallos, apenas uns anos máis tarde a Guerra Fría erguía un muro que mantería aos seus habitantes arredados durante case trinta anos. Son varios os autores que teñen revisado, da man da banda deseñada, estes e outros avatares vividos pola cidade durante o século pasado.


O Reichstag visto por Lutes e con fotografía HDR (Foto: Wolfgang Staudt)
O escritor e debuxante Jason Lutes debe grande parte do seu prestixio a Berlín, obra proxectada como triloxía da que ata o de agora viron a luz as dúas primeiras entregas e na que o autor norteamericano se achega ao convulso ambiente da capital alemana durante os últimos anos da República de Weimar. Foi aquel un tempo de inestabilidade política, crise económica, tensións sociais e conflitos de clase que rematou con Hitler instalado no poder. Lutes pretende amosar este mosaico de acontecementos en toda a súa complexidade, ofrecendo unha imaxe completa das circunstancias que poden levar a un pobo a abrazar o nazismo. Para afrontar un propósito tan ambicioso constrúe un relato exhaustivo e de ritmo pausado, que se achega aos grandes eventos históricos a través das súas repercusións na esfera persoal dos protagonistas. O individuo amósasenos empequenecido polas dimensións da cidade e tamén por unha marea de acontecementos á que non pode sustraerse. As paisaxes urbanas de Lutes revelan as contradicións dunha cidade en proceso de industrialización, na que o contraste entre a calor dos cabarés e o frío das rúas expresa unha distancia social entre burguesía e lumpen que estará na orixe de futuros conflitos. Se o primeiro tomo, Cidade de pedras, concede máis importancia á confrontación ideolóxica e os movementos populares dun e outro signo, o segundo, Cidade de fume, céntrase nas tensións raciais e de clase.

Nazis no Reichstag (Parlamento alemán). A fotografía orixinal e a interpretación de Lutes
O trazo limpo de Lutes e a elusión do xogo de luces e sombras, especialmente evidente no seu caso ao traballar en branco e negro, vencéllano a Hergé, autor que tamén consideraba esencial a documentación histórica e visual. No epílogo do primeiro volume, Lutes especifica as referencias polas que se guiou na recreación dos distintos escenarios da cidade, fundamentalmente obras de pintores vencellados coa corrente expresionista como Franz Lenk, George Grosz ou Otto Dix, aínda que tamén fotografías de autores como August Sander. Algúns destes referentes aparecen explícitamente homenaxeados nas páxinas de Berlín, mentres a pegada de outros resulta evidente en aspectos como o retrato de ambientes ou o vestiario dos personaxes.

Viñetas de Guibert
Tamén Brune, un dos primeiros traballos de Emmanuel Guibert, recolle unha historia ambientada no Berlín dos anos 20 do século pasado. O autor francés adicou máis de seis anos a esta obra atípica na súa bibliografía, elaborada por encargo e que finalmente ficaría inacabada, publicándose só o primeiro dos dous álbums previstos. Non é doado recoñecer ao autor de O fotógrafo ou A guerra de Alan nas páxinas de Brune. As súas pranchas repletas de detalles achégano a un hiperrealismo que abandonaría axiña por un grafismo moito máis sintético. Anque a maior parte da acción desta obra transcurre en interiores, Guibert non renuncia a ofrecer algunhas imaxes ben recoñecibles do Berlín máis maxestuoso, como a Porta de Brandenburgo ou a Potsdamer Platz.

Collage dunha renuncia de Miguelanxo Prado
Se cadra o derradeiro fito histórico vivido por Berlín no pasado século foi a caída, en novembro de 1989, do muro que mantivo a cidade esgazada durante case tres décadas. Apenas comezara o proceso de unificación cando o guionista Pierre Christin promoveu, en colaboración co editor alemán Andreas Knigge, un volume colectivo que pretendía ser crónica urxente dos acontecementos. A publicación debía ver a luz en xaneiro de 1990, é dicir, tan só un par de meses despois do acontecemento, o que demostra a vontade dos promotores de ofrecer unha visión dos feitos máis intuitiva que reflexiva. Un artista tan próximo a nós como Miguelanxo Prado participou no proxecto cun traballo titulado Collage dunha renuncia, unha narración breve, de apenas catro páxinas, máis próxima ao relato ilustrado que ao cómic propiamente dito. A historia participa do ton melancólico que Prado adoita imprimir aos seus relatos, mais remata cunha imaxe esperanzadora de cara ao novo século, o reencontro eufórico dos berlineses dos dous lados do muro.
Visita Berlín
Ver mapa más grande


RSS